Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

II Congreso Internacional «Tradución e Políticas editoriais»

19 novembro 2007

Terá lugar no Centro Social Caixanova de Vigo do 15 ao 17 de outubro de 2008 e xa está aberto o prazo para as propostas de comunicación. Máis información na páxina web do Congreso.

Valentina Carro Padín gaña o XX Premio de Poesía “Pérez Parallé”

19 novembro 2007

«O xurado formado polos/as escritores/as Lino Braxe e Xiana Arias e a crítica literaria Ana Salgado acordou, o pasado sábado, concederlle o premio desta edición á obra Debaixo de Dziga Verlov hai unha buxaina, da autoría de Valentina Carro Padín, salientando que se trata dunha “aposta de recuperación da mellor tradición vangardista”. [...] A entrega do premio terá lugar o vindeiro sábado, 24 de novembro, a partir das 20 h nos locais do CMI Unidade de Fene.» (Fene Cidadán)

Así mesmo, o xurado acordou conceder un accésit ao libro Metal central, de Alfredo Ferreiro.

Reapertura do Espazo Galego dos Països Catalans

19 novembro 2007

O 24 de novembro, ás 17:00 horas no Centre Transformadors ( C/ Ausiàs March, 60, Arc de Triomf L1, 08010 Barcelona; ver mapa) terá lugar a Xornada de reapertura de Espazo Galego, onde se poderá escoitar, debater e facer propostas. (Espazo Galego dos Països Catalans / Espai Gallec dels Països Catalans)

Galeria portuguesa reclama libros galegos e intercambio cultural

19 novembro 2007

«Galeria “…também Galicia” (Rua do alcaide, 30 loja, 4700-024 Braga)
Comercializamos artigos galaico-portugueses: cerâmica, jóias, vidro, livros…e realizamos exposições de pintura, cerâmica, joias… Pretendemos, além do comércio, realizar actividades culturais e artísticas, tanto portuguesas como galegas. Conhecemos já alguma Galiza e pretendemos divulgar Portugal e também a Galiza. Interessamo-nos muito pela cultura, história, arte…galegas.
Gostaríamos de saber se há alguns folhetos informativos ou livros que poderíamos ter acesso para os divulgarmos à população que nos frequenta e para nós também.
Gostaríamos também de saber mais em pormenor as vossas actividades culturais. Gostaríamos de ser um ponto de referência cultural cá em Braga para alguma actividade futura de intercâmbio entre a Galiza e Braga (tão próximos estávamos, de passado comum, tão próximo nos encontramos e reduzidas actividades se efectuam). Gostaríamos de conhecer mais a fundo os escritores galegos.
Contactem-nos (melhor por correio electrónico):  galeriatambemgalicia at iol.pt /> Bernardina Sousa Pereira
José Paraíso Carvalho»

Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o XIX Premio Torrente Ballester

16 novembro 2007

«A obra A choiva do mundo do avogado e profesor de Dereito Xosé Manuel Pacho Blanco, obtivo o XIX Premio de Narrativa Torrente Ballester, convocado pola Deputación da Coruña. O galardón está dotado con 25.000 euros e a publicación da obra premiada.» (Xeración Web)

Comezan as Historias da Coruña. Memoria da cidade

16 novembro 2007

O sábado 17 de novembro comenzan as xornadas Historias da Coruña. Memoria da cidade, coa intervención de Xosé Ramón Barreiro, Presidente da Real Academia Galega que leva por título “A forza das palabras, ás 10:30 horas.
Destacamos tamén que o mesmo sábado pola tarde, ás 17:00 horas haberá un roteiro guiado de Felipe Senén pola Cidade Vella. Sairá dos Xardíns de San Carlos.
Por último, indicarvos que o sábado, ás 20:30 horas, e o domingo, ás 19:00 horas, o grupo de teatro Áncora Produccións representará no Teatro Rosalía Castro a obra Medidas Preventivas de Gustavo Pernas, incluída na Rede Galega de Teatros en colaboración co IGAEM. O prezo das entradas é de 7 euros (carné xove e maiores de 65 anos: 5 euros). (Concellaría de Cultura - Concello da Coruña)

XXVI Premio de novela longa Blanco-Amor

16 novembro 2007

Até o 28 de decembro de 2007. As bases na web do Concello de Lugo.

POLAFÍAS, un proxecto da AELG e a D.X. de Creación e Difusión Cultural

16 novembro 2007

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e coa colaboración de diversas asociacións locais.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos.
A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, serán os veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas. O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG.
As polafías terán unha duración de entre 70-80 minutos. Para este ano 2007 vanse desenvolver ao longo do mes de novembro e decembro nos lugares e datas que relacionamos [no programa]. (AELG)

Obradoiro literario en Santa Comba con Concha Blanco

15 novembro 2007

O 16 de novembro, ás 20:00 horas no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba terá lugar un obradoiro literario con responsabilidade de Concha Blanco.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración co Servizo Galego de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, continúa mañá en Santa Comba a nova quenda de cinco obradoiros de creación literaria que se levan a cabo durante o outono outras tantas escritoras a Padrón, Ribeira, Sanxenxo e Cuntis e enfocados principalmente a colectivos de mulleres.

A cidadanía de Santa Comba e a súa comarca poderá asistir libremente mañá, 16 de novembro, ás 20:00, no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba ao obradoiro literario que impartirá a autora Concha Blanco.
Esta serie de obradoiros dan continuidade a un proxecto que no que xa participaron as escritoras Marta Dacosta, Laura Caveiro, Estíbaliz Espinosa, María Xosé Queizán, María Reimóndez e María do Cebreiro. (AELG)

IV Simposio O Libro e a Lectura “Libro e mercado”

15 novembro 2007

«A Asociación Galega de Editores organiza un ano máis o Simposio O Libro e a Lectura, que na súa cuarta edición abordará a temática “Libro e mercado”. O evento, que conta co respaldo do Centro Español de Derechos Repográficos (CEDRO) e no que colabora o Consello da Cultura Galega, terá lugar hoxe día 15 e mañá día 16 de novembro en Santiago de Compostela.» Programa. (AGE)

AELG asina un protocolo de colaboración con Vicepresidencia

15 novembro 2007

Vicepresidencia e AELG promoverán o coñecemento da literatura e dos escritores/as entre os usuarios/as dos seus centros de servizos sociais. (AELG)

Representación n’ A Coruña de Medidas preventivas, de Gustavo Pernas Cora

15 novembro 2007

A COMPAÑÍA ANCORA PRODUCCIÓNS representará Medidas preventivas, Premio AELG ao mellor libro de teatro de 2007, de Gustavo Pernas Cora, o día 17 de novembro ás 20:30 horas e o domingo 19 ás 19:00 horas. Será no Teatro Rosalía de Castro d’ A Coruña.

Coñeza a actualidade dos membros da AELG emitida durante o Cultur.gal

Galería