O Temple, Cambre: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O sábado 30 de xuño, ás 20:30 horas, no Paraugas do Temple en Cambre, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, publicado en Sotelo Blanco Edicións, dentro dos actos sobre o Orgullo GLBT organizados polo BNG e Galiza Nova desta localidade.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011

“Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
- Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
- Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
- Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
- Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
- Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
- Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
- Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
- Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
- Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
- Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
- Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
- Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
- Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
- Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
- Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
- O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
- O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
- Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
- Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
- Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.”

Carlos Callón gaña o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.-Valorar a calidade científica e ensaística dos traballos presentados.
2.-Conceder o XVI PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Tombo de Celanova e co título Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Carlos Manuel Callón Torres, domiciliado en Bertamiráns-Ames.
Neste ensaio o autor reflexiona sobre a problemática da homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico do galego medieval (particularmente as cantigas de escarnio e maldicir) e de textos historiográficos e xurídicos. Analízase con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2011.”

A nova recóllese en Galicia Hoxe, Galiciaé, A Nosa Terra e Cultura Galega.