Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Luis Rei Núñez na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña

27 maio 2008

O mércores 28 de maio Luis Rei Núñez charlará cos participantes do obradoiro de escritura da Biblioteca Municipal de Estudos Locais e dos clubes de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña sobre a súa novela Urbano Lugrís e a negra sombra, Premio Nacional da Crítica en 2007.

Alberte Momán en Montealto

26 maio 2008

No Centro Social Gomes Gaioso de Montealto terá lugar a presentación d’ O alento da musa, de Alberte Momán.Será o venres, 30 de maio, ás 20:30 horas. O autor tamén lerá uns textos do seu último libro Ferrol e o que queda por chover.

VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “ATENEA” 2008

26 maio 2008

Estase a desenvolver a primeira fase do Certame de TeatroInfantil e Xuvenil Atenea 2008 que organiza o Ateneo Ferrolán, co patrocinio de Caixanova dende o ano comezado na ano 2003, polo cal estes días a actividade teatral dos grupos das asociacións e colexios que aspiran a estar na fase final é moi intensa, así como a dos membros do Xurado que teñen a encomenda de asistir a tódalas representacións que se realizan en horarios lectivos e outros de tarde.
O ditame e entrega de premios terá lugar na primeira quincena de xuño no salón de actos do Ateneo Ferrolán.

Yolanda Castaño no Festival Mundial de Poesía de Venezuela

23 maio 2008

Co lema “Sen tregua, coma as nubes” a 5ª edición do Festival Mundial de Poesía de Venezuela está a ter lugar no país caribeño dende o día 18 e ata o 25. O evento, organizado polo Ministerio do Poder Popular para a Cultura –que dirixe o galego Francisco Sesto- a través da “Casa Nacional das Letras Andrés Bello” celébrase en todo o territorio nacional, dedicándose este ano ao poeta margariteño Gustavo Pereira (Premio Nacional de Literatura 2000).
Nun percorrido pola totalidade dos 24 estados do país, 200 poetas venezolanos súmanse aos 38 internacionais provintes de 30 diferentes países de Europa, América, Oriente Próximo, África e Oceanía. Entre eles, a galega Yolanda Castaño, única chegada dende as linguas minorizadas do Estado, e que completa xunta Mª Ánxeles Pérez López a delegación española.
Este Festival Mundial, que xa contara con outro galego –Miguel Anxo Fernán-Vello- na súa segunda edición hai dous anos, experimenta un constante crecemento dende os seus comezos, colocándose coma o segundo en importancia en toda América Latina, despois do de Medellín (Colombia). O programa inaugurouse o día 19 ás 18:30, no emblemático Teatro Teresa Carreño da capital. Recitais, obradoiros e presencia editorial darán respaldo a este acontecimento cultural.

Premio Abrente de Textos Teatrais

22 maio 2008

Como mostra de apoio aos novos creadores, durante a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia entrega cada ano o Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado polo Concello de Ribadavia. O galardón, dotado con 3.000 euros e a publicación da obra, concédese á mellor obra presentada, de tema e extensión libre e escrita en galego. O prazo de admisión remata o día 30 de xuño, e os orixinais deben enviarse ao Concello de Ribadavia. Bases.

Presentación libro Para dicir abril, de Xosé Vázquez Pintor

21 maio 2008

A presentación será ás 20:00 do xoves 22 de maio na Galería Sargadelos de Pontevedra, coa presenza de Mercedes Vázquez, da Asociación “Máis libros” Ánxela Gracián, de Sotelo Blanco Edicións e Xosé Vázquez Pintor.

III Terceira xuntanza do obradoiro “Cousas de mulleres”, organizado por Herbas de Prata

21 maio 2008

(Bos Aires, 15 de maio) – O colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata organiza o sábado 31 de maio a terceira xuntanza dos seus obradoiros “Cousas de Mulleres” coa intención de abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten.
A cita será no Centro Noia Rianxo o vindeiro sábado 31 de maio ás 15,30 horas na rúa Gral. Urquiza 1021, da cidade de Bos Aires.(Herbas de Prata)

Presentación en Ferrol do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981

20 maio 2008

O xoves 22 ás 20:00 a Galería Sargadelos Ferrol e a A. C. Fuco Buxán organizan a presentación do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981 (Galaxia). No acto intervirán o autor do libro, Ceferino Díaz, e Manuel Cendán. (Galería Sargadelos de Ferrol)

Presentación na Coruña do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda

20 maio 2008

O mércores 21 terá lugar a presentación do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de Dna. Begoña Álvarez Bravo, acompañada polo presidente da Asociación, D. Roberto Catoira e do Vicepresidente da Deputación da Coruña, D. Pablo Villamar, ás 20:30, no local da asociación.

Vigo: exposición sobre a experiencia da pesca

19 maio 2008

Este venres (sexta-feira) as 20.00 no Museo do Mar de Vigo, inagúrase a exposición “Onde o Mundo se chama Terranova”. O núcleo desta exposición son as lembranzas, fotos, obxectos e experiencias vitais recollidas por cinco biólogos galegos (Anxo Fdez-Arroyo, Euloxio Vázquez, Lorenzo Suárez, Enrique álvarez Escudero e Xavier Queipo) a bordo dos navíos bacalloeiros faenando en Terranova entre 1982-1990. A importancia desta exposición está no carácter documental sobre unha pescaría que xa desdapareceu, vista tal e como era hai máis de dúas décadas.

Premio Concepción Arenal 2008