Francisco Macías e Xosé Manuel Fernández Castro: “O sistema literario nunca aceptou a Vidal Bolaño como escritor e agora vai ter que admitilo pola forza da súa obra”

Desde Praza:
“- Praza (P): A intención de publicar as Obras Completas de Vidal Bolaño chegou moito antes de que a Real Academia Galega decidise que as Letras Galegas 2013 se lle dedicasen o dramaturgo. Como xurdiu a idea?
- Xosé Manuel Fernández Castro (XMFC): Eu teño entendido que xa antes, en 2007, houbera algunha tentativa. Eu comecei a me interesar polo asunto en 2007, cando lin a miña tese de doutoramento sobre Vidal Bolaño. Belén Quintáns, naqueles tempos, tiña un proxecto interesante, facer unha biblioteca Vidal Bolaño en volumes soltos e estaba cunha editorial falando do asunto. Ese proxecto quedou apartado, atascouse e, despois no 2001, digamos que se entrou nunha nova fase cando houbo un acordo entre Macías e Belén. E comezamos a traballar.
- Francisco Macías (FM): Os editores, os editores pequenos, temos que buscar os espazos que deixan libres as grandes editoras. En Galicia, a verdade, deixan case todo libre e non é difícil atopar espazos. Roberto era un deses espazos. Eu lembro que en 2007 viñeran desa editorial, que era Sotelo Blanco, a me pedir permiso para poder editar a obra Rastros. Eu preguntei para que e contáronme que querían facer unhas obras completas. A min interesábame tamén o asunto, tiña a intención, pero facer dúas resultaba imposible. Retireime, pero como iso non foi para adiante, puiden facelo eu. Un día Pepes (XMFC) fíxonos unha celada a Belén e a min (…).
- XMFC: Entón, a partir de novembro de 2011, comezamos a reunirnos e a traballar máis en serio. En principio, ía ser iso, unha biblioteca cunha morea de volumes. Practicamente, un libro por texto, agás algúns que ían ser moi breves e que se podían reunir nun único tomo. Estabamos inicialmente, ademais de Paco e mais eu, Belén e Roi Vidal. Os catro, inicialmente, tiñamos un deseño nese sentido de biblioteca, mais veuse abaixo por mor de que en xuño de 2012 a Real Academia decidiu concederlle as Letras Galegas. (…)
- P: Como se clasificou a obra de Vidal Bolaño nestes seis tomos?
- XMFC: Nas obras completas, temos un sexto tomo que recolle os textos que non son dramáticos. Despois, o quinto reúne textos que non teñen unha autoría plena del, son textos doutros nos que fixo algunha intervención. Os outros catro serían de autoría plena. Como clasificamos eses catro tomos? Nun caso polo tipo de público que teñen, por iso hai un tomo destinado aos textos de rúa infantil, que teñen ese nivel de proximidade. Despois temos un tomo que reúne os textos de teatro do aquí e do agora. Outro que recolle as producións que se dan nun ámbito histórico que son grandes producións. Por último, o tomo que falta reúne por un lado os textos da época Abrente e, polo outro, monólogos e soliloquios, que son fórmulas teatrais concretas. Penso que esta clasificación ten sentido, teñen unha coherencia todos os libros. (…)
- P: Daquela o 17 de maio non dá vertixe?
- FM: Non, ho! Para nada. Ademais, este ano é un fasto moi contraditorio. Creo que ten algo positivo, descóbrese un escritor. O sistema literario galego nunca tivo a Vidal Bolaño como escritor e agora vai ter que admitilo pola forza das súas obras. E, ao mesmo tempo, penso que a Real Academia Galega o ignora. E penso que está bastante incómoda. Neste momento si, hai un mes ou dous, non. (…)”.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A tradución ao galego. Entrevista a Xavier Senín

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Pobra de Trives: V Congreso Manuel Luís Acuña. Nos tempos en que Acuña era bacharel, os 1 e 2 de marzo

O venres 1 e sábado 2 de marzo celébrase na Casa da Cultura da Pobra de Trives o V Congreso Manuel Luís Acuña, baixo o lema Nos tempos en que Acuña era bacharel, organizado polo Concello da Pobra de Trives, a Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense e Nova Escola Galega, baixo a coordinación de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
A inscrición pode realizarse aquí.

PROGRAMA

Venres, 1 de marzo
- 16:45-17:00 h. Reparto de material. Presentación da exposición de libros.
- 17:00-17:15 h. Inauguración oficial.
- 17:15 h.
* Narciso de Gabriel: Historia dos diferentes modelos educativos do ensino en Galiza.
* Xoán Carlos Domínguez Alberte: Terra de Trives, 37 – Valentín Paz‑Andrade, 39: coordenadas do nacemento dun poeta.
* Francisco García Sánchez: Anos dez en Trives. Música d’Os Trintas.
* Rosa Cid Galante: Breve revisión á situación educativa do primeiro terzo de século XX no partido xudicial da Pobra de Trives e as primeiras mulleres que acceden aos estudos superiores.
* José Luis Fernández Díaz: A música e o ensino da música en tempos de Manuel Luís Acuña.
* José Fernández Fernández: Solpor escolar na terra do ilustre mestre Manuel Luís Acuña: situación escolar actual na Pobra de Trives, introducindo elementos evolutivos de reflexión dende o pasado; relatorio da experiencia da escola de Trives.
* Gregorio Ferreiro Fente: A obra poética en galego de Valentín Paz-Andrade.
* Mercedes Queixas Zas: O feito lingüístico diferencial. Apuntamentos ao redor da galeguización do ensino galego na Revista Nós.
* José Manuel Vázquez López: “La Gota de leche” en Lugo e o papel da muller.
* Marília Julieta Rodrigues Gomes Ruivo: O professorado em tempos de Salazar.
* Carlos Callón: Continuidade e innovación na concepción lingüística de Valentín Paz-Andrade.
* Delfín Caseiro Nogueiras: O papel dos inspectores na conformación da norma culta do galego.
- 20:30 h. Concerto de música blues e rock do grupo Triblues (Praza do Reloxo).
- 21:30 h. Representación d’A natureza no reino da escuridade (inspirada nos tempos en que Manuel Luís Acuña era estudante en Trives), de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Grupo de teatro A Illa, do IES da Pobra de Trives.

Sábado, 2 de marzo
- 10:00 h. Xosé Manuel Cid Fernández: Os mortos do 36. 75 cabo de ano do asasinato de Antonio Caneda, mestre de San Xoán de Río.
- 10:30 h. Ramón Nicolás Rodríguez: Manuel Luís Acuña. Poeta de culto, figura popular.
- 11:00 h. Ana Cebreiros Iglesias: A incorporación da muller ao ensino secundario e superior.
- 11:30 h. Debate.
- 12:30 h. A Voz da experiencia: ex-alumnos de Acuña na Academia Bóveda e ex-alumnos de Bacharelato de Trives (anos do franquismo).
- 16:00 h. Documental As Silenciadas (de Pablo Ces), baseado na experiencia das mulleres na guerrilla antifranquista.
- 17:15-18:00 h. Aurora Marco López: As mulleres na guerrilla antifranquista.
- 18:15-19:15 h. Xesús Alonso Montero: Lingua e Literatura galegas entre dous séculos.
- 20:00 h. Clausura e concerto de voz-percusión a cargo de Xiana Lastra e Juan Collazo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: recital de A hostia en verso: Poetas Carnívoros vs. Poetas Veganos

O martes 4 de decembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso, baixo o título Poetas carnívoros vs. poetas veganos. Conducido por Lucía Aldao e María Lado, o recital enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa e Cesáreo Sánchez Iglesias nun duelo sen tregua. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago: presentación de Baldo Ramos como novo colaborador da Galería Bus Station Space

O mércores 5 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Bus Station Space (Praza Camilo Díaz Baliño, 17, baixo) de Santiago de Compostela, e con motivo da inauguración da exposición Momentos, de Valentín Jaramillo Arévalo, preséntanse os novos artistas colaboradores da galería: Baldo Ramos, Elías Cueto e Javier de la Rosa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Camilo Nogueira: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”

“Montse Dopico publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha reportaxe sobre o libro Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira.
Combater a ideoloxía de “España como nación única” e restaurar o lugar na historia da Galicia medieval foi o obxectivo de Camilo Nogueira ao publicar, no 2001, o seu libro A memoria da nación. O reino de Gallaecia. O político nacionalista afonda nesas mesmas cuestións nas súas dúas últimas obras, A rota do sol (Laiovento) e Para unha crítica do españolismo (Xerais). Explicouno nunha recente presentación en Santiago deste último ensaio: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”. E este é, ademais, ao seu ver, un dos alicerces principais da lexitimación política da concepción da “nación única” española. Calquera debate sobre a renovación da estrutura territorial do Estado español está condicionado pola idea de España que, de fondo, cada quen asuma. Nas diferentes interpretacións historiográficas sitúase, así, un dos fundamentos da controversia. “Para unha boa parte da opinión pública española, e sobre todo para o nacionalismo conservador español, España é un produto dunha historia común dende polo menos os Reis Católicos, senón desde antes (a Hispania romana, os visigodos). Aí seguen vixentes moitos dos mitos historicistas do nacionalismo español do XIX”, explica o historiador e profesor Xosé Manuel Núñez Seixas.” A reportaxe pódese descargar aquí.” Desde Xerais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Convocado o XX Premio Xornalístico Puro Cora

El Progreso convoca o Premio Puro Cora en lembranza de tres xeracións de informadores e homes de empresa baixo cuxa dirección o diario percorreu os 85 primeiros anos do seu Centenario, celebrado en 2008: Purificación de Cora y Más-Villafuerte, Purificación de Cora Sabater e Purificación de Cora Paradela. O premio rexerase de acordo coas seguintes bases:

O Premio Puro Cora concederase anualmente a aquela persoa que a criterio do xurado teña contribuído a ennobrecer o papel dos medios de comunicación en calquera das súas facetas, tanto a nivel nacional como internacional e con anterioridade a esta convocatoria.
Para a XX edición do premio, os colexios profesionais, academias, asociacións da Prensa, clubes de xornalistas, medios de comunicación ou calquera outra institución ou asociación legalmente constituída poderán presentar as candidaturas que consideren oportunas ata o 31 de decembro de 2012.
En cada proposta deberá facerse constar quen a promove, os méritos que a avalan e unha breve biografía do candidato.
O premio, único e indivisible, é de 10.000 € e trofeo.
O xurado, ao fronte do cal estará como presidente vitalicio o do Consello de Administración de El Progreso, fará público o seu ditame o día 2 de febreiro de 2013, aniversario do nacemento do fundador do diario.
A presentación de candidaturas implica a aceptación destas bases. O xurado poderá propoñer candidaturas e resolver sobre calquera eventualidade.”

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: presentación de Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro

O martes 4 de decembro, ás 20:00 horas, no Café de Macondo (Rúa San Andrés, 106) da Coruña, preséntase Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Rivas, Xurxo Souto e o editor, Antón Lado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Méndez Ferrín advirte que a supervivencia da RAG “está en perigo”

“”Está en perigo a Academia, toda ela”. O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, advertiu este luns que a rebaixa nos orzamentos da institución pon incluso en dúbida a súa continuidade. A rebaixa na achega económica do Estado, nun 70% en dous anos, e as últimas negativas da Xunta para compensar esta caída de ingresos poñen en serias dificultades a centenaria entidade. “Esperemos que a RAG poida continuar funcionando; logo de que os Presupostos Xerais do Estado nos fosen desfavorábeis, agardamos que a Xunta enxoite esa diferenza e que poidamos seguir adiante”, asegurou Ferrín logo de manter unha xuntanza con varios representantes do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). “Pedimos a todos os grupos da Cámara que nos apoien”, insistiu o presidente da Academia, que fai un chamamento ao Executivo galego para que nos vindeiros Orzamentos compense coa súa achega económica á entidade o duro recorte sufrido por parte do Estado. Esta petición urxente da RAG chega tras unha rebaixa moi considerable nas asignacións do Executivo galego á RAG, ao pasarse de convenios por 450.000 euros en 2011 a 280.688 euros en 2012, unido aos duros recortes na asignación do Estado, que finalmente quedou en 700.000 euros tras o trámite parlamentario dos Presupostos, o que aínda así supón unha rebaixa duns 300.000 euros con respecto ao exercicio anterior. (…)”. Desde Praza.

Chuzame! A Facebook A Twitter