Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do xoves 20

O xoves 20 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

13:00 h. Pregón a cargo de María Canosa.
20:30 h. Presentación de A cova da moura, de Natalia Carou, publicada por Baía Edicións.

Compostela: presentación de Sofía e Salgueiro Maia, de Suso Díaz

O xoves 20 de xullo, ás 20:00 horas, en Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Suso Díaz presenta os libros Sofía e Salgueiro Maia. A liberdade non é unha utopía, editados por Ediciones Liliputienses. No acto estará acompañado por Daniel Salgado.

Gondomar: faladoiro con Bernardo Maiz sobre Amada García e os seus arredores

O xoves 13 de xullo, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13), en Gondomar, terá lugar un faladoiro con Bernardo Maiz arredor da súa obra Amada García e os seus arredores, publicado por Embora.

María Reimóndez: “A literatura é un medio moi poderoso”

Entrevista a María Reimóndez en Atlántico Diario:
María Reimóndez presentou o seu último libro, Corredora, na caseta de Xerais, acompañada por Ramón Nicolás. Conta a historia de superación de Genet Mullugueta, unha moza etíope que atopa no atletismo unha vía de escape. “É ficción, aínda que baseado en circunstacias que acontecen na realidade, por unha banda a tradición atlética que existe en Etiopía que é a saída da pobreza para moitos, e por outra presento a vida das nenas e das mulleres coas que traballamos dende Implicadas”, apunta.
Volveu a escoller unha temática sensible á concienciación cidadá, aínda que ésta non sexa o seu primeiro obxectivo: “Este libro como os outros é literatura, forma parte do discurso público que pode crear un espazo para a reflexión na procura dunha alternativa ou seguir cos valores establecidos; eu escribo dende a óptica feminista e fago pensar para despois actuar, pero non deixan de ser historias; mais a literatura, se está ben escrita, é un medio moi poderoso porque pode chegar pola vía emocional”.
Neste caso, Reimóndez conta a traxectoria dunha moza pobre, Genet, pertencente a unha extracto social que coñece de primeira man: “É imposible dicir cal é a situación das mulleres en Etiopía, o mesmo que non se pode determinar en Galicia, depende dos recursos ou da formación de cada unha; coas que estivemos traballando en Implicadas atópanse nunha situación de pobreza e marxinación social, xa que o país está sometido a moita presión internacional e está sendo explotado economicamente por unha ditadura da que non se fala”. Neste contexto, Reimóndez destaca o esforzo que fan estas mulleres por cambiar as súas comunidades, a través do consenso. (…)”