Mondariz: presentación de Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz

O venres 10 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Mondariz (Rúa Meuroces, s/n), terá lugar a presentación da novela Aníbal e a Pintora, de Xabier Paz, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Isabel Blanco.

A Coruña: presentación da colección Mulleres bravas da nosa historia, de Urco Editora

Henrique Rabuñal: “O escritor en xeral e o poeta en particular é unha persoa que se exhibe moito”

Entrevista a Henrique Rabuñal en Suma Ágora:
“(…) – Suma Ágora (SA): Hai algunha faceta na que ti te sintas máis cómodo?
– Henrique Rabuñal (HR): A verdade é que me sinto cómodo en moitas, pero especialmente na da poesía. Nunca deixei de escribir poesía e considéroa a como unha necesidade case desta sociedade. Ás veces comento cos alumnos, que teñen unha visión da poesía como algo que non vai con eles, que non é do seu tempo, que non di cousas que teñan que ver con eles e dígolles eu, que equivocados estades porque a poesía, como tantas cousas da literatura e da cultura, están moi pendentes do que nos pasa aos seres humanos.
– SA: E ti en que te inspiras para escribir?
– HR: Eu creo que en todo proceso de creación na escrita hai dous momentos ou dúas vertentes. A que ten que ver contigo, e eu moitas veces penso que o escritor en xeral e o poeta en particular é unha persoa que se exhibe moito, exhibe a súa intimidade, os seus dramas, os seus problemas. Todo ese mundo interior está en xeral no traballo literario e tamén no traballo poético. Por exemplo, a morte de meu pai suscitoume escrita e reflexión, a miña familia, a vida amorosa, a relación coas claves infantís, coa paisaxe, a interacción coa cidade. Eu son unha persoa moi preocupada pola cidade, escribín unha pequena historia da Coruña, A Coruña na historia, porque me interesa moito a vida institucional pero tamén esa intrahistoria. Entón dicía, por un lado esa viaxe cara dentro, pero despois obviamente na historia da literatura e da arte en xeral hai que estar moi atentos ao que acontece ao teu arredor, ás persoas que conviven contigo. Eu tamén intento introducir na miña literatura o que poderíamos chamar en xeral a temática social, as guerras, temas que teñen que ver tamén coa identidade e a lingua propia. (…)
– SA: Entón, cal á a túa visión da produción literaria en lingua galega na actualidade?
– HR: Eu creo que chegamos a uns niveis de excelencia impensables. Non quero facer comparacións porque son moi perigosas, pero eu que coñezo ben a literatura galega do XIX, da primeira parte do XX, digamos os clásicos da literatura galega e agora penso nalgunhas figuras, algunhas que xa non están con nós como podía ser Agustín Fernández Paz ou outras que si están, incluso de xente máis nova, e digo que novelística temos en galego máis impresionante! De calidade, de variedade, de todos os rexistros, para todos os públicos, todos os temas, incluso moitas cousas que están de moda no mundo foron anunciados ou foron xa cultivados na literatura galega. Sobre todo na narrativa, pero na poesía tamén hai unha renovación permanente. E no teatro, pasa como case sempre, hai moitos problemas para ser editado e nótanse os recortes que houbo no número de compañías e actrices, actores e outros técnicos do teatro o están pasando mal. Tamén houbo unha redución drástica dos medios de comunicación en galego, aínda que naceron marabillas como a Revista Luzes ou Tempos Novos. Entón a miña é unha visión de que estamos na excelencia e tal vez, como dicía un amigo meu, nunca tanto se leu a pesar de que se di que se le pouco, pero claro, no ano 1950 líase moitísimo menos e no 75 moitísimo menos. Entón nese sentido algo de esperanza teño, a pesar de que onte lía un traballo dun sociolingüista da Universidade da Coruña que dicía que os nenos das cidades galegas cada vez viven máis alleos á lingua galega. (…)”

24 de outubro Día da Biblioteca. Texto de Ledicia Costas

DesdeLedicia Costas Galix:
“Por iniciativa da Asociación Española de Amigos del lIbro Infantil y Juvenil, desde 1997, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento á labor dos/as bibliotecarios/as.
Este ano, as autoras selecionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola.
Celebra con nós o Día da Biblioteca!
Velaquí o texto de Ledicia na súa versión galega.

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca.
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos.
Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:
—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?
Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!”

Luz Pozo Garza doa á Biblioteca de Galicia o seu fondo

DesdeLuz Pozo Cultura Galega:
“A poeta Luz Pozo Garza formalizou a doazón do seu fondo bibliográfico e documental á Biblioteca de Galicia, albergada na Cidade da Cultura de Galicia. O legado está conformado por arredor de 5.500 volumes, esencialmente de carácter literario e obras de consulta, ademais de por unha ampla documentación epistolar entre Eduardo Moreiras e Vicente Aleixandre. Así mesmo, está composto por exemplares da propia obra da escritora, así como por recortes de prensa. Todo o conxunto de fondos que compoñen a doazón estará identificado como Biblioteca e Arquivo Luz Pozo Garza.”

Escola de Escritoræs: Obradoiro de creación literaria a cargo de Rosalía Fernández Rial, Hibridar o imaxinario (do 2 de agosto ao 6 de setembro)

AHibridar o imaxinario banner Escola de Escritores-as da AELG presenta un novo Obradoiro de creación literaria co título “Hibridar o imaxinario”, nesta ocasión impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial e con Paco Souto como autor convidado.

Este obradoiro é posíbel grazas ao patrocinio da Deputación Provincial da Coruña, a Consellaría de Cultura e a colaboración do Concello de Carballo e a Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa.

Comezará o 2 de agosto e desenvolverase ao longo de 10 sesións de dúas horas cada unha os días 2, 4, 9, 11, 18, 23, 25 e 30 de agosto, e o 1 e 6 de setembro.

Ata o 26 de xullo está aberto o proceso de inscrición para as 25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude (biblioteca@carballo.gal / 981 758 580).

ObradoiroAELG-RosaliaFRial-CarballoA Escola de Escritoras e Escritores da AELG centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.