Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Carlos Penela gaña o Premio de Poesía Caixanova

12 decembro 2007

«O xurado do VI Premio de Poesía Caixanova decidiu onte outorgarlle o galardón a Carlos Penela Martín pola obra Sombras, rosas, sombras. O certame, con 12.000 euros, un dos mellor dotados de Galicia, é dos máis importantes que se convocan nas diferentes linguas do Estado.

O xurado, composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do PEN Clube de Galicia; Marilar Aleixandre, gañadora do V Premio de Poesía Caixanova; Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade da Coruña; Bieito Arias Freixedo, profesor da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, profesor na Universidade de Santiago, decidiu por unanimidade entregarlle o galardón ó texto de Penela pola súa “solidez poética”, tanto no aspecto formal coma no desenvolvemento dunha linguaxe innovadora e o mantemento da tensión estética. [...]» (Galicia-Hoxe)

Presentación n’ A Coruña d’ A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, de Xosé Manuel Sánchez Rei

12 decembro 2007

O xoves 13 de decembro terá lugar a presentación do libro A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, a cargo do autor Xosé Manuel Sánchez Rei, Francisco Pillado Maior (director de Laiovento) e Xosé Ramón Freixeiro Mato (profesor titular da Área de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade da Coruña). Será ás 20:30 horas no salón de actos da Asociación. (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)

Presentación en Vigo de Profundidade de campo, de Yolanda Castaño

12 decembro 2007

A presentación de Profundidade de campo (XV Premio de poesía Espiral Maior) , de Yolanda Castaño Xoves, terá lugar o día 13 de decembro ás 20:00 horas en El Corte Inglés de Vigo – Sala “Ámbito Cultural” (Gran Vía, 25, 7º andar).
Contará coa presenza do escritor e membro do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, o
director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e a propia autora, que asinará exemplares da súa obra desde as 19:00 horas na sección de libraría.

Obradoiro en Ferrol sobre Minimaladas, de Carlos López e David Pintor

11 decembro 2007

Dentro da campaña Educar para ler, terá lugar o obradoiro de ilustración e humor arredor do libro de Edicións Xerais Minimaladas, de Carlos López e David Pintor. Será na Galería Sargadelos de Ferrol o sábado 15 ás 11:00 horas.

Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano, novo libro de Antón Patiño.

11 decembro 2007

Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano, de Antón Patiño (Ediciós do Castro. Arte, 2007) «trátase dun longo traballo de achegamento á vida e obra do pintor do mar, elaborado despois de décadas de esculcas. Rastrexando datos biográficos e referencias perdidas na néboa do tempo. Iste libro é o resultado máis completo despois de moitos textos e publicacións que dedicou o autor á obra de Lugrís. Xunto con Rosario Sarmiento, Antón Patiño foi comisario da meirande exposición dedicada a Urbano Lugrís (que tivera lugar en Madrid e Santiago de Compostela contra o 1997). Daquela xa fixera un extensa achega en profundidade ao pintor cunha morea de datos publicados no catálogo da mostra.»

III IMPLÍCATE! Noite de música e palabra solidaria

11 decembro 2007

«Xa están á venda as entradas para o III IMPLÍCATE! Noite de música e palabra solidaria, promovido por Implicadas no desenvolvemento. O evento solidario, que terá lugar o domingo 16 ás 20:30 horas, reunirá no Teatro Principal de Compostela a artistas de luxo a prol da sensibilización cidadá e da cooperación.»
Marí­a Lado, Antón Lopo, Estí­baliz Espinosa e Miguel Anxo Fernán Vello daranse cita neste evento, que será presentado por Yolanda Castaño e Isabel Blanco.

Unha falsa luz, de Xavier Alcalá, preséntase n’ A Coruña

10 decembro 2007

Xavier Alcalá presentará na Fnac d’ A Coruña a súa nova novela Unha falsa luz, coa que completa a triloxía “Evanxélica memoria”. Será ás 19:30 horas e o acto contará, ademais de coa presenza do autor, coa do Pastor evanxélico Timoteo Figueirido, do editor Víctor Freixanes e do escritor Xulio López Valcárcel. (Cultura Fnac)

Recursos informáticos en galego

10 decembro 2007

«A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que mañá, martes 11 de decembro, terá lugar a presentación do CD sobre recursos informáticos en galego, Ferramentas GA-07 realizado pola equipa de normalización lingüística do IES Anxel Casal de Monte Alto.
Este CD ten como obxectivo achegar aos usuarios da informática, os recursos necesarios para que poidan empregar a lingua galega como medio habitual no uso dos ordenadores.
O acto será ás 20:30 h, no salón de actos da asociación. (R/ Olmos 16-18, 1º) con entrada libre.» (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)

Emma Pedreira na Galería Sargadelos d’ A Coruña

10 decembro 2007

O martes 11 de decembro, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Emma Pedreira Lombardía nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.

Presentación en Froxán: A lúa dos Everglades, de Xesús Manuel Marcos

07 decembro 2007

O sábado 8 de decembro terá lugar a presentación na Festa da Pisa de Froxán da novela A Lúa dos Everglades, de Xesús Manuel Marcos.

Concha Blanco gaña o premio Arume de poesía da Fundación Neira Vilas

07 decembro 2007

(La Voz de Galicia)

Concurso de micro-relatos “Implicadas no desenvolvemento”

07 decembro 2007

Até o 10 de decembro. Ler máis información. (Implicadas no desenvolvemento)

Coñeza a actualidade dos membros da AELG emitida durante o Cultur.gal

Galería