Bases do IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia

O premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa. A figura de Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas. Novacaixagalicia homenaxea a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, fai extensiva a homenaxe aos escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia.

BASES

- 1. O IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego acollerá artigos propios do chamado xornalismo literario e de opinión, publicados, con nome ou pseudónimo, en calquera medio de comunicación impreso ou dixital de cabeceiras recoñecidas, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2011.
- 2. Os artigos deberán estar escritos en lingua galega.
- 3. Poderán presentarse todos aqueles escritores de artigos xornalísticos que cumpran co requisito sinalado na primeira destas bases.
- 4. Poderán presentar tamén propostas e candidatos as institucións, públicas ou privadas, academias ou fundacións de todo o ámbito da convocatoria que o estimen oportuno.
- 5. As propostas nacidas ao amparo dos puntos anteriores, deberán presentar orixinal e/ou documento en formato electrónico (pdf) da páxina completa do xornal ou revista que acollese a publicación. Acompañando o traballo que se presenta ao concurso, indicarase o nome, dirección postal, teléfono e NIF do concursante ou, no seu caso, do propoñente, de xeito que se permita a rápida localización de cada un dos autores dos traballos concorrentes.
- 6. Ademais, Novacaixagalicia poderá elixir un comité de lectura e preselección que levará a cabo, ao longo de todo o ano, o seguimento que permita a previa selección e clasificación de todos aqueles artigos que estime que deban ser sometidos á consideración do xurado.
- 7. Só se presentará un traballo por autor, que deberá remitirse ao correo electrónico: premios@centrosocialnovacaixagalicia.com, indicando no asunto: «Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego«, ou ao Centro Social Novacaixagalicia, na rúa Augusto González Besada, 2-36001, Pontevedra, nun sobre pechado e indicando no exterior: «Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego«. O prazo de recepción de traballos finalizará o día 31 de marzo de 2012.
- 8. Novacaixagalicia designará o xurado, que estará formado por persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos xornalístico, literario e/ou académico.
- 9. O xurado cualificador conta con capacidade para resolver cantas cuestións merecesen ser consideradas para a interpretación das presentes bases. A súa decisión será inapelable.
- 10. Novacaixagalicia non manterá correspondencia cos concursantes e/ou propoñentes e inmediatamente despois de dar a coñecer a resolución do xurado procederá á destrución dos orixinais presentados.
- 11. Novacaixagalicia resérvase o dereito de reprodución do traballo premiado, así como de calquera outro que, presentado ao certame, mereza esa consideración en opinión do xurado.
- 12. O xurado cualificador reunirase na sede de Novacaixagalicia en Pontevedra e resolverá o premio no primeiro semestre de 2012. Con posterioridade realizarase a entrega do premio nun acto público.
- 13. O premio, que non poderá declararse deserto nin ser dividido, terá unha retribución de 12.000 euros.
- 14. A presentación ao certame implica a aceptación das presentes bases.

En Pontevedra, maio de 2011.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>