Manifesto na defensa das editoras en galego

«E hoxe –mentres os ladros de ilusións e normalidades reclinades as vosas cabezas nos acolchados diváns, a golpe elástico do tirante de don Celidonio– tócanos pór a man no peito e escoitar o latexo da máquina comunitaria, con sinceridade e dor ao unísono. A nosa vida comeza a fallar, o motor de arranque axustouse ao trebello pero este non carbura: a explosión na buxía cultural apenas sincroniza co avance das mentes políticas, baixa o pistón e a biela non se move.
Prefire don Celidonio –man no bandullo– as empresas de lonxe, e os nosos artesáns da escrita perden medios de difusión,… Pecha o papel de prensa en galego, botan o fecho tamén algunhas editoras (A Nosa Terra liquida as súas existencias, as nosas re-existencias dende a memoria e a certeza), outras mantéñense sobre o arame –temerosas– e debaixo non hai rede para illalas do baleiro. Actrices e actores piden “cidades para a cultura”, músicos e artistas buscan papel e partitura para as súas voces. Non baixa a claqueta do cinematógrafo nin se ergue o pano, non se respectan as vangardas musicais de noso e tampouco o folclore do país. Unicamente ouvimos riseiras, gargalladas e arroutos dende as gorxas que engolen a nosa voz sen atragoarse.
Xa sopra sen buguina o verso desacougante de Espiral Maior. De momento fica en puntos suspensivos a súa existencia, coma a de tantas outras casas editoriais. Mais,… quedarán xanelas para a esperanza? Cando deixarán de nos roubar o brillo e a fachenda? Cando? Cando a cor do horizonte será nosa na liña dun verdadeiro “progreso”?
Don Celidonio “ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón”,…
Quen é capaz de comprender a historia da lírica galega dos últimos vinte e cinco anos sen esa espiral de autoras e autores? Sen ese labirinto de títulos e ese mosaico de estrofas e versos libres? Libres,… libres sodes para nos exterminar, para nos sacardes o pan da boca e darllo ao que máis devora e infla o bandullo. Libres,… libres sodes para nos introducir nun role-playing game no que non haberá vítimas humanas –iso coidamos– pero do que nacerán cadáveres entre as primaveras de Cunqueiro.
Quen entende o ensaio de ideas sen Laiovento e o ensaio histórico sen Toxosoutos? Quen entende Galiza sen ducias de editoras que dan vida ás alfaias de novo, dignas herdeiras –logo así– do ronsel deixado por Céltiga, Lar, Nós,…? Quen saborea dozura cando esas e outras enormes “pequenas” casas poderían fechar mañá as súas cancelas? E coas librarías, canles polas que conseguimos o mel literario? Estamos de rebaixas,… ou en LIQUIDACIÓN por peche? Deberase preguntar en “industria”, en “cultura”, en “lingua”, no INEM,… Igual son eles os nosos xefes e nós non nos decatamos,… Igual a patronal ideou a deslocalización da nosa cultura para chantala sen regadío no país de ningures.
Don Celidonio “é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza”.
Continúase co peche do círculo, co peche de ciclo, co cadeado e co grillón que nos resta pés para andar por camiño seguro e vieiros de antano,… polas liñas da certeza e do acerto, polos versos do compromiso e da lealdade a este recuncho do Atlántico, baluarte da nosa historia e da nosa identidade. Perdón, desculpen logo,… sentímolo moito, mais por aquí non rendemos preitesía, nin bicamos mans, nin pousamos o xeonllo en terra para sacarmos o chapeu e saudar ao amo… A reverencia só é para a Palabra, que se verte libre en torrente e manancial de saúde dende o maxín até a tórculo, dende a man que comeza a escrita até a letra impresa. Só guindamos caraveis á lingua de noso, á voz de antano, ao namoro do galego, ao amorodo nos beizos ao saborear os 150 anos dos Cantares de Rosalía.
Don Celidonio: “adubo de ourego e pemento”.
Queremos medios para sermos nós, e non medos, nin remendos, nin remedios,… Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres. Queremos ser núcleo e cerna, trabe e alicerces do paraíso comunitario, e escorrentar de vez os que non aman esta Terra porque non a senten dende as veas e dende o peito,… Hai pantasmas no castelo e nós non temos medo.
Seredes culpábeis dos vosos actos.
Seredes responsábeis de abrir a gabia e o nicho.
Seredes furtivos da palabra, homicidas da linguaxe e ladróns. Iso, ladros e ladras da alma comunitaria.
Seredes o que hoxe sodes e do que mañá quizabes vos arrepentiredes.
Seredes,… E por iso para nós non sodes presuntamente inocentes.
Seredes,… unicamente fedor, fenda e ferida; loito, pranto e inxustiza.»

Marzo de 2013, cumpríndose 90 anos de ser elixido Afonso D. Rodríguez Castelao como Director Artístico da revista Nós e a 80 de se crear –xunto con Vascos e Cataláns– o pacto Galeusca.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Nosa Terra pecha definitivamente

«A edición dixital de A Nosa Terra finalizou o pasado venres 23 de setembro, e con ela remata unha época: a dunha cabeceira recuperada en 1977, coa chegada da democracia. En xullo, a Xustiza decidira a liquidación definitiva de Promocións Culturais Galegas, a empresa que mantiña tanto o semanario como a edición dixital e a editorial. «Ninguén agardaba», sinala o editorial do medio dixital, «que esta xeira de A Nosa Terra que comezara en 1977 fose tan longa e frutífera». Fontes da empresa aseguraron que o fondo editorial de Promocións Culturais Galegas -unha histórica do sector cultural en Galicia- seguirá vivo nas librarías durante dous anos: o Consorcio Editorial farase cargo da distribución e do manexo dos dereitos e os autores que editaron con eles pasarán a controlar de novo os dereitos de reedición das obras que publicaran con esta editorial.» Vía Cultura Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Francisco Castro: ‘Cómpre un 15-M dos consumidores de medios de comunicación’

Entrevista a Francisco Castro en A Nosa Terra:
«- A Nosa Terra (ANT): Na contracapa do seu libro fala de parodia da novela negra mais In vino veritas parece máis unha deconstrución do xénero policial onde o cerne é a crítica social, especialmente contra a televisión.
- Francisco Castro (FC): Comparte coa maioría dos meus libros ese factor de crítica social. Eu creo na literatura como ferramenta de evasión pero tamén como xeito de falar do mundo. Quería ser explicitamente crítico cos medios de comunicación e cos consumidores de determinados contidos televisivos. Pero tamén é certo que quixen facer parodia do xénero negro. Non son un grande afeccionado á literatura negra pero apetecíame xogar coas estritas normas do xénero, de aí que encabecen os capítulos os puntos do decálogo de Raymond Chandler sobre a literatura policial. (…)
- ANT: Galiza ten unha excelente canteira de escritores para nenos e mozos. Na actual conxuntura de recortes educativos, é posíbel que se perda o mercado dos máis novos e haxa menos títulos?
- FC: Existe unha enorme e triste dependencia do sistema de ensino. Precisamos un mercado pleno e autónomo coma o catalán. Esta valoración serve para o audiovisual ou para a prensa en galego, con lixeiros matices. O noso problema como cultura é que mentres a nosa produción cultural é de primeira división a todos os niveis e conseguiu normalizarse como expresión dunha identidade galega, o país como sociedade non é normal. Os que producimos cultura: escritores, editores, músicos, cineastas, actores, xornalistas… somos heroes porque a entrega e o esforzo non están pagos, porque a recompensa económica e social é exigua. Podemos botarlle a culpa aos poderes e á forza da cultura do Estado pero ás veces estrañas maior atención daqueles que para outras cousas si se senten identificados coa cultura propia. Se os que se senten desgustados cos ataques ao galego consumisen os produtos en galego teriamos unha cultura sustentábel e digna.
- ANT: A pesar dese heroísmo, na literatura o 90% do que escriben os nacidos en Galiza está en galego. Non sería máis lóxico escribir na lingua do comercio?
- FC: E o que é máis importante. Os que temos 45 anos ou menos non chegamos á literatura como militantes ou para cubrir un oco ou para continuar as tradicións temáticas e literarias da Tradición. Non, chegamos á escrita porque queremos facer literatura, sen máis etiquetas. Eu non fago literatura galega, fago literatura, que é galega porque eu son galego e o idioma de Galiza é o galego, nada máis. Esa postura «profesional» diante da escrita convértenos en escritores moi modernos, á altura dos nosos colegas en calquera parte do mundo. Eu quero que cando me traduzan un libro, o lector sinta ese texto como propio, que se identifique cos personaxes e a historia, non que faga unha lectura «etnográfica». Non me parece casual que sexan os autores infantís e xuvenís os primeiros que consguiron ser traducidos masivamente. (…)».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Carlos Callón: «Hai moito por descubrir na Idade Media galega»

Entrevista a Carlos Callón en A Nosa Terra:
‘(…) – A Nosa Terra (ANT): Na fiinda do libro [Amigos e sodomitas] repara en que na investigación histórica moitas veces o máis complicado é crebar inercias e preconceptos para poder «ver» a auténtica realidade.
- Carlos Callón (CC): Ese exercicio é moi necesario. Ao preparar esta obra encontreime con que había unha falsificación da historia da sexualidade e unha falsificación da historia de Galiza. A documentación é clara sobre determinados asuntos pero moitos estudosos obvian o que ven e impoñen o seu criterio. E por iso se silencia a loita da nobreza galega por maior independencia no reinado de Afonso X de Castela –con Estevan de Castro á cabeza, acusado de sodomita– ou se traduce sistematicamente a Gallaecia dos textos por Reino de León.
- ANT: Tendo en conta esas carencias da historiografía, hai moito por descubrir na historia de Galiza?
- CC: Hai moita descubertas por facer para os historiadores da Idade Media galega. Aínda hoxe pesa máis a ideoloxía que o rigor académico e iso fai que as conclusións históricas sexan falsas. No caso de Amigos e sodomitas xa houbo críticas poñendo a pedir pan o libro tres meses antes de que fose editado. Curiosamente, neste intre vemos que os estudos históricos minorizados, marxinados nos grandes centros de estudo, son os que meirande rigor académico teñen. (…)
- ANT: O roubo do Códice Calixtino alertou sobre a situación do noso patrimonio medieval.
- CC: Está caendo a cachos. Os documentos ou están sen coidados como no caso do códice ou foron levados para Madrid, caso do Tombo de Celanova. O caso desoutro códice tamén é interesante. A pesar de ser unha fonte documental fundamental da Galiza medieval tivo a súa primeira edición na década do 1990 e dixitalizouse, en fotos, hai só uns meses. Pero estes casos son simbólicos do que pasa co románico ou con outras mostras históricas ou artísticas, abandonadas, sen protección pública, ao coidado de institucións que non o resgardan senón que simplemente o patrimonializan.’

Chuzame! A Facebook A Twitter

Marga do Val: «Sen lingua, somos seres sen patria»

Entrevista a Marga do Val en A Nosa Terra:
«- A Nosa Terra (ANT): A patria é a lingua?
- Marga do Val (MdV): Si, sen ningunha dúbida. A lingua é a pel coa que crecemos. A patria vai connosco a todas partes: corpo/ casa no corpo/ espazo portátil. A patria de Thomas Mann vive na Montaña Máxica, é a Montaña Máxica. É a lingua. Tamén era así para Lois Tobío, e é así para min. A súa liberdade está na miña liberdade. Os e as sen lingua son seres despatriados. E iso é o que pretenden facer, «despatriarnos», atentar contra a nosa verdadeira identidade. Esta é unha das armas e trampas do fascismo: desposuírnos da lingua, da patria. Por iso no exilio podemos seguir tendo a patria, como Mann ou como Tobío. A lingua é refuxio e esperanza de liberdade mesmo nos campos de concentración nazis, como lle acontece ao protagonista de A lingua secreta, a impecábel novela de Xesús González Gómez. (…)
- ANT: Vostede traduciu a novela da Premio Nobel Herta Müller Randea do alento, publicado por Xerais, e o libro no dicir da crítica respira en galego. A AELG premiouna como a mellor tradución do ano.
- MdV: Traducir esta magnífica novela de Müller foi un agasallo do que aprendín moito. Un traballo intenso no que me peguei moito ao texto e no que pretendín ser leal e fiel á escrita e as intencións da autora. De Müller e da súa escrita gústame a súa reflexión sobre a linguaxe que se pode ler nalgúns dos seus ensaios, na súa narrativa ou na poesía, está reflexión materialízase e Randea do alento é un libro sobre a fame que habita nas palabras coas que hai que sobrevivir nun campo de traballo e despois do campo. Herta aprendeu ben cedo que «a memoria pode desaparecer, a verdade nunca». O que non pode dicirse pode escribirse e así se enfrontou a esta historia de silencios, nun tempo non que non se podía falar do pasado fascista de Romanía. Do poeta Oskar Pastior, cuxa morte impediu a escrita conxunta desta historia, recibiu a súa experiencia no campo e entre outras múltiplas imaxes a palabra alemá Atemschaukel, que elixiu para título. Por lealdade, a tradución debía manter ese título que é literalmente Randea do alento. Moitas imaxes vangardistas creadas por Oskar e por Müller debían respirar en galego coa ruptura e a forza coa que naceran en alemán, así a cara de lebre que vai aparecendo na cara cando se adoece de fame, no tempo da pel nos ósos, debe permitirnos ouvir en galego lebreouhdor, como un berro múltiplo e coral. Na tradución había que ser leal á escrita, ás imaxes, á lingua de exilio de Müller e da colectividade alemá que vive en Romanía, con palabras nacidas e crecidas nesa colectividade. Mais tamén cumpría ser leal á lingua dos maiores que herdamos e aquí é onde me permitín como licenza algunhas «desviacións da norma», e fun para o val da Louriña e o Baixo Miño, en moitos aspectos léxicos mais tamén me deixei contaminar en homenaxe á literatura galega por herbiñas doutros libros. O alemán de Müller paréceme moi galego e a fome do libro era moi semellante á que me contara un vello veciño que andara pola neve de lonxe coa División Azul, algo sobre o que estou escribindo e que tamén é unha especie de tabú.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

Publicacións Galegas recupera na rede a Revista Nós, A Nosa Terra e A Fouce

‘O blog Publicacións Galegas recupera na rede a Revista Nós, os xornais A Nosa Terra e A Fouce e outras publicacións como Terra, Alento, Guieiro e Rexurdimento),que irá recollendo en PDF.
«Hoxe en día a rede é a principal fonte de información para moitos de nós, non obstante, por moito que un busque, non atopa moitas cousas que deberían estar na rede dende hai ben de tempo, entre estas cousas, atópase a Revista Nós, ou os xornais A Nosa Terra ou A Fouce. Sorprende que non se poida consultar esta excepcional revista, exceptuando algún artigo en concreto, con todo o que supuxo para a nosa cultura», explican os creadores do blog no mesmo.’ Vía Galicia Hoxe. Tamén en Cultura Galega.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O Rafael Dieste máis antifascista, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en A Nosa Terra:
«En Mirador, no número 417, correspondente ao 22 de abril de 1937, é dicir, baixo a éxida PSUC, aparece publicado un artigo de Rafael Dieste na sección Les lletres. Nesa entrega, con protagonismo na cuberta a unha homenaxe ao líder comunista alemán Ernst Thaelman, os destaques á lectura eran os artigos que non interior ofrecía a revista de man de Jean Cassou e o propio Dieste xunto a unha declaración do escritor Thomas Mann a prol da República. A colaboración, que transcribimos en galego titulouna Feixisme i cultura nacional, cun subtítulo de A propósit del Casal de la Cultura. Toda unha reflexión persoal sobre a natureza dos fascismos implantados en Europa nos anos 30 (…)».

Chuzame! A Facebook A Twitter

Eva Moreda: «Desaproveitouse o capital dos emigrantes retornados»

Entrevista a Eva Moreda en A Nosa Terra:
«- A Nosa Terra (ANT): Chama a atención que nunca fale de lingua galega ou Galiza/Asturias. Sempre usas «como dicimos alá»… Por que esa decisión?
- Eva Moreda (EM): Houbo varios motivos. En primeiro lugar, escribín toda a novela [A Veiga é como un tempo distinto] coa Veiga, a vila onde nacín, na mente, aínda que a Veiga real non coincide exactamente coa Veiga novelada. Pero, obviamente, A Veiga non é administrativamente galega, e penso que podía causar confusión no lector que os personaxes se referisen a Galicia como o seu país de orixe cando, en sentido estrito, non o é. De feito, moita xente aínda se estraña de que, tendo nacido en Asturias, escriba en galego, porque ignoran totalmente que o occidente de Asturias é galegofalante. Pero tampouco quería meterme a fondo co problema do Eo-Navia, cultural e lingüisticamente galego, administrativamente asturiano; aínda que é un tema que me interesa moitísimo, non era esta novela o lugar no que desenvolvelo polo miúdo. Máis que perderme en debates deste tipo, quería presentar A Veiga como un posíbel trasunto de tantas vilas galegas dos 60 e 70 que sufriron a emigración.
- ANT: Vostede que algo coñece Londres, pensa que queda algún vestixio da presenza galega alá?
- EM: Aínda quedan moitas cousas. O Centro Galego, as clases de galego para fillos de emigrantes no colexio Cañada Blanch, nomes de tendas e de negocios que te sorprenden porque a referencia a Galicia é evidente… Logo está a xeración dos que chegamos nos últimos 15 anos, que xa ten un perfil totalmente distinto e na que si que eu vexo unha vontade de facer país desde a distancia.
- ANT: Que futuros proxectos literarios enredan arestora a Eva Moreda?
- EM: Agora mesmo estou enleada con literatura infantil, ou infanto-xuvenil. Non me resulta moi fácil, porque non teño fillos, nin sobriños, nin son profesora de Primaria ou Secundaria, pero intrígame explorar se son quen de escribir algo para este tipo de lectores. Sobre todo para a franxa de idade de 12 ou 13 anos, que é unha idade moi desconcertante. Tamén teño un par de borradores de novelas para adultos nos que me gustaría seguir traballando, pero a miña prioridade agora é a literatura para os máis novos.»

Chuzame! A Facebook A Twitter

‘O consulado en Catalunya de Costa Clavell’

Análise de Xesús González Gómez sobre Xavier Costa Clavell en A Nosa Terra.

Chuzame! A Facebook A Twitter