Intervencións de Cesáreo Sánchez e Pilar García Negro na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E (inauguración do monólito, Lugo)

Aquí poden lerse as intervencións de Cesáreo Sánchez Iglesias e Pilar García Negro na Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, o pasado sábado 10 de xuño en Lugo, na inauguración do monólito dedicado á autora na Praza de Ferrol.

CESÁREO SÁNCHEZ

PILAR GARCÍA NEGRO

Sobre Camilo, por Suso de Toro

DesdeCamilo Nogueira Sermos Galiza:
Reproducimos a seguir o discurso de laudatio que pronunciou o escritor Suso de Toro durante o acto de entrega a Camilo Nogueira do Premio Trasalba, recoñecimento que institúe a Fundación Otero Pedrayo.
(…) Non acredito no pupilato de mestre ningún, mais acredito no maxisterio. Cada quen debe procurar onde achar o maxisterio que precise e logo mirar de recibilo a certa distancia, ter sempre unha reserva para garantir a liberdade de criterio. Precisamente o maxisterio máis proveitoso, o que nos fai libres é o que se recebe de quen vive o seu destino libremente, sen ollar para as costas e sen pretensión de ter pupilos. Por iso digo con naturalidade que considero a Camilo Nogueira o meu mestre para cousas fundamentais, e mais digo tamén que é mestre para min pola admiración que libremente lle teño. (…)
Mais como debo explicar o motivo e os fundamentos deste recoñecemento que se lle fai hoxe aquí, teño que precisar que esas capacidades o rapaz do barrio vigués do Calvario púxoas de modo absoluto ao servizo dun soño chamado “Galiza”, máis concreto, “a nación galega”. Unha nación que pode ser interpretada de moitas maneiras mais tan fecunda, ancha e real que nela poderían convivir e conviviron aquel don Ramón Otero Pedrayo, a quen coñecimos como o oficiante dun vello rito aveso, co fillo daquel Camilo Nogueira Martínez, o escultor do agrarismo e o galeguismo e dirixente do Partido Galeguista vigués. Otero ofrecíanos unha visión persoal e sentida dun pasado tan real como imaxinado, os Nogueira ofrecían e ofrecen a continuidade xeracional dun futuro posíbel. O galeguismo cara atrás e cara adiante. E no caso do noso Camilo, ao soño nacional hai que lle sumar a utopía da esquerda. O galeguismo é unha forza creadora de realidades diversas.
Hai quen crea realidades históricas a través da capacidade destrutora da guerra e quen crea a través da paz, o Camilo é desta xente. É da xente que inventa técnicas e tecnoloxías que cambian a vida, da xente que agrupa e organiza as capacidades económicas, da que crea organizacións sociais para avanzar, da que analiza o que ten diante e ofrece solucións, da que fai todo iso alimentada por un soño utópico….
Camilo por natureza é un intelectual, aínda que a súa figura non encaixe nunha cultura modelada polo academicismo borbónico e campe fóra de calquera linde. O seu campo é o pensamento, mais non é un pensamento estático que dea voltas sobre si mesmo, senón que se dirixe a realidade que o rodea para transformala. (…)”

Todas as constelacións do mundo, discurso de Ledicia Costas nos Premios Xerais 2016

Desde Ledicia Costas 2Xerais:
O discurso pode lerse integramente aquí: Ledicia Costas Discurso Entrega Premios Xerais 2016.
“(…) Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos como historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo. Ledi, vas empachar con tantas letras!, dicíanme na casa. As letras engordan, pero por dentro. Por fóra non se nota. E seguín devorando libros, abrigándome nesas historias que derrubaron as miñas propias fronteiras. A lectura converteuse en fogar, refuxio e espazo íntimo. (…)”

Contos pequenos para saír do abicedo, intervención de Armando Requeixo no acto conmemorativo do cincuentenario de Victoriano Taibo

DesdeArmando Requeixo 2015 o Instituto de Estudos Miñoranos:
“Victoriano Taibo naceu na cerna do país, foi durame desa terra na que medrou cando neno, aprendendo da xente nosa os xeitos e os dicires, os contos e os cantos que oíu dende cativiño na fonda que os seus pais rexentaban na Algalia compostelá.
Por iso, cando chegou a mozo quixo estudar para ser ensinante e devolverlle ao pobo todo o que fora e ía del asimilando. E cando principiou a se atrever a dar a coñecer os primeiros escritos, afirmou o seu sentir sen dubitacións declarándose “un rexionalista de toda a vida e case fanático”.
Aquel rapaz que a primeiros dos anos dez enviaba os seus versos a Vida Gallega e Ilustración Gallega de Vigo, á Gaceta de Galicia de Santiago, ao xornal El Ratón de Vilalba e mesmo a Estudios Gallegos de Madrid e Labor Gallega de La Habana foi dos cabezaleiros en dar un paso adiante e, en resposta o que días antes fixeran os seus compañeiros coruñeses, converteuse nun dos fundadores das Irmandades da Fala de Santiago. Corría o 28 de maio de 1916, hai agora practicamente cen anos, e Taibo contaba pouco máis de trinta.
E é que Taibo se sentiu sempre un poeta das Irmandades, pois non en van se comprometeu coa súa causa como secretario das mesmas en Compostela e, como tal, asistiu ás súas asembleas, carteouse con destacados líderes nacionalistas galegos e cataláns e despregou un importante labor como orador e articulista defensor dos seus ideais. Sigue lendo

Intervención de Xavier Queipo na recollida do premio Blanco Amor de Novela pola súa obra Os Kowa

DesdeXavier Queipo Sermos Galiza:
“Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento que amolece as quebras da saúde e do ánimo, co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio como é o Blanco Amor. Vai pois o meu agradecemento sincero á Deputación de Ourense que rescatou in extremis a celebración deste galardón, tan importante para as Letras Galegas. Agradecemento asemade para os membros do xurado, por ter achado a miña novela merecedora de distinción e agradecemento, como non podía ser doutro xeito, para aqueles que me estiman e se senten igualmente agasallados.
Hai uns días botei a vista atrás para analizar a herdanza recibida daquelas xeracións que me precederan. Na familia houbo sempre unha tendencia migratoria importante, que se foi consolidando co tempo. Algúns fixeron unha migración dentro dos límites da Península, e chegados da Rioxa e do Ribeiro remataron por se coñecer en Compostela e fundar unha póla da miña familia directa, a menos viaxeira e máis negociante. Os outros, máis arriscados ou se cadra máis desesperados, logo de longas travesías fixaron a súa residencia en varios países de América: Chile, Arxentina, Brasil, Venezuela, Colombia, Cuba e México, para rematar os máis deles vivindo na Florida e mais en Nova York, eses desaugadoiros de latinos que queren ser iankees de primeira. Uns regresaron e outros non, que así son os vaivéns da vida cando un se acolle a tan insegura randeeira como é a emigración. Teño pois a herdanza migratoria, que non sei se irá nos xenes ou será puramente comportamental, de imitación do que outros fixeron antes. Levo case 26 anos en Bruxelas e a ninguén da familia lle asusta, pois sempre foi así, xentiña que emigraba e retornaba ou non.
Os membros comerciantes da familia abriran colmado de produtos ultramarinos en Compostela e por dúas xeracións traficaron, case sempre legalmente, con cacao traído da Guine e café do Brasil, uvas pasas de Corinto e turróns de Alacante, pasta de guaiaba importada de Cuba e té de mate para os retornados da Arxentina. Eses falaban galego e castelán con axilidade de felinos, pois o que eles querían era satisfacer aos clientes, que sempre teñen a razón e porén non compre mudarlle o rexistro lingüístico. Foron eles os que acolleron na casa a Daniel R. Castelao ou os que coñecían de primeira man a D. Ramón Otero Pedraio, os que atesouraban libros de Rosalía ou de Cunqueiro, de Cabanillas ou de Murguía. Deles herdei o bilingüismo harmónico, no que algúns acreditan e outros non. Eu non xulgo, mais a herdanza está aí.
Todos eles, os viaxeiros emigrantes e os comerciantes chegados do interior falaban galego sen complexos cando a ocasión así o precisaba. Todos eles, dunha banda e mais doutra aprendéronme a ser galego, a lembrar as orixes, a saber de onde é que viña e de quen viña sendo.
Sen sabelo, déronme como herdanza dúas ferramentas que moito me ían servir na vida: raíces e ás. Raíces (ou raizames se o prefiren), para entender o próximo e ter un lugar no mundo como referente e ás, para saír polo mundo adiante a gañar o sustento dos meus, mais tendo sempre un ollo posto en Galiza, que é onde as raíces están. É coma se fose unha planta rubideira ou reptante, tipo hedra ou buganvílea, que sen deixar o contacto coa terra voan por riba das árbores máis outas ou dos valados que contornan a casa.
Raíces e ás, para sentirse galego e cidadán de onde se habita, para amar aos dous países, Galiza e Bélxica, non esquecendo nin de onde é que vimos, nin quen é o que en definitiva nos dá de comer. Outros terán e amarán sen dúbida a sorte que lles tocou de seres sedentarios, e non serei eu quen os envexe ou os deixe de envexar, mais eu recibín como herdanza esas dúas armas, raíces e ás, e non me podo queixar. Recibín tamén, e isto é algo que me foi transmitido como un tesouro, a capacidade de comezar cada día cantando, co son da música que todo envurulla facendo esquecer as desgrazas.
Gardo como un agasallo especial a aperta de Manuel María, que nun día de celebración da Festa da Patria Galega, apertoume coas minguadas forzas que non lle sobraban e díxome, “sigue así, rapaz”, e así é que eu sigo, escribindo e pondo nese labor o empeño de quen me precedeu na estirpe de loitadores por unha Galiza liberada.
Vou rematar, pois xa estarán cansos de discurso tan demorado.
Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado xa de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. Hoxe estou agradecido e aínda que mañá teño que deixar de novo o país para me reintegrar o meu traballo, levarei nas ás este pulo e este alento que hoxe vexo aquí reflectido nos seus ollos. Que sexan felices.”

Basilio Losada: “Galicia é o único país mantido en vida polos seus poetas, e cunha muller á cabeza deles”

DesdeBasilio Losada a Real Academia Galega:
“”Decidín finalmente falar aquí de Rosalía de Castro porque Galicia é, teño para min, o único país do mundo construído e mantido en vida polos seus poetas, e cunha muller en cabeza deles. Interesábanme especialmente as razóns que a levaron a escribir poesía en galego despois de iniciar a súa obra en castelán, e de facelo centrada sobre todo na narrativa”, xustificou Basilio Losada, nomeado académico de honra en recoñecemento ao seu labor incansable na defensa e na difusión da nosa cultura. (…)
Losada agradeceu a Academia o nomeamento e comprometeuse a continuar a traballar en clave galega. “Seguirei pensando en Galicia todo o tempo que me quede de vida, e traballando polo país desde o meu campo de actividade”, asegurou. (…)
O Basilio Losada tradutor (de case douscentos volumes) mereceu tamén atención. “Moitos lectores que hoxe en España, e fóra de España, gustan da literatura galega chegaron a ela da man de Basilio“, salientou Alonso Montero da man de Basilio Losada, tradutor de voces moi representativas da nosa narrativa, do noso teatro e da nosa poesía”, recoñeceu Alonso Montero. Como activista cultural, promoveu ademais encontros entre escritores galegos e cataláns, traduciu textos dun idioma a outro e levou a literatura galega por primeira vez, en 1967, a unha enciclopedia da literatura universal en español. (…)
Nesta ligazón pode descargar o discurso de ingreso na RAG de Basilio Losada Castro e a resposta de Xesús Alonso Montero.”

Xosé Manuel Sánchez Rei: “Na celebración do Día da Galiza Mártir na Coruña”

DesdeXosé Manuel Sánchez Rei 2 Sermos Galiza:
Este discurso foi pronunciado por Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente da A. C. Alexandre Bóveda, durante o acto do Día da Galiza Mártir realizado na Coruña, no Paseo Alexandre Bóveda, o pasado 14 de Agosto.
“Amigas e amigos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, socias e socios da entidade, Sr. Concelleiro de Cultura do Concello de Coruña:
Douvos a benvinda a este acto convocado, como cada ano, para lembrarmos a memoria de Alexandre Bóveda e, por extensión, a de todas aquelas persoas que pagaron coa vida ou coa represión o amor pola súa patria. Hoxe é, con efecto, un día para nos non esquecermos deses homes e mulleres que en épocas convulsas tiveron a coraxe de alzaren a súa voz para reivindicaren os dereitos nacionais do país desde esferas tan diferentes, mais tan estreitamente vinculadas, como a lingua, a literatura, a organización política, a cultura ou os sectores estratéxicos para o desenvolvemento social e económico da nosa terra, un territorio onde o mundo adopta diferencial mais non caprichosamente o nome de Galiza. Falamos, centralmente, de Alexandre Bóveda, mais tamén de Pedro Galán Calvete, de Ánxel Casal, de Xoana Capdevielle ou dos operarios paseados nos bairros coruñeses de Cances, da Silva ou da Infesta, como ben nos lembraba o noso veciño do bairro da Fontenova, Antón Patiño, no seu libro Memoria de ferro. Falamos de todas aquelas xentes torturadas, represaliadas, silenciadas ou desposuídas violentamente da súa dignidade, unicamente por manifestaren o seu compromiso cos valores da igualdade, da liberdade e da súa benquerenza co país. Elas e eles enforman o noso “valeroso clan”.
E referímonos tamén a aquelas mulleres que tiveron o infortunio de saberen que os seus compañeiros e fillos e pais e irmaos e amigos e avós e veciños e curmaos foran asasinados nos valos dos cuarteis e nas gabias do campo, ficando así soas perante a vida. Falamos tamén daqueloutras que foron sometidas ás máis horríbeis barbaries contra o seu xénero, quer de modo efémero ou duradoiro, quer de maneira esporádica ou constante, por aqueles que, coa cruz nunha man e a espada machista chea de sangue noutra, reclamaban xustiza, segundo se narra, por exemplo, na obra de Xosé Fernández Ferreiro Agosto do 36. Temos connosco, pois, os nosos mártires, as nosas mártires, aínda hoxe moitos deles desaparecidos en foxas comúns ou atirados, como sacos, ao mar, ás lagoas, aos cantís, aos ríos máis caudalosos. Está aquí connosco, igualmente, o espírito de Moncho Reboiras, patriota galego asasinado tamén un día de agosto, o 12, asasinado polos mesmos seres, que, con fatos diferentes, con rostros diferentes, até con identidades distintas, fusilaron Bóveda na Caeira no día 17 agosto de 1936.
Por todo iso estamos aquí a estas horas. A Agrupación Cultural a que dá nome o egrexio nacionalista naceu no ano 1976 e ten nos estatutos, cal unha das súas finalidades máis transcendentes, a promoción da lingua e da cultura galegas, mais tamén a promoción da figura e do pensamento de Bóveda. É unha honra para min, pois, presidir unha entidade que persegue tales metas e que conta con arredor de duascentas cincuenta persoas asociadas que partillan idénticas ou similares vontades. Bóveda representa indubitabelmente un dos persoeiros que o pobo galego non debería sentir como case un descoñecido, como unha persoa allea que aparece, ocasionalmente, nalgún libro de texto ou nalgunha efeméride de xornal. Asasinado polo chumbo da intolerancia só por defender a súa patria desde a razón e desde a palabra, desde a democracia e desde o compromiso, silenciado de maneira consciente polos poderes públicos mesmo na actualidade, ocultado o seu contributo profesional para o desenvolvemento económico da Galiza, faise preciso que o seu pensamento e a súa personalidade deixen de engrosar as sombrías gavetas da amnesia colectiva para así faceren parte da nómina daqueles homes e mulleres que levan construído a contemporaneidade do país.
Máis un ano, por tanto, xuntámonos para reivindicarmos a figura de Alexandre Bóveda e a de todas aquelas persoas que coadxuvaron na rexeneración da Galiza e que perderon a vida por esa nobre encomenda. Foron mártires, con efecto, mais o seu martirio non foi en van, o seu esforzo non foi de balde: á súa sombra, coa súa inspiración, naceron colectivos e organizacións de diversa índole que recolleron a luz do seu pensamento e a forza da súa verdade e que o proxectan na sociedade galega para aprimoraren o país. Pensamos en organizacións sindicais, partidos políticos, asociacións culturais etc., que levantan a bandeira da dignidade no nome de Bóveda, Galán Calvete, Casal, Reboiras e no nome de todas as mulleres e homes asasinados ou represaliados polos fascistas a partir do ano 1936.
Os gobernos español e galego teñen provocado que os tempos actuais constitúan unha época de retrocesos en materia social, cultural e política, calibradamente pensados polos poderes económicos que obedecen a diversos nomes: a Troika, o Eurogrupo, o FMI, a Eurozona… Amparándose nunha selvaxe crise socioeconómica que reflicte o insuceso do sistema liberal e as súas consecuencias máis daniñas para as maiorías sociais, eses gobernos tencionan varrer de vez todo aquilo que nos diferencia como integrantes do pobo galego. Así, no referente ao trato coas organizacións de cultura de base, e ao mesmo tempo que nos últimos anos se levan concedendo subvencións a asociacións culturais e veciñais de máis que dubidosa existencia e traxectoria, foron invalidados acordos e convenios consensuados hai ben tempo para desta maneira tentar que agrupacións como a nosa, como a A. C. Alenxadre Bóveda, deixen de facer labor sociocultural, embora sen o conseguiren: aí é onde lles proe, aí é onde lles máis doe. Esperamos que esta situación de recoxía intelectual e ética poida mudar nos próximos tempos e que poidamos recuperar o que merecemos polo noso traballo como A. C. Alexandre Bóveda.
Hai uns instantes falamos de mártires representados na figura de Alexandre Bóveda desde o ano 1936, desde a sublevación asasina contra a legalidade democrática refrendada nas urnas. Mais tamén, presentemente, hai outros martirios que o pobo galego sofre e que tampouco poden ficar no esquecemento social. Un deles é o da súa lingua, martirizada con leis e decretos lesivos proxectados polos mesmos gobernos que teñen a obriga de a defenderen e de a promocionaren; como di a profesora María Pilar García Negro, “a lingua galega non está morta, está mortificada”, martirizada, e queremos, como pobo galego, como A. C. Alexandre Bóveda, que deixe de o estar de vez; queremos a nosa lingua gastadiña polo uso, en todos os recunchos dos corazóns, en todas as esquinas do noso país. Outro dos martirios actuais na Galiza é o que sofren as mulleres que non poden decidir o que faceren co seu corpo para conciliaren en liberdade a súa sexualidade coa vontade ou non de seren nais, vetándoselles o dereito á interrupción da gravidez cando quixeren e infantilizádoas conscientemente para non poderen exercer o tal dereito. Esas mesmas mulleres sofren un outro martirio, cal é o da violencia machista, que cada ano deixa sen vida moitas persoas ás maos de homes de mentira, co corazón laminado de carraxe e de odio, como os fascistas do ano 1936, porque, como dicía o meu avó, “Quen bate na muller nin é home nin é nada”. Martirio singular é, tamén, o que padecen a nosa cultura, a nosa música, os nosos produtos audiovisuais, practicamente inexistentes para algúns organismos gobernamentais, máis interesados por outras manifestacións culturais que nada ou moito pouco nos din, mesmo en termos de beneficios económicos para a sociedade galega. A nosa toponimia, por súa vez, leva sofrendo tamén un especial martirio, tanto na Coruña canto no resto do territorio: aínda hoxe lemos e escoitamos na nosa localidade barbarismos cal *Avenida de Arteijo, *Camiño da Jouxa, *Peñamoa, *La Moura, *La Silva etc., en que se patentea propositadamente a hibridación co español; e aínda hoxe tamén achamos no rueiro coruñés outros microtopónimos que honran os amos da barbarie fascista, como Alférez Provisional, Cabo Santiago Gómez, General Mola etc. (a A. C. Alexandre Bóveda ten unha rica traxectoria na reivindicación e recuperación dos nosos nomes de lugar tradicionais e, xa que contamos coa presenza neste acto co Sr. Concelleiro de Cultura, quero aproveitar para pedir que o goberno municipal volte a colocar o indicativo do “Paseo Alexandre Bóveda” no lugar en que antes estaba e non no sitio en que foi chantado hai algún tempo; e, xa de vez, tamén gostaría de solicitar que se lle conceda unha rúa de verdade, a que xente poida dirixir cartas e da cal se poida dicir que “Moro na Rúa Alexandre Bóveda” ou “Vou para a Rúa Alexandre Bóveda”). Máis un martirio actual é o que leva desangrado o país en forma de emigración cualificada, isto é, millares de mozas e mozos cun alto nivel de formación académica que se ven na obriga de iren procurar un medio de vida a outros países porque neste, entanto que colonia do Estado español, non conseguen un posto de traballo. Igualmente, martirizan a nosa sociedade as decisións adoptadas en España ou en Bruxelas destinadas a acabaren cos nosos sectores produtivos estratéxicos, tales como o leite, a pesca, a construción naval e aínda outros que poderiamos citar aquí; por acaso non enforman tamén mártires actuais esas labregas e labregos aos cales lles poñen unha multa por traballaren, por produciren leite? Non son igualmente mártires esas xentes do mar que teñen de sofrer, por exemplo, non poderen pescar xarda, mais que presencian como entra xarda norueguesa nos portos galegos até un total máximo de 500.000 toneladas?
Estes son algúns dos feitos que máis dano fan ao pobo galego na actualidade. E con todos os seus mártires e as súas mártires a A. C. Alexandre Bóveda manifesta a súa máis profunda solidariedade e o seu constante compromiso. Se desde o ano 1936 e durante uns cantos a seguir a violencia se orientou contra Bóveda e outros moitos correlixionarios galegos, observamos como presentemente existen outras estratexias que traen consigo consecuencias terribelmente negativas para a Galiza, desenvolvidas con outros tipos de violencia.
Mais as dificultades con que batemos no día a día do noso labor como A. C. Alexandre Bóveda non implican de seu unha derrota perenne, ben antes o contrario: tornan necesaria a reafirmación nos sinais identitarios do pobo galego, no orgullo de levarmos a bandeira da razón, na reivindicación constante de todo aquilo que se nos tenciona ocultar. No Día da Galiza Mártir, nesta cidade ártabra da Coruña (localidade en que, lembremos, naceron as “Irmandades da Fala”, a “Biblioteca Gallega”, a “Sociedad del Folk-lore Gallego”, a Real Academia Galega etc., e cidade que foi, ao mesmo tempo, residencia derradeira de Manuel María, socio de honra da nosa asociación e activo colaborador dela), honramos, como ficou dito antes, a memoria da xente que deu a súa vida polo país. Honremos tamén a súa lembranza e o seu compromiso e non permitamos que os conxunturais empecementos que achamos diariamente na defesa da lingua e da cultura galegas nos transporten a unha singradura do desánimo. O futuro dará a razón a aquelas persoas que, como Bóveda, traballaron para construíren un país mellor, máis próspero, soberano, solidario e politicamente maduro, sen dependencias externas, nin de Madrid nin de Bruxelas, para decidiren e tracexaren o seu futuro. O futuro, por tanto, non pode ser máis que noso, porque canto maior for o inimigo maior será tamén a vitoria.
Máis nada e moito obrigado.
Viva a nosa Patria!”