Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Nancy Morejón, “Escritora Galega Universal”

20 Febreiro 2008

«O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, entregoulle este luns na Habana o premio á poeta cubana Nancy Morejón. [...]
Mutismos (1962), Amor, ciudad atribuída (1964), Richard trajo su flauta (1967), Parajes de una época (1979), Octubre imprescindible (1983), ou Cuaderno de Granada (1984), son algunhas das súas obras. Morejón participará na Cea das Letras que a AELG organiza anualmente, e onde se lles entregarán tamén os premios que a Asociación outorgou a Xosé Vázquez Pintor, á Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e mais á Mostra de Teatro de Ribadavia.» (A Nosa Terra)

VIII Certame de creación literaria Terra de Melide

20 Febreiro 2008

Até o 15 de marzo de 2008. Bases.

A AS-PG galardoada co Premio Bos e Xenerosos

20 Febreiro 2008

O 5 de febreiro de 2008 a AS-PG recibiu o Premio Bos e Xenerosos pola súa traxectoria na defensa do ensino en galego.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega outorgou o premio Bos e Xenerosos á AS-PG na asemblea anual celebrada en Santiago no pasado sábado día 2.

Preséntase en Ourense Ollos de acibeche, de Rafael Pintos

19 Febreiro 2008

O día 20 de febreiro, as 20:15 horas no salón nobre do Liceo de Ourense, terá lugar a presentación do poemario de Rafael Pintos Os ollos de acibeche (Edicións do Castro).

A AELG promove un libro sobre a cidade da Coruña

19 Febreiro 2008

Con motivo da celebración do 800 aniversario da cidade da Coruña, e en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, a Asociación de Escritores en Lingua Galega encargarase da elaboración dun libro que será publicado ao longo deste ano.
É por iso que a AELG lanza a proposta de participación aos seus asociados/as, solicitando un texto de creación literaria de non máis dun folio, inédito ou xa publicado, dedicado á cidade da Coruña ou que con ela teña relación.
Os textos poden ser enviados por fax, correo postal ou electrónico aos seguintes enderezos:
AELG
Asociación de Escritores en Lingua Galega
Avda. de Alfonso Molina, s/n.
Edificio de Sindicatos, 8ª planta.
15.008 – A CORUÑA
Tlf/Fax : 981 133 233
 Actividades AELG, Edición |

Henrique Rabuñal publica unha biografía de Xosé María Álvarez Blázquez

19 Febreiro 2008

A editorial Laiovento, sumándose á celebración do ano Álvarez Blázquez, publica unha biografía do protagonista das Letras Galegas 2008 da autoría do tamén escritor e profesor Henrique Rabuñal.
O libro, escrito cunha evidente vocación de síntese, repasa todas as etapas vitais, os grandes proxectos intelectuais e o conxunto da obra literaria de Xosé Mª Álvarez Blázquez, da que o libro de Rabuñal achega unha antoloxía con diversos textos, poemas e mesmo un relato íntegro. Por estas razóns ademais de servir para un lector habitual, o libro é unha excelente ferramenta para o mundo do ensino e unha boa introdución para quen queira profundizar nun dos múltiples aspectos que se abordan no libro.
O libro fai fincapé no labor de Álvarez Blázquez como editor e contén unha descrición sumaria pero exhaustiva de todos e cada un dos libros e textos do autor tudense.
Henrique Rabuñal, doutor en Filoloxía Galega e directivo da AELG, xa publicou outras biografías de éxito de importantes figuras da nosa cultura como Manuel Murguía, Xenaro Mariñas, o Padre Sarmiento ou Lugrís Freire.

Galicia recupera os fondos bibliográficos en Cuba

18 Febreiro 2008

(La Voz de Galicia)

“Palabras con memoria”, proxecto da AELG para a recuperación de palabras en desuso

18 Febreiro 2008

Segue en andamento o proxecto “Palabras con memoria”, que pretende xuntar un banco de palabras en desuso (e polo tanto en perigo de extinción) co afán de recuperalas e poñelas de novo en vixencia e nos dicionarios. En breve habilitaremos un espazo na web da Aelg que facilite a recolla de palabras.
Animámosvos a seguir facendo os vosos envíos ao seguinte enderezo electrónico a cargo do noso vogal por Lugo, Isidro Novo: palabra.con.memoria@aelg.org
Ao enviar a palabra, cómpre facer constancia do seu significado ou significados, así como a zona (ou zonas) onde aínda pode ser escoitada, tamén doutras características que se consideren oportunas para a súa rehabilitación. (AELG)

Preséntase na Baña Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007), de X. Amancio Liñares Giraut

18 Febreiro 2008

No Salón de Actos da Casa da Cultura da Baña o 20 de febreiro, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación do libro Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007) (tresCtres Editores), de X. Amancio Liñares Giraut. No acto intervirán Carlos Sixirei Paredes, Carolina García Borrazás, Paz Gago Gómez e o propio autor.

Chega ás librarías Para dicir abril, Premio Risco de Creación Literaria 2007

15 Febreiro 2008

«Sotelo Blanco Edicións edita a nova obra narrativa do prolífico escritor de Melide Xosé Vázquez Pintor, “Para dicir abril”, incluída na súa colección Medusa Narrativa. Esta obra, que xa se pode atopar nas librarías, resultou gañadora do Premio Risco de Creación Literaria 2007, certame organizado anualmente pola Fundación Vicente Risco en colaboración co concello de Ourense.» (AGE)

Gabriel Arán Ferreiro gaña o “Letras de Galicia a Cuba”

15 Febreiro 2008

«Gabriel Arán Ferreiro foi o gañador que obtivo unha viaxe para dúas persoas á Habana. Así o decidiu o sorteo ante notario celebrado este mércores, e retransmitido en directo pola Radio Galega. O seu microrrelato foi En poucas verbas dígolles a todos os cubanos: A NOSA CULTURA TAMÉN É VOSA!
Este texto, así como os outros 369 enviados ao concurso de microrrelatos Letras de Galicia a Cuba serán proxectados nunha pantalla situada no pavillón de Galiza na Feira. Ao tempo, calquera cubano poderá ir deixando alí mesmo as súas letras para o pobo galego, que se poderán ver na páxina web da CRTVG.» (Vieros)

Inaugurada a Feira Internacional do Libro da Habana con Galiza como protagonista

15 Febreiro 2008

[...] Abreuse así o principal evento de proxección exterior da cultura galega, ao que asistiu a delegación galega de escritores e artistas, así como unha nutrida representación do resto dos países presentes e de autoridades cubanas. [...]
O historiador e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, impartiu o día 14 a conferencia inaugural que deu comezo á apertura da FILH. Diante dun público moi numeroso, o historiador explicou o binomio “cultura” (un punto de vista sobre o mundo) e “país/nación” (modo de estar e actuar no mundo) aplicado ao caso galego e falou da importancia da cultura para a construción dunha identidade de país. Villares falou de Galiza como unha “nación cultura” atlántica e de finisterre, “un país en profunda transición” e que ten os seguintes rasgos básicos: peso da terra como marco social e comunitario, o mar, peso da igrexa e da relixiosidade. Tamén definiu tres vectores de influencia: Europa como porta de entrada; América como porto de saída; e Portugal e a Lusofonía como unha tradición cultural compartida.
O presidente do CCG afirmou que Galiza é un país de “construción lenta”, aludindo a unha historia cun reino con pouco goberno, á creba liberal e a unha “tardía” toma de conciencia política.

Ademais, o mesmo día a Cátedra de Cultura Galega albergou un encontro cos poetas galegos Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez Igresias, Chus Pato e Xavier Rodríguez Baixeras, tras o cal actuará a cantante especialista en música medieval Paulina Ceremuzynska. [...] (Consellaría de Cultura e Deportes)

Liquids. Revista de estudos literarios ibéricos

14 Febreiro 2008

LiquidsLiquids. Revista de estudos literarios ibéricos trátase dunha revista electrónica semestral que comezou a súa andaina en maio de 2007. Inclúe artigos e recensións, e ocasionalmente tamén un espazo de creación. Está aberta a todas as linguas peninsulares.
A coordinadora da sección galega convida a participar na revista con aportacións preferentes sobre a literatura galega. No seguinte número precisan de unha ou dúas recensións sobre libros de crítica ou investigación, escritos en galego ou sobre a literatura galega. (Liquids)

Número 24 da revista Foeminas

13 Febreiro 2008

Xa está disponíbel o número 23 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.

Visite o stand nº 38 no Cultural

Galería