Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Bos Aires: nova presentación da novela El sastre de Lugo, de Stella Maris

25 agosto 2008

O 11 de setembro terá lugar a presentación da novela de la escritora Stella Maris Latorre El sastre de Lugo (Gárgola Ediciones/Ed. Cuatro Vientos). Será ás 17:00 no histórico Café Tortoni de Bos Aires (Avenida de Mayo 829, Sala Alfonsina Storni). A presentación estará a cargo da licenciada Ana María García Albors, e será amenizada co show da parella de tango “Fátima y Peter”. A escritora asinará exemplares.

Bos Aires: presentación de Retratos, de Carlos Penelas

20 agosto 2008

O acto terá lugar o 27 de agosto ás 18:30 no Salón de Actos Maruxa Boga (25 de Mayo 555 PB - Bos Aires). A presentación correrá a cargo de Badi Lestani, quen establecerá un diálogo co autor, e contará coa presenza da delegada da Xunta de Galicia María Xosé Porteiro e a presidenta do Centro Betanzos Beatriz Lagoa Veiga.

A triloxía Evanxélica memoria, de Xavier Alcalá, na Feira do libro da Coruña

12 agosto 2008

A triloxía Evanxélica memoria (Galaxia), composta polas novelas de Xavier Alcalá Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007), foi celebrada polo editor Víctor Freixanes e o crítico literario Alfredo Ferreiro con motivo da Feira do libro da Coruña de 2008. O autor, que había de participar propiciando un coloquio sobre a súa obra, non puido estar presente por motivos persoais; porén, si se puido contar coa testemuña principal do literaturizado na obra, Manuel Molares, quen confirmou a fidelidade do autor co acontecido e relatado por el. (Blogue de Xavier Alcalá)

I Encontro de escritores “Cidade da Coruña”: narrativa con memoria histórica

11 agosto 2008

Este é un vídeo do acontecido na Casa Casares Quiroga da Coruña o 18 de xullo de 2008 dentro do I Encontro Cidade da Coruña. Publicado por Tati Mancebo no blogue O levantador de minas.

Preséntase en Buenos Aires a novela El sastre de Lugo, de Stella Maris Latorre

08 agosto 2008

O 14 de agosto presentarase en Buenos Aires a novela El sastre de Lugo, de Stella Maris Latorre (Gárgola Ediciones/Ed. Cuatro Vientos). A presentación correrá a cargo do escritor e Secretario de Actas da Sociedad Argentina de Escritores Rubén Darío Gasparini e contará coa presenza da autora. Será ás 17:30 no Salón de Actos Maruxa Boga 25 de Mayo, 555, PB. CA Buenos Aires.

Farruco Graña na Feira do libro da Coruña

07 agosto 2008

O 10 de agosto Farruco Graña presentará na Feira do libro da Coruña o libro O bosque de Nadgor (Asociación Cultural Francisco Lanza). Xunto co autor participará no acto o escritor Xan Fraga.

Galiza nom se vende: XXII Festival da Poesia do Condado

06 agosto 2008

Coa lexenda “Galiza nom se vende”, desde 4 de setembro Salvaterra acollerá unha nova edición do «Festival da Poesia no Condado». Ofrecerá, como acostuma, un amplo programa que inclúe pintura, fotografía, poesía visual, música e poesía. Entre os poetas do programa figuran Marica Campo, O Leo, Kiko Neves, Carlos Figueiras, Valentina Carro, María Lado, Xiana Arias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Rousia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Igor Lugrís, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, Núria Martínez Vernís (Països Cataláns), Limam Boicha (Saara) e Isaque Ferreira (Portugal). Vexa o programa na páxina da SCD Condado.

Obra literaria de Urbano Lugrís na Feira do libro da Coruña

06 agosto 2008

O día 10 de agosto, na Feira do Libro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez) ás 13 horas, terá lugar a presentación do libro Balada de los mares del norte. Poesía, cuentos y ensayos, 1942-1973, de Urbano Lugrís (Alvarellos Editora). No acto participarán o xornalista e escritor Manuel Rivas, a autora da edición anotada do texto e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez e o editor Henrique Alvarellos. A actriz María Inés Cuadrado lerá fragmentos da obra.

Antón Riveiro Coello na Feira do libro da Coruña

05 agosto 2008

O 9 de agosto, na Feira do libro da Coruña (xardíns de Méndez Núñez) ás 19 horas, o escritor Antón Riveiro Coello asinará na Coruña exemplares da súa última novela Os ollos de K (Editorial Galaxia).

Xosé Carlos Caneiro e Manuel Rivas na Feira do libro da Coruña

05 agosto 2008

O día 8 de agosto ás 20 horas o escritor Xosé Carlos Caneiro ofrecerá un recital literario-musical sobre o seu libro A vida nova de madame Bovary (Edicións Xerais), acompañado á guitarra por Xosé Manuel Salgado.
Ás 21 horas terá lugar a conferencia de Manuel Rivas “A odisea coruñesa”, con motivo do ciclo “Marinedas, cidades e literatura”.

Premio Concepción Arenal 2008