Alfredo Ferreiro: “A produción poética deberíase publicitar igual que o Camiño”

Entrevista a Alfredo Ferreiro en Galicia Confidencial:
“- Galicia Confidencial (GC): Versos fatídicos, é o nome do teu último poemario… E, por que “fatídicos”?
- Alfredo Ferreiro (AF): “Fatídico” é esencialmente unha referencia explícita ao destino, e nese sentido entendo o traballo poético como un proceso gnóstico, como procura persoal de coñecemento; na mesma liña, asumo a poesía e a lingua secular da miña familia como descubertas coas que debo manter o meu compromiso, porque me tocan tan de perto que me definen e axudan a camiñar. Ao tempo, no plano social “fatídico” implica unha predición ou un vaticinio negativo: é o estigma, por un lado, que sofre esta cultura milenaria que foi o faro de media Europa no medievo e que agora, moribunda, non é recoñecida nen polos fillos que amamentou; por outro, a cruz que habemos de portar os escritores comprometidos co país… Non, mellor quero rectificar isto: a actitude dos escritores en galego non é unha cruz senón un facho que portamos desde hai moito con dignidade, e que vai indisolubelmente unida a outras reivindicacións conducentes á liberdade do individuo e da sociedade, tanto no sexual canto no social ou no nacional. Deste modo o esforzo persoal alimenta o compromiso social, e viceversa.
- GC: Que tratas de expresar con este novo libro?
- AF: No sentido do argumentado acima, no libro tento xogar un solitario literario a partir das cartas que a vida me deu, mais como é evidente é un xogo á vista do público o que convida tamén a participar. En que sentido? Primeiro, eu boto as cartas á vista de todos e resitúo e interpreto as imaxes conforme o meu criterio; segundo, ofrezo a configuración das imaxes e dos sons ao lector, que fará as súas valorizacións. Cada man de cartas é un poema, se cadra por iso aparecen tanto no meu texto o destino, o amor, o ceu, a terra, etc. Entendo que todas as autoras e autores fan o mesmo: partir do persoal para tentar atinxir o universal, sen esquecer a sanción do lector, porque ao final a publicación implica un acto comunicativo. (…)
- GC: Que supón, logo, escribir poesía en galego hoxendía?
- AF: Non coñezo as razóns que todas as autoras e os autores teñen para escribir poesía en galego. Para min, despois do xa explicitado, é simplemente algo necesario. Desde o punto de vista do país aínda me parece un recurso pouco explotado. Moitos outros países terían aproveitado comercialmente esta característica, felizmente coincidente con outros países do atlántico europeo, como Portugal e Irlanda. Non hai dúbida de que temos unha produción poética impresionante na Galiza que se debería publicitar, igual que o Camiño de Santiago, o potencial turístico das rías ou do monte atlántico. E por favor, que ninguén argumente que a cantidade é contraria á calidade, porque a pouca cantidade non asegura a calidade. Ao contrario, cando hai escola, no mellor sentido da palabra, é cando o xenio mellor pode florecer, como é evidente. (…)”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>