Finalistas dos Xerais 2017

Desde Xerais:
“Tras un xantar no Castelo de Soutomaior, os tres xurados dos Premios Xerais 2017 declararon as obras finalistas.
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, formado por Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias), Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Bennu», «Caridad Verdet» e «Os días felices de Benvido Seixas».
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, formado por Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura) Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Belinfante», «Ceiba de Luz» e «NS».
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, formado por María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas «Fígaro», «Leriana», «Po estelar» e «Max».
Os xurados determinarán as obras gañadoras o sábado 3 de xuño, día no que se celebrará a festa dos premios na illa de San Simón.”

Prémios Literários do Facho 2017

“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a bem de informar das Resoluçons dos Concursos Literários convocados para o ano 2017.

Concurso de Contos de nenos para nenos
Premios da Categoría A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
Primeiro prémio: “A árbore das bolboretas” de Andrea Ramos Casal. Aluna do C.E.I.P Plurilingüe de Tarrío, Culleredo (Corunha)
Segundo prémio: “Misterio no colexio” de Antía Mouriño García. Aluna do Colegio Ándersen de Valadares (Vigo)
Premios da categoría B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
Primeiro prémio: “A traxedia deste mundo” de Ana Barros Fernández. Aluna do CPR La Inmaculada, Marín (Pontevedra)
Segundo prémio: Deserto.

Concurso de Poesia
Prémio “Cristal de bágoas”. Autor: Daniel Irimia Yáñez.

Concurso de Teatro Infantil
Prémio: “Teatro para brincar no Natal. Autora: Irene Veiga Durán.

O acto de entrega de prémios celebrara-se em:
Dia: 26 de Maio do 2017 – Hora: 7:30 do serám.
Local: Portas Ártabras. Rua Sinagoga 22
Cidade Velha – Corunha

Corunha, 17 de Maio do 2017
J. Alberte Corral Iglesias
Presidente d’O Facho

VII Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

O VII Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia conta coa colaboración da AELG.
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, e que pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar a creación literaria como forma libre e persoal de achegamento ao pensamento científico e de explorar realidades antes non imaxinadas.

Bases (pode descargalas en pdf aquí)

1. Poderá participar calquera persoa que presente un relato orixinal, en calquera das linguas do concurso (catalán, castelán, eúscaro e galego), que estea inspirado nunha temática científica.
2. Os orixinais estarán escritos en catalán, español, éuscaro ou galego. Deberán ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados en ningún outro medio ou blog persoal.

Modalidades e categorías
3. O concurso ten unha única modalidade competitiva: Relato curto dunha extensión máxima de 800 palabras
4. Os participantes poderán participar nunha das seguintes categorías:

  • Adulto/a (a partir de 18 anos), enténdese que os participantes son maiores de idade na data de peche do prazo.
  • Mozo/a (de 12 a 17 anos), é dicir, os participantes son menores de 18 anos na data de peche do prazo.

5. Cada participante poderá presentar un máximo de catro relatos, sempre que estean escritos en linguas distintas. Todos relatos dun mesmo participante deben ser orixinais e non se poderá presentar o mesmo relato en linguas distintas.

Presentación dos relatos
6. Os orixinais presentaranse no sitio web do concurso: www.inspiraciencia.es. Previamente, os participantes deben rexistrarse. A data de nacemento establece a categoría na que se participa (mozo ou adulto).
7. Os participantes poderán acceder á súa conta cun nome de usuario e un contrasinal. O pseudónimo será o nome co que asinarán os relatos.
8. Cada participante poderá enviar un relato en calquera das linguas do concurso. Os gañadores dunha edición, para unha categoría e lingua, non poderán presentarse para a mesma categoría e lingua nas dúas seguintes edicións.
9. O prazo de presentación de relatos pecharase o 17 de maio de 2017.

Premios
10. Os premios outorgaranse en de xuño de 2017, nun acto que se anunciará oportunamente.
11. O concurso prevé un premio institucional para cada categoría e lingua, e un premio do público. Os premios serán dispositivos electrónicos, libros de divulgación, cursos de escritura, a subscrición a unha revista de divulgación.
12. A organización do concurso resérvase o dereito de declarar deserta a convocatoria se considera que os orixinais presentados non alcanzan a calidade mínima necesaria.

Xurado e criterios de valoración
13. Para o premio institucional designarase un xurado que valorará as contribucións e proporá os gañadores. O xurado estará formado por figuras recoñecidas dentro do mundo da cultura en sentido amplo (ciencia, literatura, arte, divulgación) e anunciarase oportunamente.
Un equipo de persoas encárgase de que os relatos sexan publicados de xeito áxil. Este equipo encárgase tamén de facer a preselección de relatos que pasará ao xurado mediante un sistema de dobre moderación.
14. Para valorar os relatos terase en conta a adecuación á temática, a calidade literaria, a orixinalidade na formulación, a estrutura e a coherencia da narración, así como o estilo, a creatividade e a imaxinación.
15. O premio do público decidirase a través dunha votación en liña dos participantes previamente rexistrados, aberta a todas as persoas que o desexen sempre que previamente rexistráronse. A votación efectuarase sobre a mesma selección de relatos que pasase ao xurado. Cada persoa poderá dar un voto por relato, sen restrición do número de relatos votados, a través do formulario que se habilitará oportunamente.
O público premiará o relato máis votado de cada categoría, con independencia da lingua na que se escribiu.

Participación
16. A participación neste concurso presupón a aceptación das bases.
17. Os relatos gañadores poderán ser publicados en medios físicos e/ou dixitais sempre mencionando os nomes dos autores.

***

Actividades paralelas
Inspiraciencia é máis que un concurso: como todos os anos, organiza e propón varias actividades paralelas para afondar as interaccións múltiples entre a ciencia e a literatura, como o ciclo de conferencias Elementos da química na literatura, que quere escoitar algunhas das voces que falaron de química do campo literario. Ademais, propóñense outras actividades e formatos de exploración das relaciones entre ciencia e literatura. Destacamos:

A memoria dos pioneiros: Os nenos da varíola
María Solar. Bióloga, xornalista e autora do libro

27 de abril, ás 19:00, no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Rúa Joaquín Yáñez, 6. Vigo, Pontevedra
En 1980 a OMS declarou o planeta Terra libre de varíola, unha enfermedade terrible que matou e marcou durante séculos a millóns de persoas en todos os continentes. Era a primeira victoria absoluta dos humanos sobre un virus. Unha vacina rematara por primeira vez, e única polo momento, cunha enfermidade. Esa victoria comezouse fraguar a finais do século XVIII coa invención da mesma, e a comezos do XIX coa primeira expedición para implantala como método sanitario. En 1803 a Expedición filantrópica da vacina sufragada pola Real Facenda Española, amparada polo monarca Carlos IV e dirixida polo médico real Francisco Xavier Balmis, partía do porto da Coruña na corveta María Pita. A bordo o equipo médico da Expedición, a reitora da casa de expósitos da Coruña, Isabel Zendal e 22 nenos orfos que servirían para portar a vacina ata a América, “brazo a brazo” a través dunha cadea de vacinacions. No porto, outro médico pioneiro e ilustrado despedía ao barco, o doutor Posse Roybanes.
A participación española nesta gran xesta médica segue a ser esquecida polos libros de texto e non é  o referente histórico e médico que debera. A literatura, unha vez máis serve para poñer carne, pel e sentimentos a cada un dos implicados, para facernos vivir e sentir aquela odisea e entender que tras ela algo importante cambiou no mundo.

II Certame Literario Cantabile

A Asociación Musical e Cultural Cantabile organiza de novo o seu certame literario, con motivo da conmemoración da formación das Irmandades da Fala na Coruña o 18 de maio de 1916. Trátase dunha cadea de favores: as persoas participantes entregan un donativo mínimo asociado á súa obra que irá destinado á Cociña Económica, optando aos premios que Cantabile ofrecerá aos mellores traballos.

BASES:
1. Poderán participar todas as persoas interesadas que presenten traballos orixinais inéditos escritos en lingua galega, preferentemente relacionados coa temática da música.
2. Haberá as seguintes categorías de idade:
a) Categoría A: de 8 a 12 anos.
b) Categoría B: de 13 a 17 anos.
c) Categoría C: de 18 anos en adiante
3. Haberá dúas modalidades: poesía e microrrelato.
4. Os traballos presentados estarán escritos en letra Times New Roman, tamaño 12 ou Arial tamaño 10 (ou tipos de letra equivalentes en Libre Office, Liberation Serif tamaño 12 ou Liberation Sans tamaño 10), con espazo entre liñas 1.5, sen asinar. A extensión máxima de cada traballo será de unha cara.
5. O premio para cada categoría será material bibliográfico adecuado a cada franxa de idade, así como material discográfico de Cantabile. O xurado reservarase o dereito de nomear accésits. Os premios poderán quedar desertos.
6. A entrega dos traballos farase nun sobre anónimo, orixinal e tres copias, figurando no exterior a mención “II Certame Literario Cantabile”. Dentro dese sobre haberá outro sobre pequeno en cuxo exterior figurará o título do traballo, a categoría na cal se inscribe, a modalidade e o lema ou pseudónimo do autor ou autora. No interior dese sobre haberá unha plica na cal figurarán nome, apelidos, DNI (se o autor ou autora non tiver, o da persoa responsábel), un teléfono de contacto e un correo electrónico. Para menores de 14 anos, incluirase ademais no sobre unha autorización de participación con nome, apelidos, DNI e firma da persoa responsábel. Os traballos poderán entregarse no local de ensaio de Cantabile os sábados de 11:00 a 14:00 ou por correo postal (Rúa Santo Tomás 30 baixo, 15002, A Coruña).
7. Os datos persoais facilitados na inscrición no concurso serán empregados exclusivamente para xestionar a participación no concurso. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercitar mediante escrito dirixido á Asociación Musical e Cultural Cantabile, Rúa Santo Tomás 30, baixo, 15002, A Coruña.
8. O donativo mínimo asociado a cada traballo é de 2€, coa posibilidade de doar unha cantidade maior; irá destinado á Cociña Económica da Coruña. Os donativos faranse ben en efectivo, se se entregar o traballo en man, ben por transferencia (nº de conta 2080 0000 79 3040170586, Abanca) indicando como concepto o título da obra e o pseudónimo do autor ou autora, se se fixer por correo postal. É un requisito indispensábel para entrar a valorar os traballos no certame.
9. A composición do xurado farase pública pertinentemente; será nomeado por Cantabile. Este xurado será totalmente independente e alleo á identidade das persoas participantes e á contía dos seus donativos.
10. O prazo para inscribir traballos rematará o sábado 29 de abril (incluído).
11. O veredicto do xurado farase público o día 18 de maio, coincidindo co aniversario da fundación das Irmandades da Fala.
12. A data e ubicación da entrega de premios fixarase con posterioridade á publicación do veredicto.
13. A participación no certame supón a total aceptación destas bases.”

Antonio Yáñez Casal gaña o XIV Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor Antonio Yáñez Casal (Ferrol, 1959) coa obra Do meu nome e outras trapalladas (presentada baixo o lema “Inferniense”), foi o gañador do XIV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou da obra galardoada “a súa adaptación aos tempos que corren, na que o autor fai unha reflexión crítica sobre a familia, os amigos e a escola”. Asemade o xurado puxo de manifesto que a obra “ten unha grande riqueza morfolóxica, que da idea dun escritor de nivel cultural alto, e cun importante dominio da lingua, axeitándose moi ben para ser ilustrada”.
Así mesmo, o xurado dixo que Do meu nome e outras trapalladas é “un texto cunha linguaxe directa e crítica. Unha obra de lectura sinxela, que ten moita potencialidade para achegarse aos adolescentes e gañar lectores dentro desa franxa de idade, pois reflicte ben o mundo que nos rodea”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou que todos os textos presentados “son de moi diversa temática e adaptados ao espírito deste premio”.
Agora ábrese o prazo para o XIV Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración e os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 31 de marzo. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Antonio Yáñez Casal. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XIV edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria Ana María Malingre. (…)”

Bases do Concurso de Teatro Infantil convocado pola A. C. O Facho 2017

“Assumindo como próprias as palavras de Juan Ramón Jiménez quando afirmava que “Teatro infantil é aquele que também lhe gosta aos nenos”, a Agrupaçom Cultural O FACHO acordou convocar o Concurso de Teatro Infantil, que se regerá polas seguintes bases:

1º) Poderám optar ao devandito prémio qualquer pessoa, sem restriçom, sempre que a obra seja inédita e redigida em língua galega, -em qualquer norma ortográfica (AGAL, PADROM, RAG)- nom representadas, nem premiadas noutros certames.
2º) Estabelece-se como prémio único de 200,.- € e umha biblioteca de livros teatrais.
3º) A obra, que nom poderá exceder os 80 fólios, será apresentada por triplicado, em formato DIN A4, a dobre espaço e mecanografados por umha soa cara.
4º) Os originais para o Concurso enviaram-se por correio à Caixa de Correios n.º 46, Oficina Principal d’A Crunha. Apresentarám-se sob um lema, que figurará na portada dos textos enviados, e viram acompanhados de um envelope fechado que contenha no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos e telefone do autor ou autora.
5º) O prazo de admissom de originais finda o dia 15 de Abril do 2017 às doze da noite. O falho do prémio fará-se público no mês de Maio.
6º) Os ganhadores serám elegidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O FACHO. O mesmo está composto por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego.
7º) O júri poderá declarar deserto o prémio do concurso e será o que deverá resolver aquelas situaçons que se pressentem e que nom estejam contempladas nestas bases, assim como as duvidas que podam existir na sua interpretaçom.
8º) A participaçom neste Certame implica assumir as bases do mesmo.
9º) Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom. No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
Esta convocatória entrará em vigor ao dia seguinte da sua publicaçom nos médios.

Agrupaçom Cultural O Facho
Na Crunha, 17 Janeiro 2017″