O
xoves 24 de febreiro, Día de Rosalía, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha Lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país, como xa fixera o pasado 2010. Durante estes actos lerase tamén un manifesto que defina explicitamente o noso reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a nosa demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.
Os lugares que temos confirmados até agora son:
1. Santiago de Compostela: Panteón de Galegos/as Ilustres, San Domingos de Bonaval, 19:00 horas.
2. A Coruña: Kiosko Alfonso, 19:00 horas.
3. Vigo: Casa Galega da Cultura, 20:00 horas.
4. Lugo: Museo provincial, 19:30 horas. No acto a desenvolver no refectorio do Museo, con entrada libre, participará profesorado e alumnado do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, CPR María Auxiliadora, IES Manuel Leiras Pulpeiro e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, xunto con Pilocha que interpretará a capela poemas de Rosalía de Castro.
5. Betanzos: Salón azul do Edificio do Liceo, 20:00 horas. Colabora a A. C. Eira Vella.
6. Ferrol: Galería Sargadelos, 19:00 horas.
7. Ourense. Libraría Torga, 18.00 horas (en colaboración con Gremio LiterAuria).
8. Pontevedra. Libraría Michelena, 20:00 horas.
- Os actos están abertos a todo o público que queira asistir, ainda que solicitamos que envíen previamente un correo electrónico a oficina@aelg.org para confirmar que poema vai ler cada asistente, e evitar así eventuais repeticións.
A seguir expoñemos un resumo das ideas que se desenvolverán no manifesto a ler este día:
1. Demandar para San Domingos de Bonaval a permanencia do Panteón de Galegos Ilustres. Reafirmamos como irrenunciábel que sexa de titularidade pública e de uso laico.
2. Denunciar a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura por parte do Goberno da Xunta de Galicia, que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras, e por toda a sociedade galega no seu conxunto.
3. Apoiar, máis unha vez, todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia en lingua galega e en contra da infravaloración e marxinalidade a que o goberno actual o ten sometido no ámbito do ensino.
4. Demandar, finalmente, que a Consellaría de Educación, máxima autoridade responsábel da xestión educativa, recolla no calendario escolar oficial anual a data do 24 de febreiro como o Día de Rosalía.
A nova recóllese en varios medios: Xornal, Galicia Hoxe, Fervenzas Literarias, o propio día 24 en Galicia Hoxe, El Progreso. O día 25 de febreiro aparecen estas mencións en Galicia Hoxe e Xornal.
Pingback: Día de Rosalía de Castro | No Baixo Miño en galego
HOXE E UN DÍA FERMOXO MIÑA FILLA MAIOR CUMPLE HOXE TM 31 ….O NACER TI ROSALIA …NACERON AS FRORES ….E QUEROTE FELICITAR …AMADA MIÑA……NO MEU CORAZON ANDAS XA¡¡¡¡¡¡PA SEMPRE
VOU FACERME DA ASOCIAC.XOU POETA ETC ETC.
Pingback: Seguimos con Rosalía :: Vaicheboa