Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 2

Do 1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”

As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 2 son:
11:30 h. Espazo Libro. Presentación do XXXVII Caderno Ramón
Piñeiro. Carlos Casares: Homenaxe
. De Amicitia. Secretaría Xeral de Política Lingüística, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Interveñen: Valentín García Gómez, Christian Casares Berg, e Xosé Luís Cochón Touriño e Luís Alonso Girgado, coordinadores do volume.
11:30 h. Espazo Carpa. Portugal na Culturgal. O Conto das três nozes que eram romãs, que eram maçãs, que eram…. Camões Vigo. Co grupo de teatro amador en portugués Eu.Experimento.
12:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Derrubando muros con pintura. Concello de Carballo. Presentación do libro con Xosé
Regueira, concelleiro e Maite Parga, técnica.
12:00 h. Sinaturas de Eduardo Santiago e Fernando M. Cimadevila. Stand de Urco.
12:30 h. Espazo Libro. Presentación das novas obras ilustradas dos libros de María Victoria Moreno. A brétema e O amor e as palabras. Urco Editora. Con María Montes, ilustradora, David Cortizo e Andrea Jamardo, da editora, e Xavier Senín, asesor editorial.
13:00 h. Espazo Libro. Presentación de Uxía-O. Uxía canta a Uxío, un proxecto da Fundación Uxío Novoneyra apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais pola Deputación de Lugo. Interveñen: Valentín García Gómez, Uxío Novo, secretario da Fundación Uxío Novoneyra, Pilar García Porto, deputada de Cultura de Lugo, Uxía, cantora, e Niko Alvarellos, editor.
13:00 h. Sinaturas de Eli Ríos, Eva Agra e Carlos Quiroga. No stand de Urco.
13:45 h. Espazo Libro. Portugal na Culturgal. Lectura co escritor João Tordo.
16:00 h. Sinatura de Mercedes Queixas e Paula Pereira do novo libro Xandra, a landra que quería voar. No stand de Urco.
16:30 h. Espazo Libro. Portugal na Culturgal. Conversas Nortear. Secretaría Xeral de Cultura e Direção Regional de Cultura do Norte e AECT. Con
Portugal como protagonista na décima edición de Culturgal, as Conversas Nortear propoñen un diálogo entre as literaturas galega e lusa con dous recoñecidos escritores das dúas beiras do Miño, Miguel Sande e Virgínia do Carmo.
16:30 h. Espazo Carpa. María Fumaça. Presentación do Quinto Aniversario. Galaxia. Sonárbore.
17:00 h. Espazo Foro. Rosalía Total, produto & cultura. Con Galiestampa e byKoala. Participan: Francisco Barberá, director-xerente de byKoala, Irene Silva, creadora desta liña de souvenirs, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
17:00 h. Espazo Infantil Deleite. Contacontos ilustrado Serie GLIZ. Con Anxo Fariña. Xerais.
17:00 h. Sinatura de Cris Pavón: Limiar de conciencia. No stand de Urco.
17:30 h. Espazo Foro. Invisibles. De homes e mulleres. De maltratadores e torturadas. Concello de Pontevedra. Con Montse Fajardo, autora, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura.
17:30 h. Espazo Libro. Um elefante no armário. Presentación con Teresa Moure, autora, e Armando Requeixo, crítico. Através Editora.
18:00 h. Espazo Foro. «Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas». Secretaría Xeral de Cultura. Os profesores Pilar Lorenzo e Carlos Villanueva explican a singularidade do Pergamiño Vindel nas súas dimensións literaria e musical.
18:00 h. Espazo Libro. Luzes. Presentación número da revista con Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro.
18:00 h. Conversa entre Ramón Caride e Jorge Emilio Bóveda. No stand de Urco Editora.
18:30 Espazo Libro. Conversa con Ledicia Costas ao redor de A señorita Bubble. Xerais. Coa xornalista Teresa Cuíñas. Ao remate, sinatura da obra no stand de Xerais.
19:00 h. Espazo Libro. Poesía galega ao abeiro de Tambo. Kalandraka Editora. Cos poetas Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Lucía Novas, Isaac Xubín e por parte da editora, Paz Castro.
19:00 h. Aulas. Portugal na Culturgal. Encontro entre representante de Correntes d’Escritas em conversa com Asociación Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Direção Regional de Cultura do Norte.
19:00 h. Sinatura de obras de Elena Gallego Abad no stand de Xerais.
19:00 h. Sinatura de Manuel Miragaia: Galeguia. Chiado Editora. No stand da Libraría Pedreira.
19:30 h. Espazo Libro. Conversa entre María Solar, autora de Os nenos da varíola, e Luísa Martínez e Marta López, do CSIC Galicia. Galaxia.
19:45 h. Espazo Infantil Deleite. Gombó. Edicións Fervenza. Dramatización do conto Gombó e o medo á escuridade. Con Ánxela Gracián, autora, Christian Villamide, ilustrador, e Armando Requeixo, escritor e crítico.
20:00 h. Espazo Foro. Presentación da Semana do Libro de Compostela (Selic). Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.
20:00 h. Espazo Libro. Conversa con Santiago Lopo, autor de A arte de trobar (Premio Xerais de Novela) e Manuel Lourenzo González, autor de Ceiba de Luz (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil). Coa xornalista Teresa Cuíñas. Xerais.
20:00 h. Sinatura de Adrián Morgade e Pedro Feijo, no stand de Xerais.
20:30 h. Espazo Foro. Presentación dos tres primeiros títulos de Aira Editorial. Participan César Lorenzo Gil, Samuel Solleiro, Estíbaliz Espinosa, Jorge Campos e Xosé Miranda.
20:30 h. Espazo Libro. Conversa con Pedro Feijoo ao redor de Os fillos do lume. Xerais. Coa xornalista Teresa Cuíñas.

Ledicia Costas reivindica en A señorita Bubble o papel da muller na ciencia

Artigo de Xesús Fraga sobre o novo libro de Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“Unha inventora que tanto embotella bágoas como fai medrar bastóns de caramelo que saben a ceo. É a protagonista do novo libro de Ledicia Costas (Vigo, 1979), A señorita Bubble (Xerais), unha muller que representa as dúas caras da excentricidade: ao mesmo tempo que engaiola coa súa personalidade e artefactos as irmás mozas Noa e Sofi, tamén é vista pola veciñanza con receo e mesmo xenreira. ¿Por que? «Porque é unha muller solteira, viste distinto, ten modais británicos e é un tanto estrafalaria», enumera a autora. A señorita Bubble encarna, xa que logo, a saudable necesidade de desafiar as convencións e os estereotipos e o máis necesario hábito de cultivar o respecto con quen é diferente.
A protagonista préstase a máis lecturas alén das estritamente narrativas. Co seu personaxe Ledicia Costas quixo «darlle unha volta a ese concepto, ese estereotipo do inventor home». A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, tantas veces silenciado historicamente, e aínda hoxe descoñecido ou escamoteado recoñecementos.
Esa calidade extravagante da inventora -traducida a imaxes no libro por Andrés Meixide- achégaa a personaxes en coordenadas semellantes. O nome de Willy Wonka é o dos primeiros que acode ao maxín, pero Costas tamén cita a Eduardo Manstesoiras (outro personaxe da novela chámase Vincent en homenaxe ao creador do protagonista da película de Tim Burton): ambos, como a señorita Bubble, reclúense e prefiren vivir tranquilos, afastados dunha sociedade que os trata cunha mestura de desprezo e medo. No caso da peculiar científica, isto faise evidente en como a alcuman: de meiga a caníbal e comenenos. (…)”

Ledicia Costas: “A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, historicamente silenciadas”

Entrevista de Romina Bal a Ledicia Costas en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que a Señorita Bubble?
– Ledicia Costas (LC): Quería darlle unha volta ao estereotipo do inventor home. A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, historicamente silenciadas en incontables ocasións. No plano narrativo quería que esta inventora fose unha muller estrafalaria, dotada dunha intelixencia extraordinaria, que tivese intacta a capacidade de soñar, e tamén de facer soñar aos demais. De feito, todo isto é o que engaiola as irmás Noa e Sofi, e ao mesmo tempo, o que provoca o rexeitamento do resto da veciñanza. (…)
– P: N’A Señorita Bubble hai moitas personaxes femininas ademais dela, e entre elas, dúas que chaman especialmente a Buldog e a Caniche desde o punto de vista do xénero. Por que dúas mulleres e caracterizadas así?
– LC: De novo teño que falar dos meus referentes. Hai unha personaxe feminina na historia da literatura que a min me marcou. Sae nun dos meus libros favoritos. Matilda, de Roald Dahl. Falo da señora Trunchbull. Esa mestra de dimensións desproporcionadas que esperta o pavor no seu alumnado. Unha lanzadora de martelo que non ten reparos en agarrar das trenzas a unha nena e lanzala voando polos aires. Co humor como recurso, construín a Bulldog, antagonista da Señorita Bubble, e tamén a súa irmá, a Caniche. A temida bibliotecaria con alerxia aos nenos. Nunha ocasión, sendo eu unha cativa, esquecín devolver un libro na biblioteca da escola e fun castigada sen ler pola bibliotecaria. Con todo isto na cabeza, deseñei estas personaxes, estas dúas mafiosas cheas de carraxe e de odio que son mestras, mais aborrecen a poboación infantil. Caractericeinas así de xeito deliberado. Unha é moi masculina, a outra delicadísima. Creo que de a partir dese retrato pode facerse unha reflexión sobre os estereotipos.
– P A idea fundamental do libro é o medo ao diferente en xeral, hai moito de crítica social.
– LC: Sempre me preocupou a cuestión da diversidade. Amólame que a sociedade rexeite por sistema aquelas persoas que saen do convencional. Imaxino que por iso no libro hai moitos personaxes que son diferentes e non encaixan na norma. A propia señorita Bubble, as irmás Noa e Sofi, Vincent, ese neno cun corazón de ouro… E tamén por esta razón, entre as páxinas desta obra latexan emocións de todo tipo. O lectorado vai atopar momentos en que os personaxes estouran de alegría e outros en que a tristura consegue envolvelo todo. Mais ao final do camiño sempre hai unha luz á que aferrarse. (…)”