Páxina actualizada diariamente. Visitas recibidas (desde 12/04/2007):

Novo número de Foeminas (Revista Virtual de Xénero)

30 maio 2008

Xa está disponíbel o número 27 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.

Compañeiros/as da AELG:

16 maio 2008

Coa intención de facerlle fronte á globalización e dado que semella posíbel a revitalización e repoboación do noso agro, propóñovos que entre todos/as recuperásemos o nome dos produtos que nel se daban e quizais se volvan dar. Porque as novas xeracións non saben o que é unha saborosa camoesa ou un delicioso peruco e en troques coñecen a encerada “red winter” e a insípida “golden” que lles venden no supermercado.
Trátase de, ademais de achegar nomes de castes de froitas, verduras e outros produtos do campo, facer cando se crea necesario unha pequena descrición, resaltar as súas características.
Tamén sería interesante saber particulares tratamentos ou embutidos non comúns da carne do porco ou doutros animais.
Fundamental, como no resto das palabras con memoria, é poñer o lugar de escoita.
Enviade as vosas achegas ao e-mail da sección: palabra.con.memoria@aelg.org
Podedes ver aquí a colleita de palabras con memoria a día de hoxe. Espero que esta proposta sexa do voso interese.

Isidro Novo, Vogal da Aelg en Lugo.

Número 26 da revista Foeminas

29 abril 2008

Xa está disponíbel o número 26 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.

Xornadas Virtuais da AELG sobre Manuel Curros Enríquez

17 abril 2008

A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a As-Pg en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galiza, abren o prazo de matriculación para as Xornadas Virtuais sobre Manuel Curros Enríquez, un curso de Formación a Distancia en liña para os docentes de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato que permitirá ao profesorado interesado na didáctica da Lingua e Literatura Galega asistir, a través de internet e sen necesidade de se desprazar, a estas Xornadas para as que se tramitou a homologación ante a Consellaría de Educación e Ordenación Universitariapor un total de 20 horas.
Poderán participar así mesmo as persoas que, sen ser docentes, teñan interese na figura deste escritor.
Os Socios/as da Aelg poderán matricularse até o 30 de abril gratuitamente no enderezo electrónico: admin@algarada.net
Máis información na Aula de Escritores da web da AELG.

Lingua de Amor 2008

08 abril 2008

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a IIª edición de Lingua de Amor, o concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico.
Lingua de Amor ten como obxectivo principal dinamizar o uso da lingua galega entre os máis novos en espazos de comunicación habituais para eles como son os correos electrónicos, chats, foros…
Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina Lingua de amor e enviar unha declaración de amor en galego (máximo 350 caracteres). A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.

Preséntase ‘prazadasletras.org’, portal de referencia para a promoción do libro galego e a lectura

14 marzo 2008

«A Consellaría de Cultura e Deporte presentou hoxe o portal en Internet PrazaDasLetras.org, un proxecto creado para ser o referente do libro galego en Internet. Este portal web integra toda a información relacionada co sector do libro e nace para converterse na ferramenta de referencia para coñecer e complementar as campañas e as políticas de fomento da lectura e promoción do libro que desenvolve a Consellaría. [...]» (Consellaría de Cultura e Deportes)

Galicia Encantada cumpriu 3 anos na Rede

10 marzo 2008

«Galicia Encantada cumpríu tres anos o pasado 5 de marzo. Un trienio de traballos moi ben recompensados polo número de visitas recibidas e polo constante incremento de colaboradores.
A todas e a todos o noso agradecemento e o noso desexo de seguir construíndo entre todos esta república virtual onde convivimos os que amamos a mitoloxía e a literatura orais tradicionais.

Nestes meses incrementamos as seccións, participamos en numerosos encontros, divulgamos contidos, mudamos estética, creamos unha revista de investigación, incorporamos á páxina de inicio información sobre os últimos documentos incorporados e cada día, na medida que o permiten os nosos escasos recursos tentamos mellorar as propostas da web.

Recentemente incorporamos a “Mediateca”, nova sección que, polo de agora, presenta audios dunha colaboración sobre contidos da web que se emite os xoves no magazine da tarde da Radio Galega.

Queremos facer público o noso agradecemento a todas e a todos, e perdirvos que sigades axudándonos a mellorar día a día.

Moitas grazas. Saúdos de Manuel Fernández Prado (Lugonet), coordinador técnico, e de Antonio Reigosa, coordinador de contidos.
© 2007 | Galicia Encantada.com»

Número 24 da revista Foeminas

13 febreiro 2008

Xa está disponíbel o número 23 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.

Certame de microrrelatos eróticos ‘Ferve a Rede’

13 febreiro 2008

Vieiros convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, un concurso online de textos de temática erótica, en galego e cunha extensión máxima de 550 caracteres. Os relatos poderán enviarse dende o 11 de febreiro e até o 10 de marzo, e o gañador será decidido e
anunciado o 17 de marzo por un xurado escollido polo xornal. Os textos poden enviarse dende a propia páxina do concurso e cada autor pode presentar un máximo de tres orixinais. (Vieiros)

AELG Editora publica a Revista das Letras do xornal Galicia-Hoxe

08 febreiro 2008

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) vai publicar na súa editora virtual o suplemento literario “Revista das Letras” do xornal Galicia Hoxe. Os números atrasados do suplemento irán aparecendo ao longo deste ano.
A Aelg, alén de animar incesantemente a escribir, asume o compromiso real de se converter a través da súa editora virtual que as novas tecnoloxías nos ofrece, na difusora da literatura dos nosos creadores/as, en especial daqueles que inician o seu mergullo na arte da palabra, como experiencia lúdica ou con vontade vocacional.
Incrementar a presenza do idioma galego na web, brindarlle aos novos da nosa literatura un medio sinxelo, doado e de grande difusión para se dar a coñecer, ofrecer ao público lector un contorno en que achar literatura de calidade no noso idioma e onde poida coñecer en primicia a obra de novos valores creativos son algúns dos obxectivos primordiais que moveu a asociación a crear a súa editora virtual. (AELG)

Premio Concepción Arenal 2008