Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Juan Gelman, Escritor Galego Universal

23 decembro 2009

Juan-GelmanA Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgar o galardón “Escritor Galego Universal” ao escritor arxentino Juan Gelman.

A distinción entregáraselle no transcurso da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, xunto cos Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. A Cea das Letras celebrarase no mes de maio de 2010.

Juan Gelman

Poeta, periodista e traductor nacido en Buenos Aires, o escritor Juan Gelman ten demostrado ao longo da súa vida ser un mestre dese “oficio ardente” que para él é a poesía, un xénero que combina coa súa actitude cívica e a súa constante denuncia das violacións dos dereitos humanos.

Gelman é o poeta arxentino máis premiado da súa xeración, a dos anos 60-70, merecendo galardóns como o Nacional de Poesía arxentino, o de Literatura Latinoamericana e do Caribe Juan Rulfo, o Iberoamericano de Poesía Pablo Neruda, o Reina Sofía de Poesía Iberoamericana e o Premio Cervantes 2007.

Obras: Violín y otras cuestiones (1956), El juego en que andamos (1959), Velorio del solo (1961), Gotán (1962), Cólera Buey (1965), Los poemas de Sydney West (1969), Fábulas (1971), Relaciones (1973), Comentarios (1979), Citas (1979), Notas (1979), Hechos (1980), Carta abierta (1980), Si dulcemente (1980), Bajo la lluvia ajena (1980), Hacia el sur (1982), Eso (1983), Dibaxu (1983), Composiciones (1986), Prosa de prensa (1997), Debí decir te amo (1997), Nueva prosa de prensa (1999)

Marilar Aleixandre, “Escritora na súa Terra 2010″

04 decembro 2009

A homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega no 2010 a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura da escritora Marilar Aleixandre. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído como unha celebración na que a terra de orixe ou de adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural.

Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a. A homenaxe a Marilar Aleixandre celebrarase na primavera do 2010.

Os Bos e Xenerosos

Outro importante premio outorgado pola AELG é Os Bos e Xenerosos que, na edición do ano que ven, recoñecerá o labor desenvolvido polos vintesete concellos que organizaron o Premio Blanco Amor de Narrativa, que cumpre o vindeiro ano o seu 30º aniversario. No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará na primeira semana de maio do 2010, entregarase o galardón ao concello de Poio, organizador do certame no 2010, en nome de todos os concellos que participaron na súa organización ao longo da súa traxectoria.

Premio ás Institucións

Tamén na Cea das Letras entregarase o premio AELG ás Institucións, que na edición 2010 será entregado ao Salón do Libro Infantil de Pontevedra.

Homenaxe a Agustín Fernández Paz

15 xuño 2009

A homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega este ano a súa XV edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura de Agustín Fernández Paz, que será homenaxeado na terra onde naceu, Vilalba.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Aelg, e tense constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural.

Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é unha bidueira), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.

Programa de actos

Sábado, 20 de xuño de 2009

12,00 horas: Parque Agustín Fernández Paz, Barrio das Fontiñas. Plantación dunha bidueira (árbore simbólica do escritor) e descubrimento do Monólito Escultórico. Interveñen: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg, Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg, e Agustín Fernández Paz

13,00 horas: Centro Cultural e Recretativo de Vilalba, Praza da Constitución s/n. Acto de entrega da “Letra E”. Intervirán: Gerardo Criado, Alcalde de Vilalba, Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg, e Manuel Bragado: Laudatio. Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas. Intervención do homenaxeado.

14,30 horas: Parador de Turismo de Vilalba, Rúa Valeriano Valdesuso, s/n. Xantar de confraternidade aberto aos/ás socios/as da Aelg, á vecindade da Terra Cha e demais persoas interesadas.

Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz é narrador, ensaísta, profesor, pedagogo, sociolingüista, especialista en animación á lectura e literatura infantil e xuvenil, actividades todas dunha vida comprometida cos oficios de educar e escribir na lingua de noso.

Autor de medio centenar de ficcións narrativas da máis variada fasquía, tecidas cos fíos da vida e da súa experiencia de lector e cinéfilo empedernido, en moitas delas evócanse as paisaxes da memoria da súa infancia chairega. Dende as súas novelas primeiras, As flores radiactivas (1990), Cartas de inverno (1995) e O centro do labirinto (1997), aos seus libros de relatos como Contos de palabras (1991) ou Cos pés no aire (1999), revelouse como un dos narradores que deixou máis fortes pegadas en milleiros de lectores e lectoras de varias xeracións.

Xa na súa madurez humana e literaria, ofreceu algunhas das novelas máis valoradas do noso tempo como Aire negro (2000), Noite de voraces sombras (2002) ou Corredores de sombra (2006). O Premio Nacional de Literatura Infantil (2007) polos relatos reunidos no libro O único que queda é o amor é o xusto recoñecemento á súa proeza literaria.

Anteriores merecedores deste galardón

I Edición 1995. Boa, Taramancos: Antón Avilés de Taramancos
II Edición 1996. Cangas do Morrazo: Bernardino Graña
III Edición 1997. Outeiro de Rei: Manuel María
IV Edición 1998. Vigo: María Xosé Queizán
V Edición 1999. Gres, Vila de Cruces: Xosé Neira Vilas
VI Edición 2000. Parada do Courel: Uxío Novoneyra (póstumo)
VII Edición 2001. Ribadeo: Luz Pozo Garza
VIII Edición 2002. Vilalba: Xosé Chao Rego
IX Edición 2003. Nogueira de Ramuín: Xosé Fernández Ferreiro
X Edición 2004. Teis, Vigo: Salvador García-Bodaño
XI Edición 2005. Ourense: Pura e Dora Vázquez
XII Edición 2006. Vigo: María do Carme Kruckenberg
XIII Edición 2007. O Valadouro: Manuel Lourenzo
XIV Edición 2008. Melide: Xosé Vázquez Pintor

O escritor na súa terra: Agustín Fernández Paz. Vilalba 2009

05 xuño 2009

homenaxe-a-afp


Máis información na web da AELG. Descargas: programa en PDF, cartaz en PDF.

Gañadores dos Premios AELG 2009

10 maio 2009

cea-das-letras-premiados

Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2008 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.

Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG. Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2008 son:

Ensaio: Miguel Anxo Murado, pola súa obra Fin de século en Palestina (Galaxia)

cea-das-letras-lix

Literatura Infantil e Xuvenil: Xabier P. DoCampo, pola súa obra O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia)

Poesía: Xulio L. Valcárcel, pola súa obra A melancolía dos corpos (Ediciones de la Sociedad de Cultura Valle-Inclán)

Narrativa: Inma López Silva, pola súa obra Memoria de cidades sen luz (Galaxia)

Tradución: Gonzalo Navaza, pola tradución da obra As flores do mal, de Charles Baudelaire (Galaxia)

Teatro: Teresa Moure, pola súa obra Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña)

cea-das-letras-romani

Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní

cea-das-letras-valcarcel

Blog Literario: Marcos Valcárcel, polo seu blog As uvas na solaina

Institucións: Sección de Literatura do Liceo de Ourense

cea-das-letras-poniatowska-1

Escritora Galega Universal: Elena Poniatowska

Discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias: Vídeo

Lectura e entrega dos Premios AELG 2009: Vídeo

(Vídeos retransmitidos en streaming durante a Cea das Letras no portal Blogaliza)

Elena Poniatowska, Escritora Galega Universal

10 maio 2009

cea-das-letras-poniatowska-2

Mañá entréganse os Premios AELG 2009

08 maio 2009

Achégase a data de celebración dun dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega: os Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará mañá sábado 9 de maio no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela, recoñecerase a mellor obra publicada no 2008 en cadanseu xénero: Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil (en colaboración con Gálix), Poesía, Narrativa, Tradución (en colaboración coa Asociación Galega de Tradutores), Teatro e Traxectoria Xornalística (que premiará o/a autor/a coa mellor traxectoria xornalística do 2008, e para cuxa elección se contará cos votos dos/as membros do Colexio de Xornalistas). Na edición deste ano incorporase o premio ao Mellor Blog Literario. Igualmente premiarase á Institución que, segundo os escritores e escritoras galegos, fixera unha labor destacada en prol da nosa cultura, premio que nesta ocasión lle corresponde á Sección de Literatura do Liceo de Ourense, personificada na figura de Marcos Valcárcel.

Á cea asistirá a escritora e xornalista Elena Poniatowska, galardonada coa distinción Escritora Galega Universal.

Finalistas dos premios AELG 2009

Programa da estadía de Elena Poniatowska en Galicia

29 abril 2009

Programa da estadía da escritora mexicana Elena Poniatowska en Galicia con motivo do seu nomeamento como “Escritora Galega Universal”:

Martes 5 de maio: Tarde reservada para atender á prensa a partires das 17 horas

Mércores 6 de maio, 19.30h: no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, conferencia de Dona Elena Poniatowska co título La literatura que viene de la calle. Laudatio do escritor Manuel Rivas. Interven o Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias. Intervencion de representante institucional e entrega da Escultura como “Escritora Galega Universal”.

Xoves 7 de maio, 20.00h: Carpa da Feira do Libro de Santiago de Compostela: Presentación do libro A filla do filósofo, tradución ao galego dunha serie de relatos da autoría de Elena Poniatowska. Inclúe lectura de textos por parte dalgúns dos/das tradutores/as (Rosa Aneiros, Eva Veiga, Xabier López, Anxos Sumai e Francisco Castro) Coa presenza de Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, que publica o libro, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Venres 8 de maio 20.00h: Conferencia de Dona Elena Poniatowska no II Encontro Cidade da Coruña, co título La literatura que viene de la calle, na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11, A Coruña)

Sábado 9 de maio: Cea das letras, 20.30h. Hotel Porta do Camiño. Entrega da pluma estilográfica que a acredita como “Escritora Galega Universal”.

Contacto: AELG

Finalistas dos Premios AELG 2009

18 marzo 2009

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A cabeza da medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións, Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

Mellor traxectoria xornalística (Aelg-Colexio de Xornalistas):
1. Ana Romaní
2. Bieito Iglesias
3. Camilo Franco
4. Gustavo Luca de Tena
5. Marcos Valcárcel
6. Xosé Manuel Eyré
7. Xosé Manuel Pereiro

Mellor blog literario:
1. …mmmm…, Estíbaliz Espinosa
2. As uvas na solaina, Marcos Valcárcel
3. Das orixes de marzo, Helena González
4. Lándoa. Marxes de Texto, Arturo Casas
5. Henrique Marques-Samyn, Henrique Marques-Samyn
6. O levantador de minas, Alfredo Ferreiro

Agustín Fernández Paz, Premio “Letra E”

09 febreiro 2009



Máis información: resumo das resolucións da Asemblea anual da AELG.

  • Vexa as fotos da AELG no Flickr
    * * *
  • Vexa a actualidade AELG desde o Achegarte no YouTube da Axenda Cultural
    * * *
    * * *
  • Esta páxina conta co apoio da