Santiago: actividades destacadas do sábado 4 e domingo 5 de abril na Feira do Libro

O sábado 4 e domingo 5 de maio serán os últimos días da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 4:
- 13:00 h. Actividade infantil: Touporroutou. Contacontos baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño, realizado por Ana Carreira.
- 19:00 h. Barriga Verde. Acto de presentación dos libros Biografía de José Silvent e do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
- 19:00 h. Suso de Toro asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
- 20:00 h. Presentación do libro + cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Editorial Galaxia. Participarán no acto, xunto cos autores, Luís Prego e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
- 21:00 h. A Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol presenta o espectáculo O mundo segundo Rosalía, representación de poemas e textos da autora galega.

Domingo 5:
- 18:30 h. Urdime Teatro presenta Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, coa actuación de Laura Ponte e e Roi Vidal Ponte.
- 19:00 h. Encontro literario sobre Rosalía de Castro, realizado pola Asociación Cultural O Galo, coa celebración do coloquio Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos, coa participación de Kathleen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro, que presentará neste acto o libro Cantares gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos Editora.
- 19:00 h. Carlos Callón asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Parlamento das Letras: Víctor F. Freixanes

Entrevista de Armando Requeixo a Víctor Fernández Freixanes no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
- Víctor Freixanes (VF): Ás veces falta ambición. A ver se me explico… Cando o escritor (ou escritora) escriben, sexa en galego ou en calquera idioma, deben facelo contra o mundo, ou pensando no mundo, non para a pequena parroquia. Desgraciadamente traballamos demasiadas veces para a parroquia, para gratificar a parroquia, para compracela e sentirnos aloumiñados por ela (porque ir por libre é moi ingrato e ás veces recibes de todas partes). Na miña opinión, iso empobrece o escritor. Eduardo Blanco Amor foi sempre por libre. Velaí a súa obra e as críticas que recibiu en vida, mesmo de moitos que agora o levan de aquí para alá enriba dunha peaña. Rosalía de Castro tamén ía por libre, alén das artes e manobras de Manuel Murguía… O escritor, ou escritora, deben saber que escribindo en galego escribimos para medirnos con Shakespeare, con Cervantes, con Schiller, con John dos Passos, con Faulkner, con Jorge Amado, con Borges, cos máis grandes, clásicos ou contemporáneos, porque os nosos lectores len tamén fóra da parroquia e a literatura ten sentido se, dende a propia identidade, sabemos facela universal. Tan importante para un escritor ou escritora galegos é Rosalía, Castelao ou Otero Pedrayo coma Dante, Virxilio, Stendhal ou Rulfo. Todos estamos no mesmo universo, cocémonos no mesmo caldo, cheo de interferencias. Enriquecémonos e contaminámonos mutuamente. Ninguén é unha illa, dicía o poeta John Donne.
Se cadra esta é unha das eivas da literatura que estamos a facer: pensamos moito nos nosos pequenos currunchos privados, que ás veces son esferas de supervivencia particular; quedámonos no pequeno curruncho de afiliados simpatizantes e incondicionais (que logo non son tan incondicionais) e pensamos pouco no conxunto da sociedade (tamén da sociedade galega) que é plural e esixente. Menos etiquetas, menos discursos politicamente correctos, menos receitas previsibles e santificadas, menos amiguiños nos que protexernos e máis ambición. Estamos no tempo. Nunca tanta produción houbo. (…)
- AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
- VF: Moi plural, moi aberto, como dixen antes. Hai trinta anos todo era “sota, cabalo e rei”. Fóra de Cunqueiro, Blanco Amor, Otero, Castelao, Neira Vilas e algunha outra cousa apenas saïamos da resistencia. Afortunadamente, hoxe a literatura galega amosa unha pluralidade de rexistros que confirman a súa modernidade a todos os efectos. Tamén hai unha produción maior. Para que xurdan picos de excelencia cómpre dispor de bases cuantitativas que os sosteñan e infraestruturas empresariais que os activen e difundan. Unha parte moi importante da miña vida profesional e mesmo da miña actividade intelectual foi nesta dirección: participar activamente na creación de infraestruturas e modelos empresariais de produción cultural para o noso país, sen os cales non hai futuro posible.
Coido que avanzamos bastante. Pero os desafíos tamén son moi fortes: a globalización, os novos consumos, novos valores, novas tecnoloxías, crise financeira, crise económica,. crise demográfica… Vivimos na tormenta perfecta. Mais seguimos carecendo dun proxecto político eficaz, quero dicir: capaz de activar e mobilizar unha maioría suficiente da nosa sociedade, que asuma a identidade do país e os desafíos do seu futuro. Esta é unha reflexión non estritamente literaria, pero que afecta tamén á literatura, á creación, como afecta a todo. Sen lectores non hai literatura, dixen antes. Os lectores son a sociedade. Sen sociedade civil activa, comprometida, ilusionada, mobilizada, non hai país, mellor sería cerrar a tenda.
A xente nova é un territorio que se cadra non estamos a coidar abondo ou coa intelixencia necesaria. Penso nos pais e as nais que non falan galego cos fillos e están a romper a cadea de transmisión afectiva e biolóxica. Penso nas nosas institucións, desorganizadas ou faltas dunha coordinación necesaria, instaladas ás veces no minifundismo. Penso nos nosos políticos, encerellados en guerriñas cativas e nas oficinas de colocación particulares, sen dar co denominador común necesario. Penso na nosa burguesía (das dez primeiras fortunas de España cinco son galegas) que mira para outra parte. Penso nos desafíos da tecnoloxía e da globalización. Penso na demografía… Hai razóns abondo parta ser pesimista. Pero eu non estou por esas. Demasiado cómodo. O máis fácil, intelectualmente, é deixarse levar pola catástrofe do diagnóstico. O difícil é construír, propoñer, crear, imaxinar… Tamén hai razóns para empuxar deste lado: a creatividade da xente, o milagre dun país que segue vivo a pesar da lei da gravidade, o pulo da xente nova, a iniciativa dos que andan por fóra buscando a vida por libre, a potencialidade dos recursos naturais, a identidade (que é un activo impagable)… Lonxe de abaixarnos, isto debe esixirnos máis, obrigarnos a facer autocrítica, e quen non entre por estas e siga a teimar no seu curruncho particular (oficina de colocación) saquémolo de diante. Demos pasos importantes. Pero necesitamos estratexias de unidade, accións compartidas (mesmo cos que non pensan coma nós), unha placa para botarlle xuntos ao edificio, un pacto histórico xeneroso, intelixente… Hai unha chea de cuestións que o esixen: a educación, a lingua, a cultura, o medio natural, a organización do territorio, a ciencia e a tecnoloxía etc. A ambición á que me refería antes é moi necesaria.
Ambición non é o mesmo que cobiza. A ambición é lexítima, universal, aberta, estimula ou debe estimular a creación e a imaxinación. A cobiza é miserable, pataqueira, tende ao sectarismo, desconfía de todo o que non é seu, mata a sementeira nova… Todo isto, aínda que non o parece, está moi presente nas miñas novelas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Freixanes chama a sacar a lingua galega “do gueto do ensino” e apartala “do espectáculo da loita política”

Desde Galicia Hoxe:
“O director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, pediu este mércores apartar a lingua galega da batalla política e sacala do “gueto do ensino”. “Se o mundo do comercio, do ocio, da publicidade ou os medios de comunicación están noutro rexistro, estanse a equivocar”, apostilou. Ante o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, Freixanes celebrou o impulso de O libro dos Reis Magos e declarouse “impresionado” polos textos das autoras que participan nesta iniciativa. A liña sequido, Freixanes fixo un chamamento á Xunta e ao conselleiro para “sacar a lingua galega do gueto do ensino” e do ámbito institucional do Parlamento, ao tempo que pediu que se lle aparte do “espectáculo” político. “A lingua non pode estar sometida ao espectáculo permanente, nin aos prexuízos de dous ou tres señores”, advertiu. Por último, fíxose eco da súa propia carta aos Reis Magos pedindo “apartar o espectáculo da loita política” e “ser capaces de poñer a todos de acordo en canto a lingua galega”. “Menos espectáculo no Parlamento e máis traballo nos despachos”, demandou.”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Víctor F. Freixanes: “A democracia tecnolóxica é unha grande mentira, canto máis ruído informativo máis garantía de non sabermos de nada”

Entrevista a Víctor F. Freixanes na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa (XC): En 1985 Paz-Andrade fixo o pregón da Feira do Libro de Vigo. Sostiña que os libros eran “a columna vertebral dunha cultura, medulada por unha lingua”. Segue vixente esa idea trinta anos despois? Cal é o estado da cuestión hoxe e que futuro ten o libro no medio desta treboada económica?
- Víctor Freixanes (VF): A industria editorial é unha das grandes industrias culturais do mundo. En España só esta por diante a televisión. Cunha facturación de case 3.000 millóns de euros anuais está a anos luz da radio (600 millóns) ou do cine, agora en caída libre, do que moito se fala pero só move da orde dos 300 millóns ou da prensa que factura 1.600 millóns por ano. No mapa simbólico das empresas de comunicación o libro representa o corazón da memoria, da estabilidade, da tradición, da identidade do grupo social e o acceso individual e culto ao coñecemento e á información. Es ti quen le un libro, mentres a tv responde ao consumo masivo. Esa característica do libro dálle forza de columna vertebral, ou nas palabras de Manolo Bragado, das que sempre me apropio, o libro é o pan da cultura. Cada vez máis detrás dunha película ou dunha serie de tv ou un cómic está un libro, unha historia contada en palabras. Como vai ser ese libro no futuro? Poderemos ler tamén en pantallas, pero a clave sempre estará na lectura, no acceso á información e o coñecemento a través do código que significa o alfabeto e a cultura. Aquelo que dicía o filósofo de que pensamos con palabras é certo, e a capacidade de organizar o pensamento está na linguaxe e a linguaxe está no texto, non na percepción sensorial ou emocional da imaxe ou no impacto da cultura do audiovisual que sendo importante é distinto. (…)
- XC: O libro como esqueleto dunha cultura, e dentro disto a lingua. O balance destes 35 anos democráticos é vizoso en moitos sentidos, pero cal é o futuro, porque hai unha incerteza, unha sensación de abismo.
- VF: O 99% da edición galega está feito de 1975 a hoxe, pero a sensación de futuro incerto é real e témola moitos. Se miras para atrás dáste conta que en apenas tres décadas o salto foi moi grande, en termos políticos, económicos, sociais, educativos e culturais. Con liberdades democráticas, con descentralización política, por limitada que se poida considerar, e polo tanto da xestión da autonomía e o que supuxo en termos de autoestima, porque houbo moita xente que descubriu Galicia neste tempo, e coa entrada na Unión Europea que agora pasa factura pero deixou miles de millóns que quizais non foron ben aproveitados. Produciuse tamén unha crise de crecemento e agora estamos na fase do sálvese quen poida do neoliberalismo. A acumulación trouxo consigo un cambio de valores: a nosa xeración alimentouse dun discurso épico da política e iso modificouse por completo, na maioría dos sentidos nós fomos de menos a máis e criamos unha xeración de rapaces e rapazas en xeral instalados na idea de que todo é posíbel collelo e é accesíbel sen maior esforzo. En termos de cultura e lingua galega houbo unha especie de renuncia a seguir construíndo pensando que era un edificio xa rematado. Nunha cultura castigada historicamente, que arrastra moitos prexuízos, aínda hai moito que consolidar, e o esforzo que fixemos temos que continualo porque non hai posíbel marcha atrás. Hai que pasar o Cabo de Fornos para chegar a outro mar pero a travesía vai ser moi dura: en facturación o sector do libro galego está hoxe con cifras menores que en 2005, pero mantendo a mesma produción sen apoios institucionais ou con algúns envelenados, como aqueles que che obrigan a facer un libro en 2012 para que o entregues en 2013 e o cobres en 2014. Algunhas editoras poden estar pechadas cando lle cheguen esas axudas que xa gastou.”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Boiro: presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá

O venres 26 de outubro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Principal, 65) de Boiro, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Editorial Galaxia a propia Galería Sargadelos organizan a presentación da última novela de Xavier Alcalá, Verde oliva, publicada en Galaxia e o número 78 do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto estarán presentes, xunto ao autor, Víctor Freixanes, María Xesús Blanco e Xerardo Agrafoxo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pontevedra: coloquio con Víctor F. Freixanes sobre Cabalo de ouros

O xoves 11 de outubro, ás 20:00 horas, na Asociación de Veciños San Roque (Travesía Irmáns Pazó Montes, 2) de Pontevedra, Víctor F. Freixanes falará da súa última novela, Cabalo de ouros, publicada en Galaxia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, os 4 e 5 de outubro

O xoves 4 e o venres 5 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago, terá lugar o Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, coordinado por Xoán Mariño. O programa previsto é o seguinte:

Xoves, 4 de outubro
- 16:00 h. Inauguración do congreso.
- 16:30 h. Intervención de Ramón Villares: A xeración de 1846.
- 17:15 h. Inauguración da exposición Añón, precursor do Rexurdimento.
- 18:00 h. Proxección do documental Añón na memoria, de Juan Silva e Óscar Sendón.
- 19:15 h. Intervención de Gonzalo Navaza: Consideracións sobre a poesía de Añón.
- 20:00 h. Presentación do libro Poesías galegas de Francisco Añón. Con Xosé Luís Méndez Ferrín.

Venres, 5 de outubro
- 10:00 h. Roteiro literario pola Compostela do Poeta Añón: Alameda, San Clemente, edificios da Universidade, San Martiño Pinario, Facultade de Historia…
- 12:00 h. Intervención de Pilar Sampedro: Valor e valores da poesía de Añón.
- 12:45 h. Intervención de Manuel García Sendón: Añón: creador do programa literario do Rexurdimento.
- 16:30 h. Intervención de Rosario Álvarez: O Poeta Añón na forxa do galego literario.
- 17:15 h. Intervención de Xesús Alonso Montero: Añón na literatura galega do Prerrexurdimento.
- 19:15 h. Presentación do libro Vida e obra de Francisco Añón. Por Ramón Blanco, autor do mesmo, e Víctor Freixanes, editor.
- 20:00 h. Coloquio.
- 20:30 h. Clausura.

Desde Certo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Un curso revela traducións inéditas de Carlos Casares

Desde Cultura Galega:
““Lembro unha noite sentados diante da porta de Brandemburgo ás catro da mañá, na que Carlos estaba a planificar os cambios da Revista Grial e o proxecto dunha gran biblioteca de clásicos entre Xerais, que eu dirixía daquela, e Galaxia, que nunca se chegou a facer”. Esta anécdota do editor Víctor Freixanes sobre Carlos Casares resume parte das características deste poliédrico escritor clave no sistema cultural galego. Agora, un curso redimensiona o seu legado cando se cumpren dez anos do seu pasamento e ofrece novidades sobre a súa produción literaria. “Era un home tranquilo, programaba as cousas que logo se facían cos seus tempos” incide Freixanes, intelectual e amigo persoal do escritor. Ata tal punto deixaba que as cousas tiveran o seu ritmo, que Iolanda Galanes, investigadora do grupo Bitraga da Universidade de Vigo, revisando os seus arquivos persoais atopou dúas traducións ao francés de Ilustrísima. “Son claramente dúas autotraducións feitas en diferentes momentos, con cambios e variantes que podemos datar por referenciar persoais manuscritas” explica Galanes que estuda o fenómeno de Casares dentro dun proxecto de investigación que analiza os fluxos de tradución (as obras galegas que se traducen a outras linguas e o fenómeno contrario, as obras que se traducen ao galego). No fondo é a continuación do “catálogo que Casares iniciou como presidente do Consello da Cultura Galega” insiste Galanes sobre un proxecto que presentarán a final de mes e do que avanza unha cifra. “A tradución supón os 35% dos fluxos de edición que existen no noso país e convértese nunha realidade asentada”. Casares é unha parte importante do papel que a tradución xoga no sistema literario galego tal e como revelaron diferentes personalidades presentes neste encontro organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo e celebrado na biblioteca do Consello da Cultura Galega. (…)”

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: actividades literarias do 25 de xullo no Festigal 2012

Na Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o mércores 25 de xullo:

- 16:00 h. Presentación do libro: A terra sabe a loita, de Emilio López Pérez (Milucho).
- 16:30 h. Presentación do libro O galego é uma oportunidade, de José Ramom Pichel e Valentim R. Fagim, publicado por Através Editora.
- 17:00 h. Presentación do libro Cartografías do derrubo, de Carme Adán, publicado por Difusora das Letras. Falarán no acto Tareixa Navaza, Xabier Paz e a propia autora.
- 17:35 h. Presentación de Queer-emos un mundo novo, de Teresa Moure, publicado en Galaxia. Coa participación de Carlos Lema xunto á autora.
- 18:15 h. Presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. No acto, acompañando ao autor, participan Suso de Toro e Manuel Bragado.
- 19:00 h. Presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas, publicado en Galaxia. No acto, que contará coa presenza de Víctor Freixanes e o autor, Xosé Ramón Fandiño lerá algúns fragmentos do libro.
- 19:45 h. Presentación do libro Crise e radicalización neoliberal, de Xavier Vence, publicado en Laiovento. Falarán Francisco Jorquera e o autor.
- 20:30 h. Presentación do libro Outramente…, de Maria Pilar García Negro, publicado en Laiovento, con intervención, xunto á autora, de Goretti Sanmartin.
- 21:15 h. Presentación do libro Carvalho Calero Atual. Coletânea de artigos de Carvalho Calero comentados por 11 especialistas, publicado por Através Editora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Quiosco: Grial 194

“Ante a proximidade dos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, a revista Grial dedícalle o seu número 194 cun monográfico a Rosalía de Castro. Dolores Vilavedra e María do Cebreiro coordinan esta sección con colaboracións internacionais nas que se abordan cuestións como a aculturación en varios personaxes da autora ou a situación das mulleres escritoras nos séculos XVIII e XIX. Canda a isto, Víctor Freixanes asina un artigo de lembranza ao recentemente falecido Xaime Isla Couto, Ramón Villares reflexiona sobre a importancia de Galicia como tarefa de Valentín Paz Andrade. Unha entrevista co escritor Tom McCarthy, e as habituais seccións de crítica e creación son outras dos contidos desta entrega.” Vía Cultura Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter