Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Ferrol: conferencia de Elsa Oesterhed, membro das Nais da Praza de Maio da Arxentina

24 novembro 2008

O luns 24 de novembro, ás 20:00 na Galería Sargadelos Ferrol, terá lugar a conferencia de Elsa Oesterhed, membro das Nais da Praza de Maio da Arxentina. (Galería Sargadelos de Ferrol)

O escritor anglosaxón Bali Rai percorrerá os institutos galegos ao longo da próxima semana

21 novembro 2008

O escritor, que ten no seu haber preto dunha vintena de títulos, algúns de tanta repercusión coma Rani & Sukh ou The crew e prestixiosos premios coma o “Brandford Boase Award Shorlist” ou o “Angus Book Award”, percorrerá ao longo da próxima semana os centros educativos da Coruña, Sada, Arteixo, Silleda, Catoira, Boiro e Santiago de Compostela para partillar cos rapaces e rapazas a súa experiencia de fillo de emigrantes hindús -punxabis- e os seus problemas de integración dentro dunha cultura tan diferente como é a anglosaxona. Este diálogo cara a cara cos rapaces terá como punto de partida a presentación do seu libro Un casoiro ben mal amañado, editado recentemente por Sotelo Blanco. A obra, destinada a un público xuvenil, retrata, cunha linguaxe áxil e sen complexos, o conflito que representa para un rapaz adolescente desafiar as ríxidas estruturas patriarcais da cultura punxabi e forxarxe a si mesmo para procurar a propia identidade. (Sotelo Blanco Edicións)

Ourense: presentación do libro O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006, de Víctor Campio Pereira

21 novembro 2008

O venres 28 de novembro, ás 19:00 na sala de conferencias do Centro de Desenvolvemento Caixanova (Avenida de Pontevedra 9), terá lugar a presentación do libro O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006 (Pen Clube - Arte de Trobar), de Víctor Campio Pereira. Intervirán Luís González Tosar, Manuel Outeiriño, Xesús Alonso Montero e Kamo Petrosyan (violín).

Presentación de Construcións en Compostela

20 novembro 2008

O día 13 foi presentado o libro Construcións (Edicións Positivas), de Eduardo Estévez. O vídeo que aquí presentamos, adiantado como trailer, é de Lara Bacelo.

A Coruña: próximas actividades da A. C. Alexandre Bóveda

20 novembro 2008

NOVEMBRO

* Venres 21: XII edición do Memorial de teatro Ibán Toxeiro, ás 20:30h, no Teatro Rosalía de Castro coa actuación de Teatro Proscrito representando A velada de Jenaro Marinhas del Valle a quen se lle adica este ano o memorial.
Entrada de balde.

* Mércores 26: XII edición do Memorial de teatro Ibán Toxeiro, ás 20:30h, no Forum Metropolitano do Parque Europa, coa actuación do Grupo de Teatro Alexandre Bóveda representando A serpe e o Grupo de teatro da Fundación
Wenceslao Fdez. Flórez Fas-que-Fas representando O bosque ambas obras de Jenaro Marinhas del Valle. Entrada de balde.

A AC Alexandre Bóveda participa na organización da Homenaxe popular da Terra das Mariñas a Isaac Díaz Pardo, os actos desta homenaxe son os seguintes:

Luns 24: Conversas con Felipè Senén e Pancho Pillado, ás 20:30 h na Terraza de Sada.

Martes 25: Proxección da biofilmografía sobre Isaac D. Pardo no IES Díaz Pardo de Sada.

Mércores 26: Conversas con Xosé Neira Vilas, Xosé Luis Axeitos e Avelino Pousa Antelo na Terraza de Sada, ás 20:30h.

Xoves 27: Proxección da película Isaac de Xosé Abad, ás 20:30 h. Na Casa da Cultura de Sada.

Venres 28: Actuación do Coro Cántigas da Terra, ás 20:30 h. Na Casa da Cultura de Sada.

Sábado 29: Foliada no Campo da Festa do Castro (Sada) a partir das 13:30 h, con xantar popular, xogos tradicionais e actuacións musicais.

A nosa entidade sumase máis un ano, ós actos da Marcha Mundial das Mulleres polo 25 de novembro:
Martes 25: Concentración no Obelisco da Coruña, ás 20:30 h.
Venres 28: Clausura da exposición sobre as mulleres caboverdianas de Burela na Casa da Cultura de Carballo ás 20:30 h.

DECEMBRO

* Xoves 4: Inauguración da exposición de fotografía do Colectivo Ollo de Vidro da nosa entidade, ás 20:30 h no salón de actos da asociación. Aberta até o 31 de decembro.

* Sábado 13: Cea de socios e socias da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Aberto o prazo de inscripción.

Compostela: presentación de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, de Paco López-Barxas e Kiko Dasilva

20 novembro 2008

O escritor Paco López-Barxas e o ilustrador Kiko Dasilva, autores de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, manterán hoxe un encontro con escolares dos colexios Raíña Fabiola e Colexiata do Sar, aos que van explicar o proceso creativo desta obra, publicada por KALANDRAKA en colaboración co Consorcio de Santiago e co Concello. Ao acto, a partir das 11:30 horas na Galería Sargadelos, asistirán tamén o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e representantes do Consorcio.

A Coruña: presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium

19 novembro 2008

O día 21 de novembro, ás 19:00 na Real Academia Galega, terá lugar o acto de presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium (Sotelo Blanco, Col. Edoy Leliadoura). Intervirán Xosé Luís Axeitos Agrelo, Francisco Fernández Rei, Salvador García Bodaño, Xosé María Dobarro Paz, Olegario Sotelo Blanco e o autor.

Ourense: presentación dos poemarios Voz alzada, de Aurora Vidal Caramés, e Deambulario, de Clementina Vidal Caramés

19 novembro 2008

O día 20 de novembro, ás 20:15 no Salón Noble do Liceo de Ourense, terá lugar o acto de presentación dos poemarios Voz alzada, de Aurora Vidal Caramés, e Deambulario, de Clementina Vidal Caramés. Intervirán Victor Campio (poeta), Fernando Pérez Poza (editor) e as autoras. (Liceo de Ourense)

A Coruña: Historias da Coruña. A memoria da cidade

19 novembro 2008

Do 19 ao 28 de novembro de 2008 deselvolveranse as Historias da Coruña. A memoria da cidade: “O futuro da cidade construímolo entre todos e todas, no día a día, aproveitando sempre o traballo e a experiencia de quen nos precedeu, ao tempo que planificamos en termos de futuro, transcendendo intereses inmediatos co pensamento nas vindeiras xeracións.”

Intervirán através dun amplo programa Xavier Seoane, Aurora Marco, María Lopo, Kathleen March, Tareixa Campo, Laura Tato, Cilha Lourenco, Carlos Biscaínho, Xosé António Fraga, Xosé Luís Martínez, Laura Mariño e Diego Pardo. Ver programa. (AS-PG)

Compostela: presentación de Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy

18 novembro 2008

O venres 21 de novembro, ás 20:00 na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes), terá lugar a presentación de Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy (Netbiblo), con edición de Manuela Palacios González e Helena González Fernández. Intervirán Antonio Raúl de Toro Santos (Editor Xeral da colección Irish Studies), Arturo Casas (especialista en literatura comparada e escritor), Manuela Palacios e Mª Xesús Nogueira (Proxecto “Poesía e Xénero”).
Ao acto de presentación seguiralle un recital de poesía coa participación de María do Cebreiro, Chus Pato e Ana Romaní.

Muxía: Voces poéticas contra a violencia de xénero

17 novembro 2008

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Muxía organiza un acto de sensibilización contra a violencia de xénero, apostando por unha educación na igualdade ao longo de todo o ano.
Intervirán: Carmen Adán (Secretaria Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia), Ánxeles Sánchez (Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Muxía) e.Miguel Anxo Fernán Vello (escritor e editor).
Ademais, ofrecerán un recital de poesía Marilar Aleixandre, Marga do Val, Antía Otero, Enma Couceiro e Marica Campo. A música en vivo estará a cargo de Luís Martínez (piano) e Rosalía Vázquez (violonchelo).

Ver programa.

Vigo: presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán

17 novembro 2008

O venres 21 de novembro, ás 20:00 na sala de conferencias da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz, 15) terá lugar a presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán. O acto, que contará coa participación de Carme Adán, Manuel Bragado e María Xosé Queizán, ofrecerá a intervención dos actores María Armesto e Xavier Picallo.

Coñeza a actualidade dos membros da AELG emitida durante o Cultur.gal

Galería