Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega. Congreso de Poesía da AELG

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título deste Congreso de Poesía organizado pola AELG, co que se pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

OBXECTIVOS
Preténdese facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético.

INSCRICIÓN
A asistencia ao Congreso para o público interesado é libre e de balde, mais pedimos que fagan a inscrición previa, a efectos organizativos, no correo electrónico oficina@aelg.org ou ben no teléfono 981133233 (neste caso, en horario de 09:30 a 14:00 horas, de luns a venres).

FORMATO
O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.

PROGRAMA

VENRES 6 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n. –como chegar-)

Tarde
16:00 Recepción dos/as congresistas.
16:15 Inauguración do Congreso, coa presenza do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Carme Fouces.
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 1. Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta.
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 2. Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.).
Coordinador: Afonso Becerra.
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas.

Espazo Multidisciplinar Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11, 1º –como chegar-).
21:15 Recital de poesía e música, coa participación de: Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro, xunto á música ao vivo de César Morán. Presentado por Lucía Novas.

SÁBADO 7 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra

Mañá
10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 3. Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
Coordinadora: Mercedes Queixas.
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa.
– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 4. Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos.
Coordinador: Ramiro Torres.
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa (Lusofonia).

Tarde
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 5. 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: Chus Nogueira.
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira.
18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 6. Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.
Coordinador: Carlos Negro.
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz.

A Coruña: Escola de Escritoræs: Obradoiro de iniciación á videopoesía, con Celia Parra. Lapis, cámaras… acción! 2017

Obannerlapiscamaraaccionceliaparraacorunha Obradoiro de iniciación á videopoesía Lapis, cámaras… acción!, dirixido por Celia Parra, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG co patrocinio e colaboración do Concello da Coruña.

Inscríbete, gratuitamente, desde o 1 de setembro ás 09:00 ao 14 de setembro, ás 23:59, aquí. As doce prazas dispoñibles asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro, para persoas maiores de 16 anos, desenvolverase os xoves desde o 14 de setembro até o 2 de novembro de 2017, en horario de 18:30 a 20:00 horas, no Centro Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña.

Será impartido por Celia Parra, escritora socia da AELG, licenciada en Comunicación Audiovisual e especialmente interesada na fusión da poesía con outros formatos e linguaxes.

Proponnos un obradoiro de iniciación para achegarse á videopoesía. Traballaremos con textos, pensaremos en imaxe, escoitaremos a música das palabras e levaremos versos á pantalla para crearmos o noso propio videopoema.

Terra Cha: “Memoria da Chaira Enteira”. Cabodano de Manuel María

Terra Chá: 8 de setembro: “Memoria da Chaira Enteira”. Cabodano de Manuel María

Celia Parra: “En Galicia hai unha concentración moi grande de videopoesía”

Entrevista a Celia Parra en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Como xurdiu este proxecto?
– Celia Parra (CP): Versogramas xurdiu en 2013 a raíz dun proxecto fin de máster, que dei coa idea de levar á realidade. A miña titora, Fernanda del Nido, á quen estou moi agradecida, presentoume a Juan Lesta e Belén Montero, da produtora Esferobite, que tiñan unha inmensa experiencia en videoclip, vídeo experimental e contidos para museos. Sumáronse ao proxecto, e traballamos xuntos dende entón. (…)
– EP: E como se podería definir este xénero?
– CP: É difícil de definir, e hai distintas maneiras de entendelo. Se tivese que establecer unha definición, diría que é un xénero audiovisual ou literario que emprega a linguaxe audiovisual para trasladar a atmosfera dun poema. Mestura vídeo, imaxe e son dunha maneira creativa baseándose nun poema, para crear algo distinto que o complemente, reforce ou contradiga. Así, créase esa cousa un pouco máxica, que non é poema, nin vídeo, é outra cousa.
– EP: Dentro deste panorama internacional da videopoesía, que lugar ocupa Galicia?
– CP: Un lugar fundamental. Aquí hai moita tradición de videopoesía e videocreación. Nos anos 80 a videocreación galega estaba nun punto de ebulición total, no que se sitúan as primeiras obras de Antón Reixa ou Xavier Villaverde, e Yolanda Castaño, xa nos 90. Pero ademais de ter unha tradición clara de videocreación e videopoesía, o xénero evolucionou con bastante saúde. Agora mesmo, ao meu redor, vexo concursos de videopoesía e máis videopoetas: Dandy Lady, Cinta Adhesiva, as Candongas do Quirombo, colectivo FIINDA… Hai moitísimos, e tamén hai iniciativas de videopoesía no eido educativo. Parece que hai unha concentración moi grande de videopoesía aquí. (…)”