Día de Rosalía de Castro 2018

O Día de Rosalía de Castro 2018 é unha actividade da AELG que conta co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e da Deputación da Coruña.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra

Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.

Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!

E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra

 

Acto central

O 24 de febreiro terá lugar o acto central do Día de Rosalía. En breve teremos o programa completo.

————

Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora María Reimóndez.

A Coruña

Vilalba

O 24 de febreiro na Casa Habaneira de Santaballa, organizado pola NPG, Culturalia GZ e a Liga Santaballesa, e coa colaboración da AELG, celebraremos o Día de Rosalía. Para levalo a cabo convocamos a mulleres poetas para recitar textos de autoría propia arredor da figura de Rosalía de Castro. As que desexen participar terán de prazo para anotarse até o 17 de febreiro no seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com. Despois tamén se convidará ao público asistente a que realice lecturas de textos rosalianos.

 

 

Arteixo

A Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través de Rede Municipal de Bibliotecas, celebra o Día de Rosalía cunha serie de actividades para honrar á nai das nosas letras.

O primeiro dos actos ten como protagonista ao alumnado da ESO do IES Manuel Murguía que asistirá á representación da obra “Tecín soia a miña tea”, dramatizacións da obra Rosaliana e que correrá a cargo da actriz Ana Hermida. Terá lugar os días 21 e 22 e dará comezo ás 11:00 h.

O acto central será o “Concurso de poesía Homenaxe a Rosalía de Castro” que este ano xa vai pola cuarta edición. Está dirixido á infancia de entre 8 a 12 anos, que recitarán os seus propios poemas. Cada participante levará un agasallo, haberá ademáis un premio por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG e tamén se encargará de facer unha homenaxe poética feminina á Rosalía de Castro mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.

Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:00 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

Betanzos

Venres 23, ás 19:00, na Aula de Cultura Xulio Cuns, no Edificio Liceo.

O Servizo de Normalización Lingüística coorganiza xunto á Asociación Cultura Eira Vella, coa colaboración do IES As Mariñas, o Coro Municipal de Coirós, o CPR Nosa Señora do Carme Atocha, Lar de Unta e a Asociación Cultural A Fuliada, o acto de homenaxe a Rosalía de Castro, presentado por Paula Mosquera e Sergio García, coa actuación musical de Adhara & Ritman.

Ourense

A programación do Día de Rosalía no campus de Ourense está organizada pola Área de Cultura, a biblioteca universitaria e polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño, Javier Blanco e Xosé Constenla. Recollendo o convite que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de animar a todo tipo de institucións a participar nesta conmemoración, as persoas implicadas deseñaron un amplo abano de actividades que culminará o día 27 de febreiro coa celebración dunha homenaxe no Edificio de Ferro.

O certame
No Concurso de Microrrelatos Día de Rosalía A túa Rosalía pode participar calquera persoa da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. O traballo consistirá nun microrrelato de tema libre que debe iniciarse ou pecharse cun verso dun poema de Rosalía de Castro, valorándose a elección de versos pouco coñecidos desta autora. Os traballos deben ser orixinais e non ter sido premiados en ningún outro concurso, sendo a extensión máxima de 134 palabras, unha por cada ano transcorrido desde o falecemento da escritora.

Os microrrelatos deben estar escritos en lingua galega. Concederase un único premio consistente nun vale de 150 euros para compras en librarías de Ourense, diploma conmemorativo e un agasallo. O xurado pode acordar, en función da calidade dos traballos presentados, asignar accésits que se recoñecerán con diploma conmemorativo e agasallo. O prazo de presentación está aberto ata o 23 de febreiro de 2018.

Máis programación
No marco da celebración do Día de Rosalía, tamén se levará a cabo na Biblioteca Rosalía de Castro do campus a actividade Escribíndolle a Rosalía. Nun mural coa silueta da cara da homenaxeada feito polo artista e profesor da Facultade de Ciencias da Educación Javier Blanco, convidarase ás persoas interesadas a deixar escrito algún verso da escritora, conformando todos eles en conxunto a súa faciana. O mural estará no centro ata o 26 de febreiro e na súa composición poderán participar todas as persoas que o desexen. Tamén na Biblioteca Rosalía de Castro habilitarase unha mostra bibliográfica sobre a escritora galega do 19 de febreiro ao 2 de marzo na que se visibilizarán os fondos dispoñibles dela neste centro.

O acto central de conmemoración do Día de Rosalía terá lugar no campus de Ourense o martes 27 de febreiro. Nel lerase o manifesto desta conmemoración AbrideAFiestra, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; entregaranse os galardóns do certame de microrrelatos; presentarase a exposición Imaxes de Rosalía, realizada por alumnado de Educación Infantil, e visionarase unha peza sobre a elaboración do mural feito na biblioteca. Pechará o acto unha intervención musical de Xosé Constenla e unha lectura poética aberta á comunidade universitaria. O acto será ás 12:00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.

Pazos de Borbén

Madrid

O sábado 24 terá lugar unha procesión cívica que sairá, a partir das 18:00 h., da Cafetería Santander, en Santa Bárbara, coa compañía prevista de gaiteiros ata a rúa Ballesta, onde residiu Rosalía en Madrid. Alí abrirá o acto Vicente AraguasManuel Pereira Valcárcel lerá o manifesto da AELG e logo as persoas asistentes recitarán poemas da autora. O acto finalizará en San Ildefonso, onde casaran Dona Rosalía e Don Manuel, cantando “Negra sombra”.

Escocia

Desde a Universidade de Edinburgo estase a preparar un vídeo cunha lectural coral de Campanas de Bastabales en 22 linguas diferentes.

 


Estes son os centros que nos confirmaron a súa participación:

  • CEP Carlos Casares en Alxén (Salvaterra).
  • Colexio Miralba de Vigo. O venres 23 de febreiro, ademais de obradoiros e dun espectáculo lúdico-musical, terá lugar a lectura de textos de Rosalía de Castro (sobre as 11:30-12:00). Prevese que participen no encontro 200 alumnas e alumnos de 5º de Educación Primaria.
  • CPR Cardenal Cisneros (Ourense).
  • CPR San José de Pontedeume. Unha alumna, caracterizada de Rosalía, vai ler no patio o manifesto, mentres que o resto do alumnado levará unha máscara da autora. En cada aula tamén se traballarán textos rosalianos.

  • IES Plurilingüe Fontexería, en Muros (desde o EDLG). O alumnado de 1º da ESO ata 2º Bac está a escribir en  folios de cores frases/versos de Rosalía que logo se pecharán cunha cinta para logo ser entregado xunto ao texto e unha rosa en diferentes lugares da vila de Muros, coa axuda do Concello, o venres 23.
    Xa no centro, exporanse os traballos que o alumnado de 4º ESO e 1º Bac TICs están a facer: montaxes da imaxe de Rosalía sobre obras de arte, persoeiros coñecidos ou carteis de cinema, actividade que recibe o nome de “Rosalíarte”.
  • IES As Insuas de Muros. A idea é gravar en vídeo poemas, recitados e lectura, así como a interpretación musicada por parte de dúas alumnas que decidiron poñer acordes a un dos textos de Rosalía. Na entrada do centro escoitaranse e proxectaranse poemas musicados por diferentes cantaur@s, con exposición das súas obras.
  • IES Laxeiro, de Lalín.
  • IES Félix Muriel, de Rianxo.

 


Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

 

Para expandir o poder da palabra de Rosalía de Castro entre a xente nova, a AELG convida a celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra, ideadas a partir do manifesto da AELG:

 

Educación Infantil e Primaria

Para estas etapas de ensino o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra,  propoñemos para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.
Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto faríanse fotos do alumnado, acompañado ou non das súas persoas maiores, portando entre ambos outro pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno e mostrándoo nesas fiestras que, coa axuda de Rosalía, abrimos a un mundo e un tempo novo.
A documentación gráfica xerada por estas actividades sería subida á rede polo centro de ensino e polas familias antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #AbrideAFiestra. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais.

Educación Secundaria e Bacharelato

Propoñemos para o venres 23 de febreiro a escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía e contribúa a espallala colectivamente, quebrando os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron. Para estes efectos, suxerimos traballar sobre o texto do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro.

Estas accións, en calquera formato que prosperen, serían subidas polo centro á rede antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #AbrideAFiestra. Desde a web e as redes da AELG contribuiriamos a as expandir.

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.
Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na nosa web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual…) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.

 

Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro

 

A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:

Allariz, Ames, Baiona, Bueu, Burela, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, A Coruña, Entrimo, A Estrada, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que re