Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Habanera conmemorativa do centenario do Himno galego n’ A Estrada

28 xuño 2007

O sábado 30 de xuño, ás 21 horas no Teatro Principal da Estrada, terá lugar a estrea da habanera galega Cen anos hai, conmemorativa do Centenario do Himno galego. A interpretación estará o cargo ao cargo da Coral Polifónica Estradense, que actuará acompañada da Agrupación Coral Pazo de Oca e da Coral do Centro Social da Estrada. O texto do libreto repartirase no acto xunto coa partitura. A organización quere lembrar o feito de que “a idea de compoñer unha habanera en galego xurdiu na mesma cidade da Habana, e precisamente no mesmo lugar onde tivera lugar a solemne estrea do Himno Galego.”

Presentación en Ourense d’ “Os escritores galegos ante a guerra civil española”, de Xesús Alonso Montero

27 xuño 2007

O xoves día 28 de xuño, ás 20:15 horas no Salón Nobre do Liceo de Ourense, terá lugar o acto de presentación do libro Os escritores galegos ante a guerra civil española, de Xesús Alonso Montero. Intervirán no acto Marcos Valcárcel e o autor. (Liceo de Ourense)

XXXIIIª Feira do libro de Vigo

27 xuño 2007

Do 29 de xuño ao 7 de xullo de 2007, nos xardíns da Praza de Compostela, desenvolveranse diversas actividades creativas no contexto da XXXIIIª Feira do libro de Vigo. Os que acudan poderán “participar nos obradoiros de creatividade (ilustración, escrita, artesanía do libro). Palabras, imaxes, libros con vida propia, todo un imaxinario para descubrir.”
.

Preséntase en Betanzos “Trinta e dous dentes”, de Xavier López López

27 xuño 2007

O venres 29 de xuño, ás 21:00 horas na Sala Azul do edificio Liceo en Betanzos terá lugar a presentación de Trinta e dous dentes, de Xavier López López, libro finalista do Premio Torrente Ballester 2006.O acto contará coa participación de Gabriela Rodríguez s(ecretaria da A. C. Eira Vella), Carlos Lema (director de edicións de Editorial Galaxia), Rosa Aneiros (escritora) e o autor.

María Reimóndez pronta para a conversa en Carballo

26 xuño 2007

O Concello de Carballo, o Café Valle Inclán e a Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños organizan unha conversa con María Reimóndez, autora d’ O club da calceta, dentro do proxecto Literactúa. Será o mércores 27 de xuño ás 20:30 horas no Café Valle Inclán (Rúa Valle Inclán, 32) de Carballo. A autora será presentada por Fina Bastón, da Marcha Mundial das Mulleres de Bergantiños.

Gadis repartirá 8.000 exemplares d’ «O xabaril branco», de Tucho Calvo

26 xuño 2007

“Gadis repartirá entre os seus clientes oito mil exemplares da novela xuvenil O xabaril branco, unha historia escrita por Tucho Calvo e ilustrada por Miguelanxo Prado. Nos establecementos que a cadea de alimentación ten en León distribuirase a tradución ao castelán do libro. Gadis quere así fomentar a lectura entre os máis novos, e regalará o libro a todos aqueles que fagan unha compra superior aos 30 euros ata que se acaben as existencias da novela.” (La Voz de Galicia)

Lucía Aldao, María Lado e Suso Pensado recitarán n’ A Coruña

26 xuño 2007

O xoves 28, ás 19:30 horas no Centro On de Caixa Galicia (Cantón Pequeno, 7-11), terá lugar un recital poético no que participarán Lucía Aldao, María Lado e Suso Pensado. Remata así o ciclo “Xoves poéticos”, no que estiveron presentes Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Emma Pedreira e Lía Santiso.

Miguel Anxo Fernán-Vello na Galería Sagadelos d’ A Coruña

25 xuño 2007

O martes 26 de xuño, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Miguel Anxo Fernán-Vello nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.

John Rutherford recibe o Premio Trasalba 2007

25 xuño 2007

(Vieiros)

Presentación en Compostela de “O alento da musa”, de Alberte Momán

25 xuño 2007

O xoves 28 de xuño de 2007, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, presentarase ao público o libro de narrativa de Alberte Momán O alento da musa, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas. O acto contará coa presenza do autor e do editor Xavier Paz.

Premio Concepción Arenal 2008