Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Oito editoriais fomentan o galego co apoio de Política Lingüística

18 setembro 2008

«[...] O programa incluirá lectura, música, contacontos, teatro, xogos, pintura e outras actividades gratuítas destinadas a unha franxa de idade que “é onde está o futuro do galego”.

Así, as editoriais participantes, A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais, organizarán diferentes actividades baseadas en temas escollidos por elas que está previsto que cheguen a perto de 50.000 mozos co obxectivo de “formar lectores que serán futuros falantes”. [...]» (A Nosa Terra)

A Coruña: presentado o libro A Coruña á luz das letras

05 setembro 2008

Tal como anunciamos, o 26 de agosto tivo lugar a presentación desta obra colectiva patrocinada polo Concello da Coruña con motivo do 800º aniversario da cidade. Participaron nela máis de sesenta socias e socios da AELG, algúns dos cales interviron desde a mesa. Aquí presentamos o vídeo que un dos socios gravou, así como outro máis sobre o dúo que acompañou musicalmente o evento, composto por Moncho do Orzán e Ricardo Morente.



(Vía O levantador de minas)

XXII Festival de Poesía do Condado

02 setembro 2008

XXII Festival de Poesia do Condado«A que xa é a XXII edición do Festival de Poesía do Condado bota a andar en Salvaterra de Miño o próximo xoves 4. Este ano, o encontro preséntase como foro de achegamento ás reivindicacións populares e veciñais fronte aos intereses empresariais, co lema ‘Galiza non se vende’.[...]» (A Nosa Terra)

A Coruña: preséntase o libro A Coruña á luz das letras

22 agosto 2008

O martes 26 de agosto ás 19:00, na Biblioteca de Estudos Locais (Casa da Cultura Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga), terá lugar un recital poético musical con motivo da presentación do libro A Coruña. A Luz das Letras (Editorial TRIFOLIUM). Esta actividade é organizada pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e pretende commemorar o 800 aniversario da fundación da cidade da Coruña. A publicación consta de escritos sobre a cidade de arredor de 50 autores e autoras galegos.
Celebrarase ademais un recital poético a cargo dalgúns dos colaboradores do libro: Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Salvador García-Bodaño e Xavier Alcalá.

Praza dos libros: catro días de promoción da lectura e da cultura en Carballo

18 agosto 2008

Praza dos libros de Carballo«Carballo acollerá entre o 21 e o 24 de agosto unha nova edición da Praza dos Libros, unha feira literaria que ten como obxectivo a promoción da lectura, das librarías da comarca, dos autores galegos e da cultura de rúa. Durante catro días o Xardín Municipal acollerá dez casetas que se encherán de libros, actividades lúdicas, presentacións, música, escritores e incluso recitais poéticos para que os veciños e veciñas poidan desfrutar dos libros.» Vexa o programa. (Concello de Carballo)

A primeira ópera galega dos últimos 80 anos

14 agosto 2008

«Unha alegoría sobre a fin da vida, entendida como un feito natural, sen excesivas tinguiduras tráxicas. É a cerna de Camiñar polo arame cunha lata de cervexa, a primeira ópera galega que se estrea en 80 anos. O Teatro Colón da Coruña acollerá, o vindeiro 13 de setembro ás 21:00 horas, no seo do Festival da Ópera, este acontecemento histórico.

O compositor Juan Durán e o dramaturgo Manuel Lourenzo son os creadores desta obra. “Foi un encargo de Juan Durán. Díxome que quería un libreto para unha ópera de cámara… Deume unha idea que me pareceu sórdida pero moi bonita… O resultado está publicado en Laiovento”, comentou Lourenzo. [...]» (Galicia Hoxe)

Galiza nom se vende: XXII Festival da Poesia do Condado

06 agosto 2008

Coa lexenda “Galiza nom se vende”, desde 4 de setembro Salvaterra acollerá unha nova edición do «Festival da Poesia no Condado». Ofrecerá, como acostuma, un amplo programa que inclúe pintura, fotografía, poesía visual, música e poesía. Entre os poetas do programa figuran Marica Campo, O Leo, Kiko Neves, Carlos Figueiras, Valentina Carro, María Lado, Xiana Arias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Rousia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Igor Lugrís, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, Núria Martínez Vernís (Països Cataláns), Limam Boicha (Saara) e Isaque Ferreira (Portugal). Vexa o programa na páxina da SCD Condado.

Compostela: concerto de Lucía Aldao

01 agosto 2008

O sábado 2 de agosto, ás 23:00, Lucía Aldao ofrecerá un concerto no bar “as dúas” de Santiago de Compostela (Praza da oliveira).

Xoán Carballo, poeta ambulante

24 xullo 2008

«Seguindo a liña da “Volta ás Rías Galegas en verso” e de “Elaborando o meu delirio”, presento a nova xira que levará A casa do poeta polos pobos da nosa terra, recuperando as vellas tradicións trobadorescas e levando a cultura ás rúas, as prazas… Convertendo este proxecto nun espectáculo en movemento, que eleve a poesía e outras artes tamén con menos repercusión ao lugar que lle corresponde, amosando un anaco máis da diversidade cultural de Galicia.» (Xoán Carballo)

I Encontro Cidade da Coruña

15 xullo 2008

Os próximos días 18 e 19 do mes que andamos a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e Cedro, o I Encontro Cidade da Coruña, unha actividade que nace coa pretensión de estenderse a outras cidades do país.
O venres 18 de xullo celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título “Narrativa con memoria histórica”, contará coa presenza de Lidia Jorge, Carme Riera e Manuel Rivas. Será na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12).
O día seguinte, no Teatro Rosalía de Castro, con presentación de Antía Otero, está previsto un recital poético e lectura de textos a cargo de Marica Campo, Yolanda Castaño, Lidia Jorge, Luz Pozo, Carme Riera, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras e Xavier Seoane, alén da actuación musical de “Carmen Rey Grupo”, cun son próximo do rhythm and blues, coa esencia do funk e do jazz.
A entrada é de balde até completar aforo. (Gabinete de Comunicación da AELG - Tfno: 660 530 525 - correo-e: prensa@aelg.org)

Música e poesía en Cabana de Bergantiños

11 xullo 2008

«Este venres 11, a partir das 22:00, celebrarase na Praza de Neaño a ‘Noite da música e da poesía’ en homenaxe a poetisa local María Baña Varela e do compositor do Balado (Neaño) Xosé María Álvarez Canto. Recitarán o poeta de Canduas Óscar de Souto e o malpicán Paco de Tano. Tocarán o acordeón As dúas e Xesús Couto e os seus acordeóns.» (Concello de Cabana de Bergantiños)

Homenaxe a Manuel Curros Enríquez en Compostela

23 xuño 2008

«O martes 24 de xuño a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais convídante aos actos de homenaxe a Manuel Curros Enríquez co seguinte programa de actividades:

-Conferencia de Pilar García Negro. “A defensa da lingua galega en Curros Enríquez”. Ás 20:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16).

-Concerto homenaxe a Curros Enríquez. María José Ladra / Antón de Santiago / Cítola: “Na frente unha estrela”. Ás 21:00 horas no Teatro Principal.»

Coñeza a actualidade dos membros da AELG emitida durante o Cultur.gal

Galería