Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Xabier López Rodríguez vence o III Premio Meiga Moira 2008

30 setembro 2008

«Baía Edicións vén de resolver o III Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 no que resultou elixida como gañadora a obra presentada baixo o lema Os globos de andar (grupo de idade de 8 a 10 anos) e que resultou da autoría do xornalista e escritor Xavier López Rodríguez, afincado en Santiago Compostela, onde desenvolve a súa actividade profesional.

O Tribunal, presidido polo catedrático de Literatura Galega da UDC, Carlos Paulo Martínez Pereiro, e integrado tamén por Antonio Yáñez Casal, gañador do II Premio Meiga Moira coa obra titulada Lóbez, Cristina Sáez Cazallas, escritora coruñesa e autora de diversas obras dirixidas ao público infantil, Dores Fernández López, profesora de lingua galega no IES Paseo das Pontes na cidade da Coruña, e a nosa directora editorial, Belén López Vázquez, resolveu a súa decisión destacando o feito que:

Os globos de andar é unha historia que pon de manifesto as mellores cualidades da infancia dun xeito orixinal. A inocencia, bondade, confianza, solidariedade e esperanza, como algúns dos valores que marcan o deambular dos seus protagonistas, están presentes na obra de forma non forzada, sensible e, fundamentalmente, natural.

A historia é reforzada coa utilización dunha linguaxe sinxela, accesible e fluída, coa que se consegue non só afondar na tenrura do relato, senón tamén propiciar unha lectura fácil e directa para o público ao que vai dirixida.

Ao III Premio Meiga Moira presentáronse máis de 50 orixinais, dos cales serviron de base para a súa decisión definitiva do Tribunal 20 títulos, e nos que, en xeral, se destacou o importante momento que a literatura infantil e xuvenil en lingua galega atravesa na actualidade.» (Bahía Edicións)

XVI Xornadas Mar por Medio - Galiza e Portugal

30 setembro 2008

Mar por Medio«Portugal foi sempre para a Galiza e para o galeguismo unha especie de ferida aberta, de Galiza do sul que medra, sae ao mar e nos deita no espello dos séculos a imaxe do que puidemos ser nas reviravoltas da historia.

Mais hoxe as cousas comezan a mudar. No galeguismo político e cultural avanza o pragmatismo e a ollada cultural mantense pero tamén dá paso a novas realidades: o espazo da euro-rexión que conformamos co norte de Portugal, as posibilidades económicas que abre para as empresas de ambas as beiras do Miño ou o achegamento real que supuxeron as novas insfraestruturas viarias son realidades ben máis actuais e interesantes do que os debates repetidos que rematan sempre en vía morta.

Mar por Medio quere ser, nese sentido, unha ferramenta útil na análise de en que medida o achegamento entre os nosos dous países é realmente posíbel no campo das industrias da cultura e da comunicación. Debatámolo, falémolo, marquemos prioridades… e despois, pasemos das palabras aos feitos. [...]» (Mar por Medio)

Enciclopedia e dicionario gratuítos en rede

30 setembro 2008

Ir Indo Edicións informa que poden consultar, de forma totalmente gratuita ata o mes de decembro, a nova versión da EGU na rede. E da presentación do primeiro dicionario normativo que incorpora as etimoloxías e as equivalencias en lingua portuguesa, castelá e inglesa, insire tamén sinónimos, antónimos, variantes, novas traducións e préstamos, ademáis doutras diversas seccións.

Nova corrección: XXI PREMIO NACIONAL DE POESÍA XOSEMARÍA PÉREZ PARALLÉ

29 setembro 2008

Xosé Mª Pérez Parallé Prórroga do prazo de presentación de orixinais

Debido a un erro cometido por algúns medios na difusión da data de peche do prazo de presentación de orixinais do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, a entidade convocante resolveu prorrogar o prazo de presentación até o día 10 de outubro.
O premio, que ten como finalidade a difusión de novas voces da poesía, está destinado a autores e autoras sen libro individual de poesía publicado.
Para participar é necesario enviar por triplicado un libro de poesía en lingua galega. O libro debe enviarse baixo pseudónimo e, nun sobre aparte, debe indicarse por fóra o pseudónimo e, por dentro, os datos persoais do autor ou autora.
O material debe enviarse sen remite ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene: Porto do Río, 21 - San Paio - Fene.
O día 11 de outubro darase a coñecer a composición do xurado desta edición.

XXI Premio de Poesía
Xosemaría Pérez Parallé
(Fene 2008)

Bases. (C.M.I. Unidade de Fene)

III Encontro de Novos/as Escritores/as: 2ª xornada

29 setembro 2008

As mesas “Literatura. Internet e novas tecnoloxías” e “Literatura, sociedade e nación” pecharon o III Encontro de Novos Escritores Entre Dous Séculos

(A Coruña, 27 setembro 2008).- Dúas mesas, relacións entre Literatura e novas tecnoloxías e Literatura, sociedade e nación pecharon a derradeira xornada do III Encontro de Novos Escritores “Entre dous séculos”, celebrado no Pazo de Mariñán organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a Deputación da Coruña.

“Entre dous séculos” concebiuse coma un espazo dende o que dialogar, con voz propia, sobre os diferentes camiños que os novos creadores e creadoras van tomando na escena da nosa literatura.

Na primeira das mesas desta derradeira xornada, con participación de Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez, coordinados por Francisco Castro, analizouse o cambio tecnolóxico revolucionario que, no que respecta á poesía, ofrece dous aspectos a ter moi en conta: novos sistemas de reprodución e o acceso doado ás novas ferramentas expresivas. Unha das máis relevantes é a rede. Internet ofrece un espazo de reprodución ilimitado. Con Internet, o soporte libro é substituído por un documento de texto ou un pdf. As páxinas web son o modo de distribución. Neste proceso, segundo se comentou, os medios de edición son, en xeral, independentes (un exemplo poden ser as comunidades de bitácoras ou blogs), con estratexias e regras novas pero que procuran o mesmo obxectivo de sempre: atraer público, e incluso transformarse en soporte. Finalmente, plantexouse no debate a proposta de publicar os novos textos na rede para deixar de bater contra os muros dos premios literarios e as editoriais.

Na segunda mesa celebrada nesta derradeira xornada participaron os autores Carlos Negro e María Reimóndez, coordinados por Marta Dacosta. Nela falouse dos inicios do que hoxe chamamos Promoción dos 90, centrados na loita contra a frivolidade da movida e contra o culturalismo innecesario; unha xeración de autores comprometidos coa lingua e co país, formados no noso idioma e na nosa literatura, por veces, tal como se dixo, con máis paixón que coñecemento, desexosos de sinceridade e de engaloiar pola poesía, de render os lectores, de convertelos en poetas tamén.

O III Encontro de Novos Escritores Entre dous séculos pechou cun recital poético celebrado no Museo de Belas Artes da Coruña, no que participaron María Lado, Lucía Aldao, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz Espinosa e O Leo, rematando coa actuación de García, membro do grupo Dios Ke te Crew.

Gabinete de Comunicación Aelg

Tfno.: 660 530 525

Correo-e.:  

III Encontro de Novos/as Escritores/as: 1ª xornada

29 setembro 2008

As mesas “Cartografías literarias no novo século” e “Presencia e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” abriron a primeira xornada do Encontro de Novos Escritores entre dous séculos

(A Coruña, 26 setembro 2008).- Na presentación do Encontro de Novos Escritores Entre dous séculos celebrada no Museo de Belas Artes da Coruña, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez -que estivo acompañado polo director xeral de Xuventude Rubén Cela, e por Antía Otero, vicepresidenta da asociación-, afirmou que as xornadas “queren ser un lugar de encontro, unha terra de liberdade para a reflexión, un lugar para que os propios protagonistas do feito literario e máis do devir da escrita máis nova poñan en común puntos de concordancia e de diverxencia que os sitúen nun mesmo sistema literario”.

Referíndonse aos participantes, o presidente da asociación que acolle a máis de 350 escritores e escritoras galegos, dixo que “eles son non só o futuro, eles e elas son xa o presente da literatura viva dunha das máis vellas e cultas nacións de Europa”, engadindo que “teñen a responsabilidade de situar ao noso idioma no día a día, de dotalo da necesaria xuventude para seguir sendo instrumento de comunicación e coñecemento”.

  • As mesas

Xa no Pazo de Mariñán, celebrouse a primeira das mesas programadas, baixo título “Cartografías literarias no novo século”, na que interviron Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal, coordinados por María Xesús Nogueira. A modo de resumo, considerouse que a literatura galega debería asumir con orgullo os apelativos de anormalidade ou subalternidade, asumir os chamados estigmas e persistir neles como única solución de continuidade. E así é porque, según se dixo no transcurso da mesa, a relación de poder e a subalternidade foi a que produciu a nosa literatura tal e como é, e foi esa necesidade de diferenciación, o seu exercicio de resistencia o que a configurou como unha das literaturas máis orixinais e arriscadas de Europa. No noso sistema literario -engadiuse- temos asistido a un pular sen precedentes das minorías: a presenza inédita en número de creadoras femininas, o papel dos grupos literarios heterodoxos e abertos, a importante presenza de proxectos de autoedición, ou nos últimos anos, a aposta por novas vías, como a videocreación ou a ciberliteratura, que rachan coas nocións tradicionais de xénero e co propio concepto de creación literaria.

“Presencia e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” foi o título que acolleu a segunda mesa desta primeira xornada do congreso, na que interviron Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel Solleiro, coordinados por Elvira Riveiro. Un proceso literario é -asi se dixo- unha situación comunicativa complexa cunha serie de factores que condicionan o grao de visibilidade de un escritor ou escritora en determinada micro ou macro sociedade e tempo. O creador xoga nunhas coordenadas múltiples entre as que o grao de proximidade ou distanciamento a respecto dos medios difusores da súa obra, dos canais comunicativos, é decisivo á hora de tornar efectivo o propio proceso da emisión literaria. O distanciamento deses medios -estimouse- pode ser consecuencia de orixes periféricas, valoracións críticas, incomunicación, diferencia entre as capacidades técnicas ou económicas das entidades difusoras e as esixencias da obra, etc… mais tamén pode corresponderse cunha cualificación do texto como disidente a respecto do sistema no que se inxiren eses medios.

Gabinete de Comunicación Aelg

Tfno.: 660 530 525

Correo-e.:  Actividades AELG, Coloquios, Conferencias |

Xosé Luís Martínez Pereiro gaña o III Premio de Narrativa Breve Repsol YPF

26 setembro 2008

(Galiciae)

Mañá en Mariñán: ENTRE DOUS SÉCULOS, ENCONTRO DE NOVOS ESCRITORES

25 setembro 2008

III Encontro de novos/as escritores/asCelebrarase no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña) do 26 ao 27 de setembro de 2008. Ver programa aquí.

Lugo: preséntase O pazo das musas. Revista oral, nº 15

25 setembro 2008

O nº 15 d’ O pazo das musas. Revista oral, será presentado o día 25 ás 20:00 no refectorio do Museo Provincial de Lugo. Trátase dunha revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo). O acto contará coa colaboración de Xulio Xiz, Baldomero Pestana, Xosé Miranda e, na parte musical, Juanjo Fernández e Miguel Fernández.

A Coruña: coloquio e roteiro urbano sobre a obra de Lugrís

25 setembro 2008

null«Con motivo do Certame Outonarte 08: “Sobre o espazo infinito. A creación ao redor do mar”, hoxe, xoves, 25 de setembro, ás 19:30, na Sala de exposicións municipal de Palexco, terá lugar unha charla que leva por título “Lugrís, pintor do mar”, na que Antón Patiño, Luís Rei Núñez, Ánxeles Penas e Xavier Seoane analizarán a obra e a vida do artista.

A continuación o artista Antón Patiño e mais o especialista en personaxes e lugares da Coruña, Xurxo Souto, farán de cicerones nun percorrido polos lugares que frecuentaba Lugrís, nalgúns dos cales aínda queda testemuña da súa obra, sobre todo, grandes murais; unha das vías de expresión que caracterizaba ao pintor coruñés. Bautizado como “Roteiro Tabernario”, o percorrido guiado partirá da sala Palexco as 21 horas de mañá xoves, día 25 de setembro, e visitará, entre outros, A Bottega (rúa dos Olmos), A Mundiña (rúa da Estrela), os Cantóns e por fin, o café Veccio (rúa Real).» (Concellaría de Cultura do Concello da Coruña)

Comunicado de Eduardo Estévez ante a impugnación do Premio de Poesía Miguel González Garcés

24 setembro 2008

O día de hoxe veño a ser informado de que a Deputación Provincial da Coruña decidiu aceptar unha impugnación recibida hai uns meses e que solicitaba que se descalificase o meu libro construcións e se lle retirase o premio de poesía Miguel González Garcés que lle fora concedido.
O argumento da impugnación, presentada polo señor Xabier Lama, é que o libro incumpría as bases da convocatoria por estar previamente publicado no blog “en construcion”.
Como expliquei no seu momento perante a propia Deputación que mo solicitou, esta impugnación carece de toda base legal segundo os seguintes argumentos:

1. O premio, tal e como está descrito nas súas bases e é de público coñecemento, premia unha “obra”. Quer dicir, considera unha “obra” a totalidade do material presentado baixo un título e lema. A “obra” presentada a concurso é rigorosamente inédita.

2. Existe, efectivamente, un blog, titulado “en construción”. e co seguinte subtítulo: “bitácora da construción dun libro de poemas”. A existencia deste blog era pública antes da convocatoria do premio e, como pode comprobarse, non a ocultei en ningún momento. En todo caso, o que se publicou neste blog é unha descrición do proceso de produción da obra. Non é un libro, senón unha bitácora, un diario. Acompañando esta bitácora é posíbel consultar borradores de algúns dos textos que compoñen a obra pero non todos os textos nin as súas versións finais. O poeta e investigador Miro Villar explica claramente, nun informe técnico que emitiu nesta oportunidade, que “é axioma ou principio filolóxico fundamental que as versións anteriores á edición definitiva ou testamentaria por parte do autor teñen a consideración de material de traballo para a crítica textual, mais en ningún caso se chegan a considerar como textos definitivos do autor”. O concepto de “obra”, por tanto, distínguese claramente do seu proceso de produción e nas bases do premio non se indica que o proceso de produción da obra deba ser inédito.

3. Como se pode ver no mesmo blog, a publicación do proceso de produción abandonouse o 1 de maio de 2006. Un mes despois (o 13 de xuño) déixase constancia dun período de reflexión sobre os textos e, posteriormente (o 25 de agosto), infórmase de que a obra sufríu moitas correccións. Dende aquela, como resulta habitual habida conta do tempo transcorrido até a convocatoria do premio, aínda houbo outros procesos de revisión profunda do libro nos que se descartaron poemas e se incluíron outros, ademais de modificarse seriamente a totalidade dos textos. Ningunha destas modificacións (nin a descrición das mesmas nin os textos) foron difundidas no blog ou na miña páxina persoal.

4. Na mesma cláusula SEGUNDA das bases do Premio dise que a Deputación “publicará” a obra premiada. Non se explicita (aínda que queda amplamente sobreentendido) que se trata dunha publicación en papel. Pódese sobreentender, por tanto, que a expresión “inédito” na cláusula primeira se refire tamén a este modo habitual de publicación.

5. Por outra banda, o mesmo informe técnico antes mencionado determina sen que caiba lugar a dúbidas que, “só recibe consideración de obra édita aquela que posúe o seu correspondente rexistro, quer no ISBN quer no Rexistro da Propiedade Intelectual, e calquera outra obra sen o devandito trámite sempre adoita considerarse como inédita”.

6. Existen hoxe en día diversos métodos de edición de libros dixitais. Como se explica na Wikipedia  http://es.wikipedia.org/wiki/Libro-e#For…), os formatos comunmente utilizados para este soporte son DOC, PDF y LIT. Nin o blog nin os textos incluídos na páxina web utilizan calquera destes métodos. En todo caso, pódese consultar os arquivos do ISBN para ter constancia de que non existe rexistro da edición de ningunha obra ao meu nome en formato papel ou dixital que poida significar un incumprimento das bases do premio. Outro informe técnico, neste caso do poeta e editor Fran Alonso, explicita: “En ningún caso pode entenderse o blog «En construción» como un libro dixital. En primeiro lugar, un blog non responde ao que desde o punto de vista profesional os editores entendemos por «edición dixital» (formatos de texto dixitalizado, sometido a un proceso de edición e preparado para a súa descarga nun ordenador, pda, teléfono móbil ou libro dixital, como adoitan ser os pdf ou os .doc). Por outra banda, as propias normas de estilo da ortografía técnica na edición indican que se debe empregar a cursiva para os títulos de obras literarias (tanto en formato papel como en formato dixital) pero que se deben empregar a redonda para os nomes dos blogs.”

7. En calquera caso, e tal como deixa entrever Fran Alonso no seu argumento, o concepto “edición” inclúe unha serie de procesos adicionais (e necesariamente posteriores) á escrita do libro que, como resulta obvio, non puideron ter lugar neste caso, xa que a escrita dos textos do libro non estaba rematada no momento en que se interrumpiu a difusión da bitácora.

8. Canto á alegación presentada á cláusula TERCEIRA das bases (que dice, literalmente: “As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono”), a Deputación pode dar fe de que o libro foi presentado baixo plica, cun título e un lema, polo que non se entende a que violación desta cláusula se refire a alegación.

9. Con todo, atendendo ao espírito desta cláusula que procura o anonimato dos textos para non viciar a resolución do premio, o xurado está no seu dereito (aínda que non o respalde unha lectura estrita das bases) de, antes de emitir o fallo, desbotar un libro porque pode recoñecer a súa autoría por haberse difundido algún dos textos que o compoñen en publicacións colectivas ou mesmo en recitais poéticos. Porén, unha vez que o xurado falla de boa fe e en exercicio da súa indiscutíbel profesionalidade, non parece pertinente que este mesmo dereito de veto se lle conceda a calquera persoa por que tivese coñecemento previo da obra.

10. Máis alá doutras consideracións, tanto o acto de presentar o libro ao premio canto a actuación do xurado desenvolvéronse baixo o principio de boa fe que rexe, segundo a lexislación vixente, todos os contratos de palabra (como o é o caso de presentar un libro a un premio literario). Como se explicita no artigo 1.288 do Código Civil: “A interpretación das cláusulas oscuras dun contrato non deberán favorecer á parte que tivese ocasionado esa oscuridade”.

11. En todo caso, a actuación do señor Xavier Lama só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido.

Teño na miña man presentar recurso contencioso administrativo contra a resolución da Deputación pero non o farei. Acepto esta nova decisión do xurado tal e como a aceptei da primeira vez e non pretendo obter nos despachos aquilo do que de boa fe o xurado e a Deputación agora me privan.
A importancia dun premio radica en que un xurado considere que o traballo de un merece ser premiado, o que xa ocorreu co meu construcións. Quédome con iso.

Eduardo Estévez
A Coruña, 23 de setembro de 2008.

Unha impugnación troca o gañador do Premio de Poesía Miguel González Garcés

24 setembro 2008

Ver en titulares:

- Retíranlle o ‘González Garcés’ a Eduardo Estévez (Vieiros)
- Eduardo Estévez queda sen o seu Premio González Garcés (Galicia Hoxe)
- O Premio González Garcés cambia de mans tras unha impugnación (La Voz de Galicia)
- Impugnado o Premio de Poesía González Garcés (A Nosa Terra)

Coñeza a actualidade dos membros da AELG emitida durante o Cultur.gal

Galería