Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Xosé Vázquez Pintor na Feira do Libro de Cangas

21 xullo 2008

Xosé Vázquez Pintor lerá o pregón na Feira do Libro en Cangas o día 23 de xullo ás 20:00. A continuación, ás 21:00, terá lugar a presentación da súa novela Para dicir abril (Sotelo Blanco).

XXIV Certame literario Concello de Vilalba

21 xullo 2008

Até o 22 de agosto de 2008. Máis información aquí.

Campaña “Europa é plurilingüe, quen sabe galego sabe máis”

21 xullo 2008

A Universidade de Vigo organiza unha da campaña de explicación do Decreto 124/2007 titulada “Europa é plurilingüe, quen sabe galego sabe máis”. (Universidade de Vigo)

Coruña: Ciclo A-FÓRA(S) - Galería Sargadelos A Coruña

18 xullo 2008

«O ciclo dos a-fóra(s) xurde da idea de falar da relación centro / periferia a través dos desprazamentos dende un lugar natal (Galicia) a outro en principio alleo.

Para reflexionar sobre esta situación, catro convidados/as achegarannos a súa experiencia(s): Raida Rodríguez (Barcelona), Martín Veiga (Cork), Samuel Solleiro (Antillas) e Xavier Queipo (Bruxelas).

A Galería Sargadelos da Coruña convócavos a todos/as a participar no ciclo de charlas que se desenvolverán entre o 22 de xullo e o 12 de agosto. Terán lugar na sala da Rúa Real 56, ás 20:00.»

Muxía: presentación de Nove, de María Lado

17 xullo 2008

Nove, poemario de María Lado galardoado no X Premio de Poesía Avelina Valladares (Edicións Fervenza), será presentado o sábado 19 ás 21:00 na Biblioteca de Muxía. O acto, que contará coa presenza da autora, está organizado pola asociación Pedra dos Corvos.

Xesús Constela gaña o XX Premio de novela García Barros

17 xullo 2008

«O escritor Xesús Constenla resultou gañador da XX edición do Premio de Novela García Barros, convocado polo Concello da Estrada, coa novela “Á espera do lusco fusco”, que publicará Editorial Galaxia.

O xurado formado por Armando Requeixo Cuba, Xosé Manuel Eiré Val, Luis Alonso Girgado, Carlos Lema, e Valentín García Gómez, que actuou como Secretario, acordou, por maioría, conceder o XX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema Á espera do lusco fusco. En opinión do xurado, a novela gañadora é especialmente valorable por tratarse dun monólogo narrativo, escrito cunha linguaxe coloquial que utiliza recursos rítmicos como a repetición con fins paródicos. [...]» (Editorial Galaxia)

Compostela: presentación de Raiolas no faiado, de Francisco Rozados

16 xullo 2008

O xoves 17 de xullo, ás 20:00 na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes), terá lugar a presentación de Raiolas no faiado (Sotelo Blanco Edicións), de Francisco Rozados. Para alén do autor do libro intervirá Ánxela Gracián, directora da colección Medusa Narrativa.

Novo número da revista dixital Búsola

16 xullo 2008

O novo número da revista dixital Búsola está dispoñible. Esta publicación, revista de artes, pensamento, ciencia que edita a Casa da Cultura do Concello do Valadouro presenta o nº 3 (4º en total) no que colaboran Olga Castro, Aurora Santos, Manuel Gago, Beatriz Hervella, Olga Osorio, Clara Martín, Noemí López e Xaquín Marín que prologa este novo número.

Máster oficial en lingua e usos profesionais: español-galego-inglés

16 xullo 2008

O máster en Lingua e usos profesionais (español/ galego/ inglés) integra materias dos ámbitos lingüístico, tecnolóxico e das ciencias sociais.
O prazo para a preinscrición estará aberto de 1 de xullo a 14 de agosto de 2008.
A formalización de matrícula terá que realizarse no mes de setembro. (Universidade da Coruña)

A memoria que reconstrúe un mundo, de Yanelis Velazco Fajardo, sobre a obra de Xosé Vázquez Pintor

15 xullo 2008

A memoria que reconstrúe un mundo é o título do libro da profesora de Crítica Literaria na Facultade de Artes e Letras na Universidade da Habana, Yanelis Velazco Fajardo, que fora presentado na Feira Internacional do Libro da capital de Cuba no pasado mes de febreiro. Publicábase así a súa tese sobre unha parte da obra poética do escritor galego Xosé Vázquez Pintor. Este xoves, aproveitando a súa segunda visita a Galicia, a autora compartirá o convívio, coa palabra e obra que nos representa, con Felipe Senén e Xosé Vázquez Pintor. Será unha viaxe pola Literatura de noso, de Cuba a Galicia e viceversa. E tamén unha achega de actualidade á obra do escritor de Melide, que fora honrado no pasado mes de xuño coa Letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Yanelis Velazco Fajardo (Matanzas-1976) colabora en revistas especializadas de Ensaio e Literatura, como “La jiribilla”, “ La letra del escriba” e “ La siempreviva”, onde no seu último número aparece un estudo sobre a novela “Para dicir abril”, editada por Sotelo Blanco e co patrocinio da Fundación Vicente Risco.

Será o día 17 de xullo nas Portas Ártabras-espazo de Cultura de Amigos dos Museos de Galicia (Rúa Sinagoga, 22 - detrás da Colexiata na Cidade Vella da Coruña), ás 20:00.

A Coruña: preséntase A trenza, de Marcelino Fernández Mallo

15 xullo 2008

A Editorial Ézaro estrea a súa colección de literatura galega coa presentación da novela A trenza (ver blogue), de Marcelino L. Fernández Mallo. Será este martes 15 ás 20.00 horas no Centro Fonseca da Coruña (Rúa Fonseca, 8). Intervirán no acto Yolanda Castaño (poetisa), Alejandro Dieguez (editor) e o autor.

Celanova: I Encontros de poesía nova

15 xullo 2008

En Celanova (Casa dos poetas, Celanova), entre o 18 e o 19 de xullo do 2008, terán lugar os primeiros ENCONTROS DE POESÍA NOVA, no contexto do centenario de Manuel Curros Enríquez.
Entre os participantes figuran César Antonio Molina, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio de Ory, Miguel Anxo Fernán-Vello, Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos, Paulino Vázquez, Cecilia Quílez, Berta Dávila, José Ramón Trujillo, Emilio Ruiz Barrachina, José Manuel Lucía Megías, Justo Bolekia, Javier Pérez Vazo, Basilio Rodrígez Cañada e Xosé Luis Méndez Ferrín. O encontro finalizará co espectáculo poético-musical QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR, sobre a obra poética de M. Curros Enríquez, pola Compañía teatral Casahamlet e con dirección de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.

Coñeza a actualidade dos membros da AELG emitida durante o Cultur.gal

Galería