Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Polafía en Cerdedo

30 Novembro 2007

O sábado 1 de decembro, ás 19.00 na Antiga Cámara Agraria, terá lugara a Polafía de Cerdedo (Pontevedra). A presentación está a cargo de Carlos Solla e Antonio Reigosa. Máis información.

Proxección n’ A Coruña sobre Alexandre Bóveda

30 Novembro 2007

O domingo 2 terá lugar unha charla e unha proxección sobre Alexandre Bóveda, a cargo de Roberto Catoira, na Fundación Fernández Flórez, ás 17:00 h. Este acto pertence ás actividades que a Asociación Cultural Alexandre Bóveda ten previstas para o mes de decembro.

II premio de relatos Mulleres Progresistas

30 Novembro 2007

Até o 31 de decembro de 2007. Pode participar calquera muller cun máximo de dous relatos, de tema libre. As obras deben ser orixinais e inéditas, cunha extensión mínima de 15 páxinas e máxima de 30 (duplo espazo, unha soa cara, fonte 12, Arial ou Times New Roman). Enviar anonimamente (baixo plica e con seudónimo). Os datos a incluír dentro da plica son nome, apelidos, domicilio e teléfono. Remitiranse cinco copias impresas e máis en soporte informático (diquete ou disco compacto). Enviar a: Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo (Policarpo Sanz, 12-14 2º, 36202 Vigo); tel: 986 43 48 74. (Mulleres progresistas)

“Os axentes literarios perfílanse como importantes figuras para o noso desenvolvemento cultural”

29 Novembro 2007

«Ata o momento son unha figura inexistente no país. E, no entanto, son persoas que poden chegar a desenvolver unha inmensa influencia sobre o que se publica e como. Nos últimos tempos, semella que diferentes autores do noso país comezan a contar, por vez primeira, con servizos de axentes literarios. ¿Ata que punto esa figura pode incidir na proxección e desenvolvemento das nosas letras?». Todo o artigo en Culturagalega.org.

Número 22 da revista Foeminas

29 Novembro 2007

Xa está disponíbel o número 22 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.

Presentación en Santiago de Porca terra, de John Berger

28 Novembro 2007

O 29 de novembro ás 20:00 horas, no Casino de Santiago, será presentada a obra de John Berger Porca Terra (Rinoceronte Editora). A presentación contará con Xoán Abeleira, responsábel da tradución, e Manuel Rivas.

VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

28 Novembro 2007

Até 30 de xaneiro. Os poemarios deberán contar un mínimo de 400 versos. Este premio incrementa a súa dotación a 6.000 euros. (Concello de Sarria)

Presentación en Fisterra da nova colección de poesía “Edoy Leliadoura”

27 Novembro 2007

A Taberna Ultreia e Sotelo Blanco Edicións presentarán os libros da nova colección de poesía Edoy Leliadoura:

  • Derrotas con raíces, de Modesto Fraga;
  • Memoria de Ahab, de Rafa Villar;
  • Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado.

Será o 30 de novembro ás 20:00 horas na Taberna Ultreia (Rúa Santa Catalina, 28) de Fisterra. Intervirán Modesto Fraga, Rafa Villar e Daniel Salgado.

Manuel Rivas en Carballo

27 Novembro 2007

«O Concello de Carballo e o Bodegón O’ Pescador (Gran Vía-Praza do Concello, Carballo) convídante á conversa con Manuel Rivas, sobre o seu último libro Os libros arden mal, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego. Será o mércores 28 de novembro ás 20:30 horas.» (Literactúa - Concello de Carballo)

Finalizan as emisións ao vivo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG

27 Novembro 2007

«O mércores 28 finalizarán as emisións en directo das I Xornadas Virtuais de Literatura da AELG. Durante os últimos catro mércores de novembro os inscritos nas xornadas terán presenciado desde os seus computadores persoais novos contidos e novos enfoques sobre a obra de Xosé María Álvarez Blázquez e sobre Agustín Fernández Paz, ofrecidos por algúns dos maiores especialistas do país na materia:

XABIER P. DOCAMPO: tomando como punto de partida as posibilidades de utilización da narración oral nas aulas, ofreceunos un percorrido completo polas súas innúmeras experiencias como contador de contos e profesor, até o punto de ternos entregado unha reflexión profunda sobre a tradición oral perdida nos últimos anos e unha rotunda teorización sobre as consecuencias da perda deste valioso instrumento de interacción social e coñecemento persoal.

RAMÓN NICOLÁS: partindo dos seus vastos coñecementos sobre a obra de Agustín Fernández Paz, este crítico literario regalounos un percorrido exhaustivo por ampla e brillante obra deste autor de proxección internacional. Un documento descritivo e valorativo de profundo calado, e sen dúbida a máis actualizada.

XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO: desde a posición privilexiada dunha mente perspicaz e a relación filial con Xosé Mª Álvarez Blázquez, deu para goce público as súas consideracións mellores como analista literario, tanto dunha perspectiva histórica canto estética. Ao tempo, as súas experiencias desde a proximidade familiar forneceron datos imposíbeis desde outros puntos de vista máis afastados. Opinións algunhas veces baseadas no coñecemento da personalidade do escritor, mais sempre cun rigor de biógrafo consciente.

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: foron un verdadeiro luxo as confesións que este autor nos fixo sobre a súa propia obra, sen dúbida unha das máis sobresaíntes do panorama literario galego dos últimos anos, e mesmo do estatal. De facto, desvelou as descoñecidas orixes dos seus argumentos literarios principais, mostrándonos con todo luxo de detalles os motivos máis significativos, inspiradores ou simplemente azarosos que deron pé para o inicio das súas novelas. E unha auténtica confesión dun mestre sobre o seu particular método de traballo.

VÍCTOR FREIXANES: apoiado nas súas ben coñecidas dotes de experimentado orador, tratou a figura de Xosé Mª Álvarez Blázquez como aquel que sabe ponderar os méritos dun activista cultural, e en particular os que a este autor lle corresponden do punto de vista do seu grande labor editorial. Así, as consideracións ofrecidas sobre Álvarez Blázquez sobre as estratexias de divulgación da literatura en ámbitos inhóspitos, case todos na realidade en certa época para o libro galego, demostraron coñecemento palpábel sobre os esforzos dunha persoa implicada até a medula cun mercado do libro que el mesmo axudou a nacer de modo determinante.

PEDRO SILVA: iniciou unha sección das xornadas caracterizada polas prácticas tecnolóxicas que hoxe resultan imprescindíbeis para a procura de contidos. Así, explicou as características básicas da Internet, definiu os blogues e explicou as características do Blogomillo como comunidade internacional dos blogues en galego. A continuación ofreceu datos sobre o tratamento da literatura no Blogomillo: procurada a cadea “literari” na comunidade de blogues en galego atópanse referencias en 10.000 entradas nos últimos tres meses, no ámbito particular duns mil blogues. Datos que falan eles sós da relevancia dos asuntos literarios na internet en galego.

OSCAR SÁNCHEZ: este mércores falará dos métodos máis útiles para atopar na Rede contidos sobre ambas as figuras tratadas nas xornadas: Xosé Mª Álvarez Blázquez e Agustín Fernández Paz. A súa recoñecida experiencia como persoa da Rede con interese polos contidos culturais fai del un guía de luxo para mergullarnos na procura de datos literarios.

MERCEDES QUEIXAS: esta profesora, investigadora e escritora ofreceranos unhas propostas metodolóxicas para o estudo da obra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, concluíndo así os materiais ofrecidos nestas xornadas cunha documentación específica que propiciará sen dúbida análises literarias ben orientadas desde o punto de vista da súa transmisión ou divulgación.

Para finalizar, queremos resaltar que se ben os contidos ofrecidos son específicos e orixinais polo punto de vista que os fai complementarios, non menos relevante será a partir de agora a AULA DE ESCRITORES na web da AELG, que todos acolle e que estarán disponíbeis nos próximos días para todo aquel que os queira consultar: conferencias, fotos e diversos materiais que crecerán nos próximos meses até converterse nun espazo referencial da Rede.» (Consello Directivo da AELG)

Premio Concepción Arenal 2008