Presentado o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia 2011

«O presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron o luns 17 de decembro na Biblioteca da Cidade da Cultura, o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia. Os datos proceden das enquisas realizadas a unha mostra representativa de empresas do gremio editorial galego e reflicten a situación do sector en función da actividade editorial e da coxuntura económica do ano 2011. Manuel Bragado manifestou que malia os datos, o sector resistía e mantiña a súa actividade produtiva e contribución ao incremento do catálogo editorial galego, coa aportación cultural que iso supón. Amosou a súa preocupación pola redución do emprego, que afecta tanto a traballadores fixos como a colaboradores externos, e tamén pola caída da facturación, que provocou que o número de empresas que facturaban por enriba dos catro millóns de euros, pasaran de cinco a dúas en dous anos. Lorenzo subliñou que o sector agremiado representa ao 80% do sector e que polo tanto a mostra recollida no informe e plenamente representativa pois descontando as cifras da edición institucional (14%), o sector non agremiado acada o 10%. O informe foi realizado pola consultora Conecta Research&Consulting, que elabora tamén os mesmos datos para a Federación de Gremios de Editores de España referentes ao conxunto de España. Del despréndese unha radiografía da situación da edición privada en Galicia que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura, «será unha base fundamental das próximas iniciativas que poñamos en marcha no sector editorial», entre as que destacou o Plan Director do Libro. O informe reflicte datos xa publicados no Informe do Comerio Interior publicado pola FGEE, confirmando a facturación de 27 millóns de euros, un 12,3% menos pero a caída dende o ano 2009 acumula un 20%. O texto non universitario e o libro de infantil e xuvenil facturaron máis da metade do total. As empresas privadas da edición publicaron 2156 títulos, dos cales foron en galego 1.587″ Desde a Asociación Galega de Editores.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Análise xurídica das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Dada a importancia do debate aberto en canto á modificación do marco normativo-regulamentario de uso das linguas oficiais no ensino consideramos da maior pertinencia unha reflexión xurídica demorada que complemente outras reflexións que se poidan realizar desde outras perspectivas (socio-lingüísticas, pedagóxicas, políticas…) das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que veñen de ser feitas públicas polo goberno da Xunta de Galicia.

A análise xurídica das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia mostra un preocupante descoñecemento do marco constitucional e estatutario que rexe o uso das linguas oficiais e transgrede o cadro legal do que consensuadamente nos temos dotado os galegos e galegas para poñer en práctica o mandato da Constitución de protección das linguas como un patrimonio cultural precisado dun especial respecto (art.3) e do Estatuto de Autonomía de potenciación do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa e de disposición de todos os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento (art.5).

O desenvolvemento da Constitución e do Estatuto de Autonomía ten como norma cabeceira á Lei de Normalización Lingüística de Galicia aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia en 1983. Igualmente por unanimidade o Parlamento de Galicia aprobou en 2004 o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega elaborado polo goberno galego que, como plan gubernamental con aval parlamentario, constitúe un documento básico que debe iluminar as normas que se aproben, actuando as súas previsións como principios interpretativos do ordenamento lingüístico. A ratificación polo Reino de España en 2001 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias supón unha actualización con rango de lei dos compromisos de protección das linguas propias que debe ter reflexo no ámbito da educación.

Ler documento completo en PDF.

Chuzame! A Facebook A Twitter