Fran Alonso: «Alegraríame se tivésemos un best seller, aínda que o diga con dor»

Entrevista con Fran Alonso en Tempo Dixital:
«(…) – Tempos dixital (TD): Publica Ninguén dez anos despois de Males de cabeza (Xerais, 2001) e no epílogo desbota un enlace directo co que era o seu último título de narrativa para adultos. Por que?
- Fran Alonso (FA): A estrutura garda relación con Males de cabeza e tamén con Cemiterio de elefantes (Xerais, 1994), por ese camiño de exploración entre o relato e a novela. Intenta esvaer os xéneros; no próximo libro aínda o levarei a un extremo moito maior, e aí acabo con ese tipo de experimentación. Ninguén explora as relacións humanas de vecindade incorporando dúas metáforas, un edificio e as novas tecnoloxías, e iso emparéntao máis con Silencio (Nigra, 1995). En Males de cabeza están os problemas que o individuo sofre coas novas formas de sociedade. Pero aquí non exploro tanto a psicoloxía dos personaxes como o contorno. Iso fai que este libro parta directamente de Silencio e de Balada solitaria (Edições Eterogémeas, 2004), poemario que só se publicou en Portugal e que agora está reproducido en Transición (Franouren, 2011). (…)
- TD: E tamén como traballador nunha editorial, como entende a normalización nunha cultura en que ás veces parece cinguirse á imitación de modelos próximos?
- FA: Esa é unha contradición permanente, aínda que xa vivimos nela máis ca agora. Por un lado sería magnífico que houbese best sellers en galego que lesen 20 mil persoas, o tipo de libro que se vende noutras culturas. Pero queremos que haxa lectores en galego ou queremos ter unha literatura de calidade, non estigmatizada polo mercado? Por un lado quero que haxa lectores para best sellers pero por outro reclamo a dignidade da literatura á marxe das modas que dite o mercado. E cada vez máis, e esa é unha reflexión que fago moito como editor, a edición está máis putrefacta. Mandan os grandes grupos e a edición está máis en mans de xerentes, de comerciais, ca de editores. Iso que denunciaba Schiffrin no seu libro, A edición sen editores. As estratexias editoriais dos últimos anos, de ocupación de metros cadrados de librarías, adiantos millonarios de dereitos, contratacións sen sentido, de pugna por novelas de moito éxito, de desviación a produtos comerciais á marxe da calidade literaria, creou un estado no que hoxe é moi difícil recuar. Iso é algo que me preocupa moito, porque penso que na edición paga a pena crear cultura. Pero o meu corazón parte en dous. Non podo dicir que non me alegrase se tivésemos un best seller, aínda que o diga con dor. Iso significaría que teriamos unha cultura normalizada, que en Galicia, aínda que se lería mala literatura, leríase en galego. Pero que é a normalidade? Inevitablemente creo que temos que camiñar cara a unha normalidade que implique dignidade literaria, calidade e ao mesmo tempo unha cultura en que haxa lectores e unha sociedade entregada cos seus propios referentes. Iso é pedilo todo. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>