A Coruña: representación de Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro

O domingo 11 de xuño, ás 12:00 horas, no Castelo de Santo Antón, o Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda representará Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto. Trátase dun espectáculo conformado por algunhas das obras de teatro breve que nos deixou o noso grande autor mindoniense. Nela, agrúpanse tres pezas que, pola súa disparidade, nos ofrecen unha mostra da versatilidade e riqueza do seu universo creativo. Está actividade forma parte do programa Artes pola Integración.

A Coruña: XX Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

cartaz_iban_2016A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ao chegar o seu Memorial Ibán Toxeiro á súa XX edición, pretende celebralo dun xeito diferente, aínda que complementario a anteriores ocasións. Sempre, o noso Memorial quixo unir a actrices e actores amadores e profesionais nun mesmo escenario, nunha clara homenaxe a un actor que formou parte activa de ambos mundos. Mais esta vez, é a pretensión dos directores da gala, Xoán Carlos Mejuto e Lino Braxe, realizar unha fusión do oficio actoral, tanto amador como profesional, non presentando obras en compartimentos estanco diferenciados, senón abordando a estrea da obra de Álvaro Cunqueiro Romeo e Xulieta, famosos namorados, peza na que participarán actores e actrices profesionais e amadores sen distinción. O grupo de teatro da ACAB, Teatro Valacar e a coral Breogán da ONCE, xunto con actores como Xosé Bonome, Manuela Varela, Pedro Picos, Sabela Hermida, Xosé Vilarelle e outros profesionais da escena, serán os encargados de levar adiante este desafío. Asemade, Teatro Proscrito realizará un fragmento do Edipo de Manuel María.