A AELG LAMENTA QUE GEORGE STEINER DESCOÑEZA E DESPRECE A LINGUA E A LITERATURA GALEGAS.
(A Coruña, 27 agosto 2008).- A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) lamenta profundamente as declaracións de George Steiner a respecto do noso idioma e da nosa literatura. Non podemos aceptar, nin pasar por alto, que unha persoa de probada valía intelectual, que no seu día recibiu o premio Príncipe de Asturias da Comunicación, manifeste un descoñecemento tan elevado da nosa literatura e non teña reparos en demostralo nunha entrevista, amosando un total desprezo polo que non coñece, facendo gala da súa ignorancia e demostrando unha nula gratitude cos cidadáns do Estado que un día o premiou.
A AELG quere pensar que estamos ante un caso de descoñecemento temerario da nosa tradición literaria, e non ante un prexuízo, que non poderíamos entender nunha persoa desta traxectoria e que, no entanto, si é quen de entender a cuestión catalá. Por tanto convidamos ao señor George Steiner a visitar o noso país e coñecer a nosa lingua e a nosa cultura, manifestándolle que nos encantará ilustralo sobre as antigas e fértiles orixes da lingua galega e da súa literatura, que transcendeu as fronteiras da Península, converténdose o noso legado literario medieval en modelo literario culto de referencia, e aínda hoxe é obxecto de admiración e estudo en todos os países do mundo, como o demostra a produción editada nas diversas manifestacións de xéneros literarios, ora clásicos ora en proceso de reinterpretación, as traducións a múltiples linguas europeas, a súa presenza en congresos, seminarios, encontros e outros foros literarios canda representantes doutros sistemas literarios, os importantes premios e recoñecementos conseguidos polos escritores e escritoras en lingua galega, no panorama estatal e internacional, así como os milleiros de páxinas escritas, dentro e fóra do país, ao redor da reflexión teórica que a creación literaria en lingua galega provoca nos estudosos e críticos.
Para a AELG esta é unha demostración palpábel da necesidade de impulsar as estruturas estábeis xa existentes e espalladas polo mundo, destinadas á promoción e ensino da lingua e da cultura galegas, así como crear outras novas que vinculen a identidade galega, e as súas diferentes manifestacións, cos centros internacionais de prestixio, á procura da necesaria internacionalización da nosa lingua e cultura desde presupostos claramente identificadores dunha terra con cultura milenaria e unha identidade propia.
SAÚDOS
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AELG
Tel. 660 530 525
Correo-e: Actividades AELG, Lingua, Sociedade |
27 Agosto 2008
«O xurado tivo que valorar as corenta candidaturas presentadas, e escolleu ao galeguista Pousa Antelo pola súa “entrega permanente ó país como galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural”. Agora, a organizadora do premio, a Asociación Val de Láncara, preparará os actos de homenaxe ao gañador.» (culturagalega.org)
Premios e concursos (outros) |
27 Agosto 2008
Xa está disponíbel o número 29 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.
Edición, Sociedade, Tecnoloxías información e coñecemento |
26 Agosto 2008
Comezando o 5 de setembro, este evento ofrecerá unha “Táboa Redonda” na que intervirán Xavier Alcalá, Xosé Martínez Romero, Antón Moreda, Avelino Pousa Antelo e Pilar Xeremías. Ver o programa na web a Asociación Cultural Xérmolos.
Coloquios, Conferencias |
25 Agosto 2008
O 11 de setembro terá lugar a presentación da novela de la escritora Stella Maris Latorre El sastre de Lugo (Gárgola Ediciones/Ed. Cuatro Vientos). Será ás 17:00 no histórico Café Tortoni de Bos Aires (Avenida de Mayo 829, Sala Alfonsina Storni). A presentación estará a cargo da licenciada Ana María García Albors, e será amenizada co show da parella de tango “Fátima y Peter”. A escritora asinará exemplares.
Actos, Edición, Narrativa |
25 Agosto 2008
O mércores 3 de setembro, ás 20:30 na FNAC da Coruña, o poeta bergantiñán Óscar de Souto ofrecerá un recital poético onde presentará unha mostra dos poemarios Destiño de vinganza e Azilag: Bitácora poética 2008.
Poesía, Recitais |
22 Agosto 2008
O martes 26 de agosto ás 19:00, na Biblioteca de Estudos Locais (Casa da Cultura Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga), terá lugar un recital poético musical con motivo da presentación do libro A Coruña. A Luz das Letras (Editorial TRIFOLIUM). Esta actividade é organizada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e pretende commemorar o 800 aniversario da fundación da cidade da Coruña. A publicación consta de escritos sobre a cidade de arredor de 50 autores e autoras galegos.
Celebrarase ademais un recital poético a cargo dalgúns dos colaboradores do libro: Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Salvador García-Bodaño e Xavier Alcalá.
Actividades AELG, Edición, Música, Poesía, Recitais |
20 Agosto 2008
O acto terá lugar o 27 de agosto ás 18:30 no Salón de Actos Maruxa Boga (25 de Mayo 555 PB - Bos Aires). A presentación correrá a cargo de Badi Lestani, quen establecerá un diálogo co autor, e contará coa presenza da delegada da Xunta de Galicia María Xosé Porteiro e a presidenta do Centro Betanzos Beatriz Lagoa Veiga.
Actos, Edición, Poesía |
19 Agosto 2008
Convocado pola Assembleia de Mulheres do Condado, o prazo de presentación remata o 31 de agosto de 2008. Información: Local Social Baiuca, Rúa Redondela,11. Ponteareas (Pontevedra); tamén aquí.
Premios e concursos (outros) |