Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Comeza a funcionar o Consello Asesor do Libro

28 Setembro 2007

«O Consello Asesor do Libro xa está en funcionamento despois de que o DOG publicase o Decreto que regula a súa composición e obxectivos. Este organismo adicado ao estudo e ao asesoramento da Administración forma parte da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.
Informes sobre os índices de lectura e da produción en Galiza, propostas de actuación para o fomento da lectura, para mellorar a edición ou a comercialización son algúns dos obxectivos encomendados a este organismo, que xurde como substituto da Mesa do Libro para dar voz a todos os implicados no sector. Así mesmo, o Consello Asesor do Libro tamén se encargará de elaborar unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate no que participarán expertos do país, organizar o Congreso do Libro Galego, editar a Axenda do Libro ou elaborar informes e estratexias para a promoción da literatura galega no exterior.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Presentación da Colección Barriga Verde de textos de teatro para monicreques

28 Setembro 2007

O IGAEM, a Asociación Cultural Barriga Verde e Baía Edicións presentarán a Colección Barriga Verde de textos de teatro para monicreques. O acto terá lugar o 2 de outubro de 2007 ás 13 horas na Sala de Conferencias da Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural-Santiago de Compostela).
Os títulos que inician esta colección son O afundimento do Tiránic, de Breogán Riveiro, Misterio en Guernica, de Xosé Manuel Fernández Castro e O soñador, de Gabriel Castilla. Intervirán Miguel Martín (Xerente do IGAEM), Belén López (Directora Editorial de Baía Edicións), Xosé Manuel Fernández Castro (autor), Breogán Riveiro (autor) e Jorge Rey (Presidente da Asociación Cultural Barriga Verde).

Eduardo Estévez recitará na Sargadelos de Ferrol

28 Setembro 2007

O día 3 de Outubro, ás 20:00 horas, na Galeria Sargadelos de Ferrol Eduardo Estévez ofrecerá un recital poético. O acto está coordinado polo colectivo Ao carón da Lareira.

Preséntase n’ A Coruña O señor Lugrís e a negra sombra, de Luís Rei

27 Setembro 2007

Luís Rei presentará o 27 de setembro ás 20:30 horas na librería Arenas d’ A Coruña (Cantón pequeno, 25) a súa novela O señor Lugrís e a negra sombra, na súa versión en galego e castelán, editada por Xerais e Ediciones del Viento, respectivamente. O acto contará coa participación de Manuel Alvarez Torneiro, Eduardo Riestra e Manuel Bragado. A novela trata sobre o pintor Urbano Lugrís.

Galiza na Feira Internacional do Libro de Uruguai

27 Setembro 2007

«Galiza estará presente por primeira vez na feira sendo o único país non americano que contará cun espazo propio na mesma, cun stand no que exhibirá a súa producción editorial.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Número 20 da revista foeminas

26 Setembro 2007

Xa está disponíbel o número 20 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.

A web Salvemos Monteferro gaña o V Premio de Xornalismo Nano Cambeiro

26 Setembro 2007

O V Premio de Xornalismo Nano Cambeiro, instituído polo Instituto de Estudios Miñoranos para lembrar o xornalista e amigo do mesmo nome, foi concedido á páxina web Salvemos Monteferro.
«Foron múltiples os argumentos que levaron a que a Xunta de Goberno do Instituto de Estudios Miñoranos tomase esta decisión por unanimidade, entre outras, ser a primeira web ecoloxista do Val Miñor con información actualizada en torno a cal se concentrou a gran mobilización social que conseguiu a paralización do proxecto de urbanización de Monteferro.» (Instituto de Estudios Miñoranos)

“Versos para unha tarde de outono”, recital poético en Ferrol

25 Setembro 2007

O 28 de setembro o movemento cultural Ao carón da lareira fará un recital poético de membros e simpatizantes na Galería Sargadelos de Ferrol, ás 20:00 horas. Intervirán Mariola Hermida, Rosa Salanova, Esther Val, Xaime Pereira e Fernando Puente, entre outros.

Homenaxe a Manuel María n’ A Coruña

25 Setembro 2007

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa da súa adhesión á homenaxe ao escritor Manuel María no terceiro cabodano do seu falecemento. Terá lugar na taberna-mesón “A Saimia” (rúa Emilia Pardo Bazán, A Coruña), o mércores 26 ás 20:30 horas. Intervirán Miguel Mato, Xoán Abeleira, Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo e Miguel Anxo Fernán Vello entre outros. Contarase coa presenza de Saleta Goy.

Homenaxe a Bernardino Graña no Morrazo

24 Setembro 2007

Os días 27, 28 e 29 de setembro de 2007 terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas unha homenaxe ao escritor Bernardino Graña no seu 75º aniversario.

27 DE SETEMBRO - Cea con Bernardino. no seu 75º aniversario, no restaurante De’Carla na Praia da Borna. Isamil (Moaña) ás 21:00 horas. Os Interesados poden anotarse nos teléfonos 986302030 (A Cepa), 637054164 (Heitor) ou no correo electrónico fernandocpintos@hotmail.com

28 DE SETEMBRO - “Voces para Bernardino”, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Cangas: actuacións da Coral Polifónica de Bueu, a Coral Lestonnac de Cangas, o Coro músico-vocal Mornura, Tucho Perete e o Coro San José, e a coral Queixumes do Hío. Presentan o acto Elvira Ribeiro e Heitor Mera. Ao remate do acto cantarase o poema “Como hei vivir mañá sen a luz túa”.

29 DE SETEMBRO - No Auditorio Municipal de Cangas.
Ás 11:00 horas: Actuación da compañía de teatro SEISDEDOS, que estreará a obra “O Galo Kiriko e os seus amigos”, sobre contos infantís recreados por Bernardino, baixo a dirección de Anxo García e música de Carlos Quintá.
Ás 20:30 horas: Recital poético e concerto musical. O grupo Tromentelo (Coiro) ofrecerá un pasarrúas e un concerto previo ás actuacións de Na Virada, Tino Baz, Grupo A Quenlla, Mini e Mero, Pablo Costas, César Morán, Miro Casabella e Xavier Blanco. Contaremos coa presencia de poetas, escritores, amigos, compañeiros, veciños… recitando poemas de Bernardino Graña.

Esta homenaxe conta coa adhesión da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Premio Concepción Arenal 2008