Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

II Curso de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros

22 abril 2008

Xa está disponíbel a información sobre o II Curso de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros na páxina web do Centro de Linguas da UDC.

Yolanda Castaño na Sargadelos da Coruña

21 abril 2008

O martes 22 de abril, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Yolanda Castaño nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.

Cea das Letras en homenaxe de David Otero

18 abril 2008

A Editorial Fervenza organiza unha Cea das Letras en homenaxe de David Otero o 17 de maio ás 21:00. Prégase confirmación no teléfono 986 57 00 37 antes do 12 de maio.

Xornadas Virtuais da AELG sobre Manuel Curros Enríquez

17 abril 2008

A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a As-Pg en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galiza, abren o prazo de matriculación para as Xornadas Virtuais sobre Manuel Curros Enríquez, un curso de Formación a Distancia en liña para os docentes de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato que permitirá ao profesorado interesado na didáctica da Lingua e Literatura Galega asistir, a través de internet e sen necesidade de se desprazar, a estas Xornadas para as que se tramitou a homologación ante a Consellaría de Educación e Ordenación Universitariapor un total de 20 horas.
Poderán participar así mesmo as persoas que, sen ser docentes, teñan interese na figura deste escritor.
Os Socios/as da Aelg poderán matricularse até o 30 de abril gratuitamente no enderezo electrónico: admin@algarada.net
Máis información na Aula de Escritores da web da AELG.

Entrega en Sarria do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

16 abril 2008

O venres 18 de abril terá lugar no hotel NH Alfonso IX ás 20:00 a entrega do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á poeta Olalla Cociña.
«Comezaremos cun solo da bailarina Carmela Garcia, que interpretará a coreografía “El jardín”, coa que recibiu o Premio á bailarina sobresaínte no XXI Certame Coreográfico de Madrid. A continuación intervirán os membros do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño e Martín Veiga, o concelleiro de Cultura do Concello de Sárria Xermán Arias, o alcalde de Sárria Claudio Garrido e a Presidenta da A.C. Ergueitos María Casar. O artista plástico Eduardo Valiña farálle entrega á gañadora dunha peza coa que contribúe a facer do Fiz Vergara Vilariño un encontro das artes. O mantedor do acto será X. A. Neira Cruz.
Remataremos a entrega do premio cunha actuación do dúo formado por Luis Soto (frauta da Real Filharmonía de Galicia) e Xosé Antonio Rodríguez (profesor de guitarra no Conservatorio profesional de Santiago de Compostela) interpretando obras de Piazola, Machado, Satie e Paulino Pereiro. Posteriormente haberá unha cea no mesmo hotel.
Nesta ocasión tamén nos sería moi grato poder terte neste acto que anova en cada edición o noso labor de manter viva a memoria do Fiz e de facer medrar a árbore da poesía cun novo poemario anainado na casa da Espiral Maior.» (María Casar, Presidenta da A. C. Ergueitos)

Últimos días para votar os Premios AELG 2008

16 abril 2008

O Consello Directivo da Aelg quere lembrar aos socios e socias que quen desexe votar para os Premios Aelg 2008 debe facelo por correo postal usando o cartón recibido antes do 20 de abril próximo. Esperando poder contar coa vosa participación e presenza na Cea das Letras (26 de abril) recibide un afectuoso saúdo do Consello Directivo da Aelg.

X Premio de narración curta Concello de Marín

16 abril 2008

Até o 25 de abril de 2008. Bases.

GZ CREA 08: Certame galego de creadores novos

16 abril 2008

«A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade convídavos a participar neste certame galego de creadores novos, que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, moda, música, relato, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, videoclips, composición para banda de música e deseño de xoias.

Acreditamos na creatividade da mocidade galega, apostamos por crear estímulos e canles de comunicación para a súa divulgación como modelos reais de presente e de futuro. O que pretendemos e implicarnos de xeito activo coa mocidade galega na procura de ferramentas e espazos que permitan estimular e vehicular as múltiples inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega. [...]» (Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar da Xunta de Galiza)

As bases poden consultarse na web de GZ CREA 2008.

Entrega en Pontevedra do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico

15 abril 2008

O 17 de abril ás 20:30 abrirase o Espazo Radioescénico en que se celebrará a entrega do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. Será no Teatro Principal de Pontevedra (R/ Paio Gómez Chariño, s/n).

Festival poético en Arteixo

15 abril 2008

O xoves 17 de abril terá lugar o festival poético que terá lugar en Arteixo no pub da alfombra vermella da flor das viñas, o Entrance Bar (R/ Ría de Noia, Praza das Viñas, a carón do Balneario). Apartir das 22:00 poderase desfrutar dun festival en lingua galega onde participarán autores coma o recoñecido poeta Paco de Souto, Miguel Mato Fondo e Paco de Tano, entre outros.

Premio Concepción Arenal 2008