Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

V Certame literario Concello de Ames

11 marzo 2008

Aquí poden consultarse as bases da V edición do Certame Literario Concello de Ames. Antes do 12 de abril de 2008.

Galicia Encantada cumpriu 3 anos na Rede

10 marzo 2008

«Galicia Encantada cumpríu tres anos o pasado 5 de marzo. Un trienio de traballos moi ben recompensados polo número de visitas recibidas e polo constante incremento de colaboradores.
A todas e a todos o noso agradecemento e o noso desexo de seguir construíndo entre todos esta república virtual onde convivimos os que amamos a mitoloxía e a literatura orais tradicionais.

Nestes meses incrementamos as seccións, participamos en numerosos encontros, divulgamos contidos, mudamos estética, creamos unha revista de investigación, incorporamos á páxina de inicio información sobre os últimos documentos incorporados e cada día, na medida que o permiten os nosos escasos recursos tentamos mellorar as propostas da web.

Recentemente incorporamos a “Mediateca”, nova sección que, polo de agora, presenta audios dunha colaboración sobre contidos da web que se emite os xoves no magazine da tarde da Radio Galega.

Queremos facer público o noso agradecemento a todas e a todos, e perdirvos que sigades axudándonos a mellorar día a día.

Moitas grazas. Saúdos de Manuel Fernández Prado (Lugonet), coordinador técnico, e de Antonio Reigosa, coordinador de contidos.
© 2007 | Galicia Encantada.com»

Acta do xurado do XIII Premio “Vicente Risco” en ciencias sociais

10 marzo 2008

«Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez Risco-Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco), e Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco), acordou por maioría:

1.-Valorar a calidade científica dos traballos presentados.

2.-Conceder o XIII PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co título A PESCA FLUVIAL TRADICIONAL EN GALICIA. CANEIROS, PESCOS E PESQUEIRAS. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Xosé Lois Ladra Fernández, domiciliado na Coruña.

Con gran rigor metodolóxico, cunha bibliografía actualizada e con excelente manexo das fontes documentais, o autor realiza unha oportuna investigación multidisciplinar sobre as pesqueiras ou caneiros de Herbón (Baixo Ulla), de Portomarín (Alto Miño) e Arbo (Baixo Miño) desde varias perspectivas complementarias: histórica, etnográfica, antropolóxica, arquitectónica, ictiolóxica, toponímica e lingüística.
O xurado espera que a difusión deste traballo contribúa a que a Xunta de Galicia declare Ben de Interese Cultural as devanditas pesqueiras, para así contribuír á revalorización da arquitectura tradicional dos ríos de Galicia.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora será publicada por Sotelo Blanco Edicións.

Xosé Lois Ladra Fernández (A Coruña, 1972; tlf: 676 862 924) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense e licenciado en Antropoloxía Social e Cultural
pola UNED. Profesionalmente desenvolve a súa actividade como arqueólogo e como investigador na área do patrimonio etnográfico galaico-portugués.

En Santiago de Compostela, a 8 de marzo de 2008»

Curso de comunicación e mercadotecnia para accións de normalización lingüística

07 marzo 2008

Será o venres 28 de marzo e os 4 e 11 de abrilna Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición é até o 17 de marzo. Información completa na páxina da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

Presentación na Coruña de Amor deshabitado, de Ánxeles Penas

07 marzo 2008

O día 13 de marzo, ás 20:00 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande, 21-24), terá lugar a presentación do poemario Amor deshabitado, de Ánxeles Penas. No acto intervirán Xavier Seoane, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello e a autora. Tamén se ofrecerán unha lectura-recital a cargo da actriz Ánxela G. Abalo e unha actuación musical do violinista Mijail Moriatov.

Próximos actos literarios do Liceo de Ourense

06 marzo 2008

O Liceo de Ourense programa para a semana próxima unha programación intensa, que ofrecemos a modo de avance:

Martes, 11 de marzo.
Organizado pola Sección de Literatura: Xornada adicada á memoria de Manuel Curros Enríquez no I Centenario do seu pasamento

12:00 horas. Colexio Curros Enríquez: Ofrenda floral e Recital diante da Estatua do Poeta polos Alumnos do Colexio. Intervención de Marcos Valcárcel.

20:15 horas. Salón Nobre do Liceo de Ourense: mesa redonda “Vida e obra de Curros Enríquez”. Interveñen Xesús Alonso Montero, Antonio Piñeiro e Marcos Valcárcel.

Mércores, 12 de marzo
Organizado pola Sección de Literatura: Xornada literaria “A Muller e a Poesía”.

20:15 horas. No Salón Nobre da Sociedade, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora: recital póetico-musical a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde.

(Liceo de Ourense)

Comezan as homenaxes a Curros Enríquez

05 marzo 2008

(culturagalega.org)

2008: sete feiras internacionais para a industria cultural

05 marzo 2008

«[...] Despois da exitosa participación na Feira Internacional do Libro de La Habana no pasado mes de febreiro, na que Galicia foi o país convidado e na que destacou a numerosa afluencia de público e o grande éxito de vendas, a AGE ten prevista a súa asistencia á Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a Feira do Libro de Londres, a Bienal do Libro de Sao Paulo, a Feira Liber de Barcelona, a Feira Internacional de Frankfurt e a Feira Internacional do Libro de Guadalajara. [...]» (AGE)

IX Certame literario de relatos curtos “Os Viadutos”

04 marzo 2008

Até o 25 de abril de 2008. Máis información na web do Concello de Redondela.

Agustín Fernández Paz será o tutor no 4º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela

04 marzo 2008

A admisión de traballos pecharase o vindeiro 15 de marzo. Bases. (Biblos Clube)


O Centro de Creación Dramática do CDG acolle un obradoiro de escritura teatral a cargo de Lucas Pires

04 marzo 2008

«O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) retoma a partir de hoxe a súa actividade en Compostela co inicio do terceiro obradoiro do curso de escritura teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade II, impartido polo dramaturgo portugués Jacinto Lucas Pires e supervisado por Cándido Pazó, e da segunda parte do laboratorio de investigación e innovación escénica a cargo de Rosa Sánchez e Alain Baumann, de Kònic Thtr. [...] (Consellaría de Cultura e Deportes)

O oficio de traducir debullado na Coruña

03 marzo 2008

O martes 4 de marzo (18:00 horas) na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga 10, B) Fernando Moreiras falará sobre o oficio de tradutor cos participantes no Obradoiro de escritura para adolescentes desta biblioteca. A súa última obra traducida para o galego foi A aurora boreal de Philip Pullman, novela recentemente levada a cinema.
A experiencia comezou o pasado mes de novembro e nel participan trece rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que xa pouideron coñecer ao vivo a autores como Miguelanxo Prado e Lino Braxe. As aulas maxistrais programadas para abril, maio e xuño serán impartidas por Xesús Fraga, escritor e xornalista, un autor dramático e un guionista de cinema aínda por confirmar. Con estas aulas a organización pretende mostrar todas las posibilidades que ofrece a escritura e romper os tópicos que rodean a profesión de escritor.

Coñeza a actualidade dos membros da AELG emitida durante o Cultur.gal

Galería