Parlamento das Letras: Ramón Caride

Entrevista de Armando Requeixo a Ramón Caride no seu blogue, Criticalia:
«(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
- Ramón Caride (RC): Unha vez, nun encontro de escritores novos da AELG hai anos, un daqueles escritores novos, que agora xa non o son tanto, falou nun manifesto de “matar o pai e enterralo en cal vivo” e Novoneyra, que estaba naquel acto, deuse por aludido, e doeulle. Eu creo que non era esa a intención do manifesto, pero, en previsión de novos malentendidos, creo que non sobramos ninguén. O único que pediría é que os subsidios institucionais se repartan equitativamente; por exemplo, como as liquidacións de Cedro. E se imos tocar a moi pouco, que se fagan sorteos e ao que lle toque, pois tocoulle. Pero se no próximo Xacobeo a algún lle volven caer trinta recitais remunerados e a outros nada, que queres que che diga. Dan ganas, mesmo, de se dar de baixa do sistema literario, se é que temos tal cousa.
Que nos falta: internacionalización, difusión pública, axentes literarios, intermediarios profesionais que nos acheguen aos lectores do mundo e ás traducións, asociacións profesionais sen rixideces e sen figuras petrificadas nas cabeceiras… Falta case todo, agás autores e autoras interesantes, que os temos, e moitos. Temos o máis fundamental, os alicerces, moitos escritoras e escritores moi bos. Agora hai que erguer o edificio. Que se pode, e se non mirade para a banda deseñada ou a ilustración. (…)
- AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
- RC: Como di Cioran. “Todo quen diga: nós, está mentindo”. Ou como Wittgenstein: “toda discusión é unha discusión sobre as palabras”. Porque se falamos do noso presente literario, quen somos nós, os do noso presente: ¿os lectores?, ¿os editores?, ¿os críticos?, ¿os escritores? Supoño que os escritores, pola parte que me toca. Eu sei algo do que fago, pero non moito do que fan outros, alén do meu círculo inmediato. Este oficio é tan solitario e tan particular que o presente literario de cada autor é o presente literario de cada autor. A min non me vai tan mal, así que non vou poñerme a chorar. Xa sei que son un galego atípico. Outra cousa, ou a mesma cousa se cadra, é a crise da industria editorial galega, que non vén de agora, aínda que se agrava arestora por circunstancias evidentes.
O meu amigo Miguelanxo Prado dicía, alá polo 1991, “unha cultura totalmente subvencionada é coma un neno-burbulla” que periga cando fallan as subvencións. E para min que algo disto, ou moito, houbo. De todos os xeitos, hai editoriais novas, con novas ideas e xeitos de facer, que me interesan moito. Isto se cadra non é unha crise editorial senón un cambio completo do modelo editorial, xa veremos. Temos que ser optimistas e traballar, escribir no noso caso. Eu das miñas crises levo saído a forza de traballo. Creo que hai que ser optimistas, aínda no caso de que non podamos ser ningunha outra cousa, e sobre todo neste caso. O futuro é todo noso, porque está todo por facer. (…)»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>