Antía Yáñez gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2018

Desde Galaxia:
“O sábado 14 na Fundación Barrié de Vigo entregouse o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. A gañadora desta segunda edición foi Antía Yáñez coa novela Senlleiras. A obra narrada dende diferentes tempos, aborda unha custión tan presente ao longo da historia como a violencia contra as mulleres. O xurado, composto por Anxos Sumai, Daniel Asorey, Montse Pena Presas, Xacobe Pato e Antía Monteagudo, valorou que esta novela “conta cun estilo literario moi coidado, que á vez mestura diferentes voces narrativas e fontes diversas, e é capaz de recrear con precisión e profundidade todo tipo de ambientes”. Ademais, subliñan que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”.
Vanesa Santiago, gañadora da pasada edición, fixo entrega a Antía Yáñez dos 3.000 euros cos que está dotado o premio e a escultura da novísima artista pontevedresa Basilisa Fiestras. A escultura, ao igual que o ano pasado, está inspirada na onda que debuxou Xaime Isla Couto para as portadas dos libros da colección Illa Nova, e que está presente tamén no logo do premio. A música púxoa A banda da Loba, un dos grupos con máis proxección da escea musical galega e que está integramente composto por mulleres.
Antía Yáñez (Burela, 1991) é enxeñeira de camiños e na actualidade reside en Cecebre (Cambre), dende onde compaxina a escrita e a ensinanza en obradoiros literarios para rapaces e rapazas coa xestión dunha academia. Entre os premios dos que foi merecedora a súa obra atópanse o Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria en 2013, o Premio de Relatos Curtos Os Viadutos en 2014 e 2017, e o Certame Literario de Poesía e Narración Breve de Cambre en 2016. Previamente, publicara xa unha novela infantil con grande éxito entre o lectorado mozo O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), que acadou xa varias reimpresións. Agora a súa nova novela, Senlleiras, premiada por unanimidade do xurado, chegará ás librarías nas próximos semanas dentro da colección Literaria da Editorial Galaxia, a carón dos clásicos das nosas letras e tamén de moitos autores e autoras actuais de recoñecido prestixio, o que agardamos sexa un impulso definitivo na súa traxectoria. (…)
A mantedora do acto foi Malores Villanueva (Editora da Editorial Galaxia) e tiveron breves intervencións Francisco Castro (Director xeral da Editorial Galaxia) e Antón Vidal (Presidente da Editorial Galaxia), amais de Vanesa Santiago e a propia gañadora.”

A Coruña: Libros a monte 2018

A Coruña: Libros a monte 2017

Burela: actos destacados na Feira do Libro 2017 para o sábado 26 e domingo 27

O domingo 27 de agosto finaliza a Feira do Libro de Burela, que terá lugar na Praza da Mariña, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:

Sábado 26
12:30 h. Pregón a cargo de Marica Campo.
17:30 h. Presentación de O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, publicada por Galaxia.
18:30 h. Presentación de Soños como Xógaras, de Xaime Oroza e Otero Regal, publicado por Círculo Rojo.
20:30 h. Mesa debate “A cultura como investimento produtivo (I)”, con Antonio Reigosa, Matías Escalera, Antonio Gregorio e Pablo Mosquera, moderados por José Díaz.

Domingo 27
12:00 h. Contacontos Xa voooou! (Editorial Bululú).
13:00 h. Caxoto contacontos: “Contos a pé de rúa”.
19:30 h. Presentación do libro Os nomes do terror, publicado por Sermos Galiza, con Xosé Ramón Ermida Meilán e Carlos Nuevo.
20:30 h. Mesa debate “A cultura como investimento produtivo (II)”, con Carlos Nuevo, Ramón Ermida, Vicente Míguez e Manuel Miranda, moderados por Pepe Peinó.

Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do martes 2 e mércores 3

O martes 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o martes 2 e mércores 3 de maio:

Martes 2
19:30 h. Presentación de Once portas, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais.
20:30 h. Presentación de Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón, publicado por Xerais.

Mércores 3
19:30 h. Presentación de O Códice esmeralda de Alberte Blanco, publicado por Xerais.
19:30 h. Presentación de O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Francisco Castro e David Vázquez, director do documental Asolagados.