Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Nova editorial empregará software e licenzas libres

14 decembro 2007

«O xoves 20 preséntase en Compostela, na sede da Fundación Caixa Galicia, Urco Editora, un proxecto editorial pioneiro en Galiza, que aposta pola cultura libre e o software de código aberto. Segundo anuncia na súa web a empresa, todo o proceso de edición faise exclusivamente baixo o sistema operativo GNU/Linux e con programas de código aberto. [...]» (Vieiros)

Cea “García Barros”

14 decembro 2007

«Con posterioridade á entrega do Premio García Barros a Francisco Castro, o Concello da Estrada e Editorial Galaxia organizaron este ano, por primeira vez, unha Cea Literaria na que escritores, críticos e editores reflexionaron ao redor dun tema central relacionado coa obra premiada.

Os novelistas Xerardo AgraFoxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Manuel Darriba, Jaureguizar, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Séchu Sende e Anxos Sumai, na compaña do crítico literario Xosé Manuel Eyré e mais dos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, que se encargou de conducir o debate, mantiveron un coloquio sobre “Ficción e verosemellanza: da imitación da realidade á novela histórica”. [...]» (Editorial Galaxia)

Euskadi, Cataluña e Galiza coordinaranse para o apoio á cultura

14 decembro 2007

«Os titulares de Cultura de Cataluña, Euskadi e Galiza asinaron por primeira vez unha declaración institucional –a Declaración de Compostela- entre os tres gobernos das nacionalidades históricas do Estado español, na que se comprometen a colaborar en materia de patrimonio cultural, artes, industrias culturais e cultura popular.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Libro das alquimias, de Xesús Constela

14 decembro 2007

Xa está nas librarías a novela Libro das alquimias (Galaxia, col. Costa Oeste), de Xesús Constela: «Un rapaz moi tímido, construtor de mecanos e lector infatigábel dunha enciclopedia, a camiñar ao longo dun corredor de candeas acesas na procura da solución dun estraño misterio que vai cambiar para sempre a súa vida.»

Presentación en Boiro do Anuario e entrega dos Premios da Cultura da Asociación Cultural Barbantia

13 decembro 2007

A Asociación Cultural Barbantia, o Concello de Boiro e mais a Deputación Provincial da Coruña presentan o terceiro Anuario de Estudos do Barbanza 2007. Terá lugar na Casa da Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro, o venres 14 de decembro ás 21:00 horas.
No mesmo acto entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2007, que recaeron nesta primeira edición en Isaac Díaz Pardo, Xesús Santos Suárez e a Asociación Artesá e Etnográfica O Faiado-2.

Presentación en Vigo do proxecto CAMI III e o nº 11 de Maremagnum

13 decembro 2007

Os socios do Proxecto CAMI III de Cooperación Transfonteiriza Galicia - Norte de Portugal: Camiño do Miño / Caminho do Minho presentarán os proxectos CAMI II e III ao longo do período 2003-2007. No mesmo acto terá lugar a presentación do nº 11 da revista Maremagnum, dedicado a “Formación e Discapacidade”. Será o dia 20 de decembro 2007 as 20:00 horas no Auditorio do Centro Cultural Caixanova en Vigo.

An Alfaya en Santa Comba

13 decembro 2007

O venres 14 de decembro a escritora viguesa An Alfaya estará no IES Terra de Xallas (Santa Comba) para comentar co alumnado de 2º da ESO a súa novela Matei un home (tresCtres Editores, 2005), que resultara gañadora do Premio de Novela Curta “Xulián Magariños Negreira”, convocado en 2004 polo Concello de Negreira e a Fundación Feiraco, co gallo do centenario do nacemento do escritor negreirés (1904 - 1934).
Este acto literario está organizado conxuntamente polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, a Biblioteca e o Equipo de Normalización Lingüística do IES Terra de Xallas, co patrocinio de tresCtres Editores. Comezará ás 11:30 horas na Biblioteca deste centro de Secundaria de Santa Comba.

A revista mexicana Reverso publica un monográfico de poesía galega

12 decembro 2007

«A revista mexicana Reverso presentou onte na Feira de Guadalajara a súa nova entrega, que inclúe un monográfico sobre poesía galega. O director da publicación, Carlos López de Alba, subliñou a “magnífica saúde” deste xénero en Galicia.

No mesmo acto, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, referiuse ás pontes recuperadas entre Galicia e México e a persoeiros galegos que viviron no país americano, como Carlos Velo, Lorenzo Varela ou Elixio Rodríguez.

O monográfico recolle poemas de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño e Emma Pedreira, acompañados por ilustracións de Alfonso Costa. [...]» (Xeración Web)

Carlos Penela gaña o Premio de Poesía Caixanova

12 decembro 2007

«O xurado do VI Premio de Poesía Caixanova decidiu onte outorgarlle o galardón a Carlos Penela Martín pola obra Sombras, rosas, sombras. O certame, con 12.000 euros, un dos mellor dotados de Galicia, é dos máis importantes que se convocan nas diferentes linguas do Estado.

O xurado, composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do PEN Clube de Galicia; Marilar Aleixandre, gañadora do V Premio de Poesía Caixanova; Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade da Coruña; Bieito Arias Freixedo, profesor da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, profesor na Universidade de Santiago, decidiu por unanimidade entregarlle o galardón ó texto de Penela pola súa “solidez poética”, tanto no aspecto formal coma no desenvolvemento dunha linguaxe innovadora e o mantemento da tensión estética. [...]» (Galicia-Hoxe)

Presentación n’ A Coruña d’ A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, de Xosé Manuel Sánchez Rei

12 decembro 2007

O xoves 13 de decembro terá lugar a presentación do libro A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, a cargo do autor Xosé Manuel Sánchez Rei, Francisco Pillado Maior (director de Laiovento) e Xosé Ramón Freixeiro Mato (profesor titular da Área de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade da Coruña). Será ás 20:30 horas no salón de actos da Asociación. (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)

Presentación en Vigo de Profundidade de campo, de Yolanda Castaño

12 decembro 2007

A presentación de Profundidade de campo (XV Premio de poesía Espiral Maior) , de Yolanda Castaño Xoves, terá lugar o día 13 de decembro ás 20:00 horas en El Corte Inglés de Vigo – Sala “Ámbito Cultural” (Gran Vía, 25, 7º andar).
Contará coa presenza do escritor e membro do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, o
director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e a propia autora, que asinará exemplares da súa obra desde as 19:00 horas na sección de libraría.

Obradoiro en Ferrol sobre Minimaladas, de Carlos López e David Pintor

11 decembro 2007

Dentro da campaña Educar para ler, terá lugar o obradoiro de ilustración e humor arredor do libro de Edicións Xerais Minimaladas, de Carlos López e David Pintor. Será na Galería Sargadelos de Ferrol o sábado 15 ás 11:00 horas.

Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano, novo libro de Antón Patiño.

11 decembro 2007

Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano, de Antón Patiño (Ediciós do Castro. Arte, 2007) «trátase dun longo traballo de achegamento á vida e obra do pintor do mar, elaborado despois de décadas de esculcas. Rastrexando datos biográficos e referencias perdidas na néboa do tempo. Iste libro é o resultado máis completo despois de moitos textos e publicacións que dedicou o autor á obra de Lugrís. Xunto con Rosario Sarmiento, Antón Patiño foi comisario da meirande exposición dedicada a Urbano Lugrís (que tivera lugar en Madrid e Santiago de Compostela contra o 1997). Daquela xa fixera un extensa achega en profundidade ao pintor cunha morea de datos publicados no catálogo da mostra.»

III IMPLÍCATE! Noite de música e palabra solidaria

11 decembro 2007

«Xa están á venda as entradas para o III IMPLÍCATE! Noite de música e palabra solidaria, promovido por Implicadas no desenvolvemento. O evento solidario, que terá lugar o domingo 16 ás 20:30 horas, reunirá no Teatro Principal de Compostela a artistas de luxo a prol da sensibilización cidadá e da cooperación.»
Marí­a Lado, Antón Lopo, Estí­baliz Espinosa e Miguel Anxo Fernán Vello daranse cita neste evento, que será presentado por Yolanda Castaño e Isabel Blanco.

Visite o stand nº 38 no Cultural

Galería