“O galego do exterior, protagonista dun recital en Ribadeo”

Desde Sermos Galiza:
“Dentro das actividades de verán dedicadas á historia, cultura e lingua da Comarca do Eo, a Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza a quinta feira, día 24, ás 19 h., un recital poético nas escaleiras do parque de San Francisco, en Ribadeo, en que o protagonista será o chamado galego exterior.
E é que a agrupación empraza as persoas participantes, que só terán que se apuntar a través deste enderezo de correo electrónico, a recitar poemas de escritoras e escritores da zona Eo-Navia, ou mesmo de León. “Queremos que poetas como Quique dos Roxíos, Héctor Acebo, Viqui Veiguela, Crisanto Veiguela Martins, Aurora García Rivas, Moisés Cima ou Xavier Frías Conde sexan tamén coñecidos na marxe esquerda do río Eo, e que todos e todas poidamos gozar coas súas composicións”, sinala a entidade que preside Dores Fernández Abel.
Aliás, algúns deses versos xa poden ser lidos estes días en varandas do centro da vila de Ribadeo, dentro da actividade Palabras no Balcón.”

Ribadeo: presentación de Atravesar o fantasma, de Carlos Callón

OCarlos Callón luns 11 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Casa das Letras de Ribadeo (Rúa Rodríguez Murias, 8), preséntase o libro Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, publicado en Xerais, nun acto organizado pola A. C. Francisco Lanza.

Ribadeo: actos destacados do sábado 19 e domingo 20 na Feira do Libro

O sábado 19 e domingo 20 de xullo finaliza a Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

Sábado 19
13:00 h. Presentación de Caderno de viaxe. A Mariña, con Luz Pozo e Eduardo Baamonde.
18:30 h. Presentación do álbum ilustrado 3, 2, 1…, de Pepablo Patiño e Dani Padrón, publicado por Edicións Embora.
19:30 h. Presentación do libro disco Brinca vai!, de Paco Nogueiras, con ilustracións de David Pintor, publicado por Kalandraka.
20:00 h. O escritor Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, na caseta da Libraría Cartabón.

Domingo 20
19:30 h. Presentación do libro Salseiros, do escritor e actor Suso Lista, publicado por Edicións Embora.
20:30 h. Presentación do relato O monxe voador, de Farruco Graña, pertencente á obra colectiva Follas de Carballo, publicada pola A. C. Lumieira.
21:00 h. O Grupo de Teatro da Asociación Cultural Francisco Lanza representará a obra O cego, de Daniel Cortezón.

Ribadeo: presentación de Cadernos Ribadenses. Especial Letras de Ribadeo

Este novo número dos Cadernos Ribadenses tenta ser unha mostra do querer literario da xente que vivimos neste curruncho ou que temos relación con el. Nel hai traballos de escritores e escritoras recoñecidos xunto con outros que teñen pouco publicado ou mesmo nunca o fixeran, e aos que animamos a darse a coñecer participando nesta publicación. Tamén fan a súa achega desde o mundo da ilustración e da fotografía persoas vinculadas dun ou doutro xeito a Ribadeo e que gozan xa de notoria experiencia no mundo da imaxe.
Con poemas ou relatos curtos colaboran Eva Moreda, Iván Reymóndez, Celia Castro, Tania Penabad, Alba López, Toni Deaño, Farruco Graña, Víctor Villar Caamaño, Paloma Díaz, Carmen Rodríguez, Arturo Mogo, Rosa Mª Saborido, Primi Nécega, Silvia Murias, Xosé Carlos Rodríguez Rañón, Pablo Villapol e Xavier Rodríguez Baixeras. Roberto Martínez (ilustración) e Javier Peña Monjardín, Belén Pérez Teijo, José Mª Álvarez e David Ribas Pena (fotografía) poñen imaxe a este Especial Letras de Ribadeo.

Marica Campo recibirá homenaxe da AELG no seu Incio natal

Desde Sermos Galiza:
“O Incio é o concello escollido pola propia Marica Campo para que os seus compañeiros e compañeiras das letras lle rendan homenaxe outorgándolle a letra E que vencella a quen recebe o tributo coa súa terra. Alí naceu Marica Campo e alí volvía nos inesquecíabeis veráns no Val do Mao que a escritora lembra como “un espazo para a liberdade e as aventuras infantís. Dese tempo, son as “mil e unha trasnadas” protagonizadas polas sete irmáns máis o irmán e un curmán que compartían xogos de verán.
Naceron alí tamén os primeiros escritos dunha autora que conta xa cunha ampla e recoñecida bibliografía na que visita diversos xéneros, da poesía á narrativa, pasando polo xornalismo ou o ensaio. “Eu, xa de moi nena, escondíame nun pombal que había no fondo da horta para escribir historias que me inspiraban as cancións que escoitaba na radio ou no gramófono ao que lle había que dar manivela”, lembra no seu relato autobiográfico recollido na propia páxina da AELG da escritora que é tamén autora de numerosas letras de cancións.
Humoristas Bos e Xenerosos
Xosé Lois, “O Carrabouxo”, Pepe Carreiro, Xaquin Marín, Siro López e Gogue son, para a AELG, os Bos e Xenerosos desta edición do 2013, cinco humoristas gráficos que recollerán de forma colectiva o galardón anual das persoas protagonistas da literatura. En canto ás institucións, o galardón da entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias decidiu recoñecer o traballo das asociacións culturais nacidas nos anos setenta e oitenta. O Galo de Compostela, O Facho e Alexandre Bóveda da Coruña, Auriense de Ourense, Lumieira de Carballo, Medulio de Ferrol e Francisco Lanza de Ribadeo son as agrupacións que naceron con vontade de difundir e apoiar a cultura galega e que despois de máis de catro décadas continúan en activo.
Confirmouse tamén o Premio AELG 2013 á Escritora Galega Universal para a portuguesa Lídia Jorge e sumou un novo galardón, o de Mestres/as da Memoria que premiará a informantes da literatura de tradición oral que contribuíran de maneira decisiva a recuperar o noso patrimonio.
Galeusca en Pontevedra
A AELG será desta volta a anfitriona do convívio entre as literaturas catalá, vasca e galega que cada anos ten lugar nunha das tres nacións. Á asociación galega decidiu que esta trixésima edición que lle toca organizar terá lugar na cidade de Pontevedra no mes de novembro e estará dedicada á literatura infantil e xuvenil.
Finalmente, a asemblea da AELG aprobou renovar o anterior Consello Directivo incorporando ás escritoras Rexina Vega e Alicia Fernández.”