Bases do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, X Premio Manuel María de literatura dramática infantil e XIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques

Concurso de Teatro Infantil 2018 da A. C. O Facho

“Assumindo como próprias as palavras de Juan Ramón Jiménez quando afirmava que “Teatro infantil é aquele que também lhe gosta aos nenos”, a Agrupaçom Cultural O FACHO acordou convocar o Concurso de Teatro Infantil 2018, que se regerá polas seguintes bases:

1º) Poderám optar ao devandito prémio qualquer pessoa, sem restriçom, sempre que a obra seja inédita e redigida em língua galega -em qualquer norma ortográfica (AGAL, PADROM, RAG)-, nom representadas, nem premiadas noutros certames.
2º) Estabelece-se como prémio único de 350,.- € e umha biblioteca de livros teatrais.
3º) A obra, que nom poderá exceder os 80 fólios, será apresentada por triplicado, em formato DIN A4, a dobre espaço e mecanografados por umha soa cara.
4º) Os originais para o Concurso enviaram-se por correio à Caixa de Correios n.º 46, Oficina Principal d’A Corunha. Apresentaram-se sob um lema, que figurará na portada dos textos enviados, e virám acompanhados de um envelope fechado que contenha no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos, correio electrónico e telefone do autor ou autora.
5º) O prazo de admissom de originais finda o dia 15 de Abril do 2018 às doze da noite. O falho do prémio fará-se público no mês de Maio.
6º) Os ganhadores serám elegidos por um júri nomeado pola Agrupaçom Cultural O FACHO. O mesmo está composto por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego.
7º) O júri poderá declarar deserto o prémio do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se apresentem e que nom estejam contempladas nestas bases, assim como as dúvidas que podam existir na sua interpretaçom.
8º) A participaçom neste Certame implica assumir as bases do mesmo.
9º) Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom. No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
Esta convocatória entrará em vigor ao dia seguinte da sua publicaçom nos médios.

Agrupaçom Cultural O Facho
Na Corunha, 17 Janeiro 2018

Concurso Literario de Contos de Nenos para Nenos da A. C. O Facho

BASES DO CONCURSO

1. Poderán participar rapaces e raparigas que presenten as súas obras en Lingua galega. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos en toda a súa extensión.
2. O prazo de admisión de orixinais finaliza o día 31 de Marzo do 2018 ás doce da noite.
3. A apresentación de orixinais para o Concurso fará-se por correio postal dirixido à Asociación Cultural O FACHO, Apartado de Correios n.º 46, Oficina Principal. Podendo facer individualmente ou por medio do centro onde curse os seus estudos.
4. No caso en que sexan os centros escolares os que presenten os orixinais ao Concurso, deberán facer unha pre-selección dun máximo de dous traballos por categoría, calquera outro terá que ser apresentado individualmente.
5. As obras haberen de seren relatos orixinais e non estaren editados por ningún procedemento impreso ou electrónico, nin teren sido premiados en calquera outro concurso ou certame literario e en condicións para que os seus direitos de publicación podan ser cedidos à Asociación Cultural O FACHO por período de cinco anos contados a partir do día do fallo do xúri.
6. Para alén da orixinalidade literaria, o xúri valorizará a riqueza lingüística e o coñecemento gramatical reflectido nas obras. As obras presentadas debe estar escrita en lingua galega en calquera das tres normas ortográficas (RAG, REINTEGRADO, LUSÓFONA)
7. Estabelecen-se dúas categorías:
Categoría A: Nenos e nenas de 9 a 12 anos.
Categoría B: Rapaces e raparigas de 13 a 16 anos.
8. Os importes dos premios serán os que seguen:
Categoría A:
1º: 450.- € en efectivo, e unha valiosa biblioteca doada por diversas editoriais.
2º: 250.- € en efectivo, e unha valiosa biblioteca doada por diversas editoriais.
Categoría B:
1º: 450.- € en efectivo, e unha valiosa biblioteca doada por diversas editoriais.
2º: 250.- € en efectivo, e unha valiosa biblioteca doada por diversas editoriais.
9. Cada autor só poderá apresentar unha obra atendo-se aos seguintes limites de extensión:
Categoría A: Un máximo de cinco fólios
Categoría B: Un máximo de dez fólios
10. As obras haberen de se apresentar por triplicado, manuscritas ou mecanográficas, encadernadas ou grampadas e levarán por detrás do último folio os seguintes dados:
Nome e apelidos do autor/a.
Enderezo e telefone. Correio electrónico.
Centro onde cursa os seus estudos.
Categoría na que participa.
11. Os premios serán escollidos por un xúri designado pola Asociación Cultural O Facho en fallo que se fará público no mes de Maio.
12. O xúri poderá declarar deserto un ou varios dos premios do concurso e será o que deberá resolver aquelas situacións que se presenten e que non estean contempladas nestas bases, así cono as dubidas na sua interpretación.
13. A participación neste Concurso implica a aceptación das presentes bases.”

I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz

O I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz está organizado pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan o I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz.
Esta é unha actividade complementaria das Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada, coa finalidade de promover a literatura infantil e xuvenil en lingua galega e homenaxear, ao tempo, unha das súas figuras máis representativas.

OBXECTIVO
O noso obxectivo é potenciar a novos escritores e escritoras en lingua galega para que desperten ou manteñan vivo o vicio de ler en nenos/as e mozos/as. Queremos fuxir da literatura infantil e xuvenil utilitaria e reivindicar o dereito a ler como fonte de gozo desde idades temperás.

PARTICIPACIÓN
Poderán participar no concurso todas as persoas interesadas en escribir para público infantil e xuvenil en lingua galega. Os textos deberán ser inéditos.

PRAZO DE PRESENTACIÓN
A data límite para a recepción de textos será o 24 de febreiro de 2018.

ENVÍO DE ORIXINAIS
As obras que se presenten terán un máximo de cinco páxinas mecanografadas a espazo e medio. Non obstante, o xurado podería reconsiderar este criterio se a temática ou o necesario desenvolvemento do argumento así o requirise. Os/as participantes enviarán o texto en formato pdf por correo electrónico ao seguinte enderezo candolernonserve@gmail.com co asunto “I Concurso Agustín Fernández Paz”. Para alén dos relatos, os participantes incluirán tamén outro documento en que figuren os seus datos persoais: nome, apelidos e teléfono de contacto.

XURADO E FALLO DO PREMIO
Unha comisión composta por especialistas no campo da literatura infantil e xuvenil seleccionará un dos textos aténdose á calidade literaria, á orixinalidade e á creatividade.
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, a teor do criterio dos membros da comisión, o premio poderá declararse deserto. Este reunirase na segunda quincena do mes de marzo e dará a coñecer a obra premiada o día 2 de abril a través da web da Facultade de Ciencias da Educación (http://www.educacion.udc.es) e da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (http://www.aelg.gal).

PREMIOS
A persoa autora da obra premiada recibirá un vale da libraría Moito Conto por valor de 150 €. Así mesmo, o relato gañador será exhibido nun espazo público da Facultade de Ciencias da Educación. Se a comisión considera de calidade outras obras non gañadoras, estas poderán recibir un accésit e participar tamén da dita exposición.

ACTO DE ENTREGA
O galardón entregarase nun acto organizado pola Facultade de Ciencias da Educación o 23 de abril. As persoas recoñecidas, ben co premio, ben con accésits terán que acudir en persoa.

Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela A filla do Minotauro

Desde a Deputación da Coruña:
“A novela A filla do Minotauro da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. A escritora é a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil.
Un xurado composto por Héctor Cajaravillegañador da edición anterior–, Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar, coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria decidiron, por unanimidade, premiar a novela de Marilar Alexandre como gañadora do XI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
A obra, titulada A filla do Minotauro e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.
O xurado decide seleccionar como finalista a obra Como bágoas de dragón da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar. Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500 € do premio máis a publicación da obra. (…)”

A escritora Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2017

Desde Xerais:
“A escritora Ledicia Costas resultou gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria 2017 que concede a OEPLI, Organización Española para el Libro Infantil e Xuvenil cunha novela titulada Plumas e unicornios, que publicará Xerais. O premio, elixido entre un total de 68 obras, foille concedido ex aequo canda a obra No te muevas musaraña, de Rafael Salmerón. O xurado estivo integrado por Xosé Antonio Perozo, copresidente da OEPLI, e por Nuria Ranz, Montse Pena, Arantxa Bea e Idoia Etxegoien, en representación das catro seccións territoriais da OEPLI; actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaria Técnica da OEPLI.
A novela de Ledicia Costas está ambientada no Londres victoriano e ten unha marcada estética steampunk. Un dos seus personaxes principais é Ágata, unha humana mecánica, e o seu robot Tic-Tac, que emprenden unha viaxe para salvarlle a vida ao máxico León, o seu grande amigo, sen saber que tras eles vai Jack o Destripador. Trátase dunha novela coral, onde o amor convive con sentimentos tan desgarradores como o odio ou a vinganza. Segundo o xurado, o texto crea un universo de fantasía orixinal poboada de poderosos personaxes. Unha representación da loita do ben o o mal nunha obra literaria extremadamente coidada. (…)”

María Reimóndez gaña o I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade

Desde Sermos Galiza:
“A escritora María Reimóndez é a gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, polo Concello de Vilalba e por Edicións Xerais.
Fóra do normal é o título da obra gañadora. O xurado destaca nela o tratamento da temática trans, dos personaxes e da banda deseñada como camiño de comprensión do mundo, así como o valor de contar con heroes á hora da superación do conflito.
O xurado estaba composto por Marica Campo, Manuel Bragado e Xabier Puente DoCampo.”