Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Eduardo Alonso gaña o Premio Max

31 marzo 2009

Eduardo Alonso recibiu onte o Premio Max das Artes Escénicas á mellor obra de teatro en galego por Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas). A listaxe completa de gañadores, neste enderezo.

Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón, Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico

24 marzo 2009

O xurado do Terceiro Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por maioría, e despois dun longo debate, outorgarlle o galardón desta edición á obra Peter Buckley, escrita por Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón. O Premio da audiencia foi tamén para Peter Buckley. Quedaron finalistas as obras Servizo de información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Freixeira. As tres obras finalistas publicaranse nun libro-cd editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no transcurso dunha Gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

-Escoitar Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón: [1]

-Escoitar Servizo de información de Paula Carballeira: [2]

-Escoitar O xou mas gou on de Eva Freixeira: [3]

XXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil

26 decembro 2008

Antes do 13 de abril de 2009. Bases.

Premios GZ Crea 2008

22 decembro 2008

En Relato, os premiados foron:

1º Premio: Iria Ameixeiras Cundíns, de Zas, pola obra A confraría das palabras

2º Premio: Carmen Núñez Sande, de Muros, pola obra Sin título

3º Premio: Martina Vázquez Suárez, da Coruña, pola obra Muller en seis pezas

En Poesía, concedéronse os seguintes premios:

1º Premio: Lara Dopazo Ruibal, de Marín, pola poesía Dende Illa Peixe

2º Premio: Valentina Carro Padín, de Cambados, coa poesía Ciclopes Pintábanse con Rimmel e Saian Angulos

3º Premio: David Pérez González, da Pobra do Caramiñal, coa obra Poesía Primeira de Amor, Desamor e Arrefriado

Mención de honra: Xosé Daniel Costas Currás, de Moaña, pola poesía Revoluciona(Me)

En Teatro, os premiados foron:

1º Premio: Spasmo do IES Santa Irene, de Vigo, por Presas

2º Premio: Bicodobrelo, de Catoira, pola obra Comedia bífida

3º Premio: Andaravía Teatro da A.C. Papaventos, de Vedra, coa obra Metus Extremus

(Vieiros)

Bernardino Graña gaña o V Premio Estornela de teatro para nenos

03 decembro 2008

[...] O xurado do certame, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas, elixiu a obra presentada por Bernardino Graña baixo o lema “Larpancia saborosa do lobo e da raposa”. Na acta, os membros do xurado destacan que a obra exemplifica de xeito humorístico o mundo dos contrastes, o do reino animal fronte ao dos humanos, ou a inxenuidade fronte á ambición [...]. (Galicia-Hoxe)

Xosé A. Neira Cruz gaña o “Barriga Verde” de textos para teatro de monicreques

15 outubro 2008

Xosé A. Neira Cruz alzouse co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces con O punto da escarola. (Concellaría de Cultura e Deporte)

Teresa González Costa gaña os premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil

15 outubro 2008

Teresa González Costa é a gran triunfadora da edición 2008 dos premios de literatura dramática convocados pola AGADIC. A autora obtivo os premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil polas obras Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, converténdose na primeira persoa que gaña os dous galardóns. A autora desenvolveu a súa actividade teatral en longas estadías en Italia, Francia e Suíza. (Vieiros)

Ditame do VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea 2008”

20 xuño 2008

Este é o ditame do VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea 2008”:

«O Xurado do VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea 2008”, que organiza o Ateneo Ferrolán, co patrocinio de Caixa Nova, composto por María José Doce Rey, Aurora Rivas Hermida, Esperanza Vidal Martínez e Francisco Oti Ríos acordou o seguinte FALLO:

1) Conceder o Premio de Categoría Especial ao grupo de teatro do Colexio “Carmen Polo”, dirixido por María Victoria Suárez.

2) Conceder Premio a:

* Grupo do CEIP “Centieiras” do concello de Fene coa obra “Todo é un conto”, dirixido por Mª Cointa Pazos García.

* Grupo “Atios”, do CEIP “Atios”, coa obra “O galo Quirico”.

* Grupo do CEIP “Cruceiro Canido”, coa obra “Berenguela”, dirixida por Maravillas Beceiro.

* Grupo da Asociación Os Amigos “Arco Iris” do Concello de Valdoviño coa obra “A Farsa das zocas” dirixida por Lucía Caneiro.

* Grupo IES CARBALLO CALERO coa obra “Un casting para Melchor” dirixida por MMª Pilar Patiño.

* Grupo “Pasapadentro” da Asociación Cultural Melandrainas de Arteixo, coa obra “La niña que riega las albahacas” dirixida por Marga Fernández e Queta Soto.

Todos eles recibirán un premio, de igual cuantía, por un total de 250 Euros, doados por Caixa Nova, ACTO que terá lugar o próximo venres día 20 ás oito da tarde no salón de actos do Ateneo Ferrolán.» (Ateneo Ferrolán)

Entrega en Sarria do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

16 abril 2008

O venres 18 de abril terá lugar no hotel NH Alfonso IX ás 20:00 a entrega do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á poeta Olalla Cociña.
«Comezaremos cun solo da bailarina Carmela Garcia, que interpretará a coreografía “El jardín”, coa que recibiu o Premio á bailarina sobresaínte no XXI Certame Coreográfico de Madrid. A continuación intervirán os membros do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño e Martín Veiga, o concelleiro de Cultura do Concello de Sárria Xermán Arias, o alcalde de Sárria Claudio Garrido e a Presidenta da A.C. Ergueitos María Casar. O artista plástico Eduardo Valiña farálle entrega á gañadora dunha peza coa que contribúe a facer do Fiz Vergara Vilariño un encontro das artes. O mantedor do acto será X. A. Neira Cruz.
Remataremos a entrega do premio cunha actuación do dúo formado por Luis Soto (frauta da Real Filharmonía de Galicia) e Xosé Antonio Rodríguez (profesor de guitarra no Conservatorio profesional de Santiago de Compostela) interpretando obras de Piazola, Machado, Satie e Paulino Pereiro. Posteriormente haberá unha cea no mesmo hotel.
Nesta ocasión tamén nos sería moi grato poder terte neste acto que anova en cada edición o noso labor de manter viva a memoria do Fiz e de facer medrar a árbore da poesía cun novo poemario anainado na casa da Espiral Maior.» (María Casar, Presidenta da A. C. Ergueitos)

Entrega en Pontevedra do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico

15 abril 2008

O 17 de abril ás 20:30 abrirase o Espazo Radioescénico en que se celebrará a entrega do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. Será no Teatro Principal de Pontevedra (R/ Paio Gómez Chariño, s/n).

Rubén Ruibal recibiu en Ferrol o “Premio nacional de literatura dramática”

31 marzo 2008

«Os Premios Nacionais de Literatura do Ministerio de Cultura correspondentes a 2007 distinguiron a Vicente Molina Foix, en Narrativa; Olvido García Valdés, en Poesía; José María González García, en Ensaio; e en Literatura Dramática en Rubén Ruibal. Na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil, a distinción recaeu en Jordi Sierra i Fabra; e en Historia de España en Luís Gil Fernández. [...]» (Galiciae)

Carlos Penela gaña o Premio de Poesía Caixanova

12 decembro 2007

«O xurado do VI Premio de Poesía Caixanova decidiu onte outorgarlle o galardón a Carlos Penela Martín pola obra Sombras, rosas, sombras. O certame, con 12.000 euros, un dos mellor dotados de Galicia, é dos máis importantes que se convocan nas diferentes linguas do Estado.

O xurado, composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do PEN Clube de Galicia; Marilar Aleixandre, gañadora do V Premio de Poesía Caixanova; Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade da Coruña; Bieito Arias Freixedo, profesor da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, profesor na Universidade de Santiago, decidiu por unanimidade entregarlle o galardón ó texto de Penela pola súa “solidez poética”, tanto no aspecto formal coma no desenvolvemento dunha linguaxe innovadora e o mantemento da tensión estética. [...]» (Galicia-Hoxe)

Galería de eventos

* * *

Vexa tamén a Galería de socios

* * *

Cea das Letras 2009

* * *