O mércores 16 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, dentro da programación do Mes das Letras do Concello de Carballo, terá lugar o festival Vitaminas para o galego. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por Fai o teu galego e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, grupo formado por María Xosé Silvar e o guitarrista Tito Calviño.
Desde Xerais:
“A escritora e activista María Reimóndez recibiu o Premio Dora Vázquez 2012 polo seu artigo Desobediencia. Reproducimos o vídeo do discurso da autora de libros como O club da calceta ou Pirata na recollida do premio en Arteixo, que lle foi entregado pola concelleira da Muller, Fina Zas.”
“Unha serie de catro artigos publicados por Juan Luís Blanco Valdés no xornal Galicia Hoxe recibiu o recoñecemento do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela na súa XVI edición. Entre os aspectos valorados polo xurado destacan “a calidade literaria, o uso do léxico e o sentido do humor” de Blanco Valdés, así como a achega do escritor a “temas de actualidade dende un coñecemento profundo da cultura popular”. Así o fixo constar na súa acta o tribunal presidido por Mercedes Cuiña Puente e reunido o pasado 29 de agosto na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. O acto de entrega do premio será o venres 16 de setembro ás sete da tarde, no marco da XXV Feira do Moble de Galicia. O galardón está dotado con 1.000 euros, talla conmemorativa e diploma acreditativo. Unha vez teña lugar este acto, quedará aberto o prazo de recepción de novos artigos para todos os interesados en participar na vindeira edición deste premio.” Vía Galicia Hoxe.
O xornalista Moncho Paz (Vilalba, 1970) foi distinguido co VIII premio de xornalismo Xohán Carballeira, organizado polo concello de Bueu (Pontevedra) polo traballo Entrei en Radio France porque falaba galego. O xurado, constituído por Carmen Novas Ferradás, Manuel Antón Mosteiro García e Óscar Iglesias Arauxo, reuniuse o sábado 19 de marzo de 2011 para resolver o dito premio, actuando como secretario e en representación do Concello de Bueu Xabier Framil Barreiro. O traballo gañador é unha entrevista ao xornalista e escritor Ramón Chao, que se caracteriza por fuxir dos tópicos e que demostra unha boa documentación previa por parte do autor, segundo a resolución do xurado, que se reuniu onte. Segundo esta resolución, o autor da entrevista logra, a partir dun tema de actualidade, a presentación da obra Prisciliano en Compostela, intercalar momentos do pasado e do presente de Ramón Chao e consegue conxugar a necesaria distancia xornalística e o achegamento ao personaxe.
O venres 11 de marzo tivo lugar en Pontevedra o fallo da VIII edición Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia coa vocación de impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación. Nesta ocasión o artigo gañador foi Sumar, Ana, de Xosé Carlos Caneiro, publicado en La Voz de Galicia o 28 de setembro de 2010, a propósito da morte de Ana Kiro. Nesta edición presentáronse un total de 23 artigos en galego.
Miguel Pardo Pereira gañou o IX Certame Xornalístico Dora Vázquez, convocado polo Concello de Arteixo, baixo a temática Muller e Educación, grazas ao seu artigo Non é broma. O galardón, dotado con 600 euros, será entregado o venres 4 de marzo ás 19:00 h. no Centro Cívico de Arteixo.
Xosé María Lema Suárezven de gañar a XV edición do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela que organiza a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada por cinco artigos publicados nos medios El Correo Gallego, Xonal de Galicia, La Voz de Galicia e Música na Noite. O xurado, conformado por Nuria Campos, Valentín García Gómez, Miguel Ramón de la Calle, Luis Reimóndez e José Manuel Bouzas, valorou dos artigos de Lema Suárez “a defensa da lingua galega como definitoria da identidade e valor fundamental da nosa cultura”. O autor recibirá o galardón no marco da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar o vindeiro 17 de setembro.
Vía Fervenzas Literarias.
O VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010, dotado con 1.200 euros e a publicación nos once medios de comunicación colaboradores, foi para o artigo «A procura do tesouro», da escritora lucense Marica Campo. O xurado tamén lle concedeu un accésit ao artigo «Por unha Galiza neofalante», de Marcos Abalde Covelo.
Ao certame presentáronse 39 traballos que, segundo o xurado, no seu conxunto «supoñen unha extraordinaria radiografía da visión sociolingüística do noso país».
Servizo de Normalización Lingüística
Concello de Carballo
[blogaliza.org emitiu os premios ao vivo por qik.com]
ENSAIO, LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, POESÍA, NARRATIVA, TRADUCIÓN, TEATRO, TRAXECTORIA XORNALÍSTICA E BLOG LITERARIO
Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2009 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.
Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.
Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.
Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2009 son:
Ensaio: Xesús Alonso Montero, pola súa obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)
Literatura Infantil e Xuvenil: Agustín Fernández Paz, pola súa obra Luz do Senegal (Xerais)
Poesía: Luz Pozo, pola súa obra Deter o día cunha flor (Baía)
Narrativa: Xosé Cid Cabido, pola súa obra Unha historia que non vou contar (Xerais)
Tradución: Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, pola tradución da obra O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia)
Teatro: Rubén Ruibal, pola súa obra Delimvois (Xerais/IGAEM)
Mellor traxectoria xornalística: Manuel Rivas
Blog Literario: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas
Institucións: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra