Lucía Novas: “Procuro a beleza agochada nos bordos, nas marxes, nas periferias, nas fisterras”

Entrevista de Montse Dopico a Lucía Novas en Praza:
“(…) – Praza (P): En Epiderme de estío estaba a celebración da vida a través do amor, da sexualidade, do corpo. En Neve estaba a celebración da beleza e as ruínas, a ferida, a devastación do corpo. É como se os dous libros levasen, no aspecto temático, a Cervatos, que tamén é o corpo, o amor, a sensualidade, a beleza, e por outra banda a dor, a desolación, a decadencia… De que xeito os dous libros anteriores puideron levar a este?
– Lucía Novas (LN): Levo tempo dándolle voltas ó fío condutor dos meus poemarios, que é moi claro visto con perspectiva. Este feito aínda o percibo con maior claridade se inclúo un poemario inédito -aínda que acabo de colgalo recentemente na rede- que se sitúa entre Epiderme de estío e Neve, que indaga nunha estética de final do verán e principios do outono. A miña obsesión polo ciclo das estacións, a natureza e o paso do tempo é clara e asumida, pero aínda así non atinxo a entender que parte hai de decisión real e que parte é o destino que me leva por ese fío.
Cando comecei a escribir Cervatos, pensei que estaba escribindo algo moi diferente ós meus libros anteriores, que pechara un ciclo e abrira un novo. Pero a medida que outras persoas que van lendo o libro vanmo comentando, estas explícanme que si ven unha continuidade co anterior… e xa empezo a reformular as cousas… Do que me comentas, si teño unha certeza: Cervatos é un libro que procura termos contrarios e os harmoniza, pois ó final así e a vida: territorio de contrastes.
– P: Tamén hai unha relación clara entre Neve e Cervatos no aspecto formal: a presenza das enumeracións, que en Cervatos xa artellan todo o poemario en sucesións de substantivos nas que o verbo queda moi relegado a segundo plano. Os poemas convértense, así, en sucesións de imaxes. Como instantáneas da realidade. De que xeito te levou a forma de Neve á de Cervatos?
– LN: Na escrita, a miña parte racional inhíbese totalmente, e é o subconsciente, e á vez o lúdico e o xogo, o que toma as rendas… Non decido racionalmente “vou escribir deste xeito ou doutro”. Inevitablemente, xorde. Neve é un libro inspirado en Última fuxida a Harar, de Avilés de Taramancos, e en xeral de sempre me fascinaron os poemas en prosa con enumeracións marabillosas deste poeta tan querido por min. Supoño que a miña indagación iría por aí. E logo seguín pescudando dese xeito noutros poemas soltos que fun escribindo nos últimos anos.
E en Cervatos xa me deixei ir totalmente, desta vez tamén moi claramente influída pola translación da técnica da collage e da estética do videoclip, con imaxes tan rápidas, á poesía. Pois en Cervatos dialogo coa obra de artistas que utilizan a collage como Natalia Umpiérrez ou Isabel Fernández ou con videoclips concretos de Summer Camp, Superhumanoids, White Denim, Grimes ou Desir Lines. Por outra banda, tamén é unha busca da expresión da velocidade do mundo posmoderno e do seu carácter efémero. E por último, interésame moitísimo o carácter simbólico, plurisignificativo e connotativo da palabra. A palabra como alfaia e como unha explosión de emocións e recordos. (…)
– P: A crítica sinalou, deste libro, a presenza do fragmentario e, en relación con el, a crítica á posmodernidade, que xa citaches antes. Xa que somos, -dise na lapela interior-, tras a fin dos grandes relatos, seres ensarillados no amor, ou cervatos despistados ante o paso do tempo. En que sentido é o teu libro “crítica” á posmodernidade?
– LN: É unha crítica a esta sociedade capitalista, ateigada de velocidade, onde todo é relativo e non existe ningunha certeza, agás a do diñeiro. Unha sociedade hedonista, individualista, consumista, onde todo se pode mercar e vender, co seu culto excesivo á mocidade -e que sobre todo sufrimos por machismo as mulleres-, unha sociedade do espéctaculo, do culto ó ego, das aparencias… e onde apenas ollamos ó noso interior… Un mundo no que fuximos do amor por temor á frustración… e no que á vez pensamos que podemos elixir cando e a quen amar, como se todo se puidese programar ou arranxar cun só clic…
Por outra banda, intentei reflectir as relacións amorosas da miña xeración, loitando contra os convencionalismos herdados, influídos pola posmodernidade -cos nosos medos ó amor e á frustración-, intentando construír relacións igualitarias e libres e, á vez, aínda mediatizados por toda a imaxinería e educación patriarcal e do amor romántico, tema que trato dun xeito paródico e irónico. (…)”

O Grupo Ouriol homenaxea a Avilés de Taramancos

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O grupo Ouriol homenaxeou a figura de Avilés de Taramancos na Noia natal do poeta. Un espectáculo co gallo dos 25 anos do pasamento de Avilés con música, pintura e os textos na voz de Eva Veiga. Con ela falamos, precisamente, desta montaxe multidisciplinar para lembrar ao poeta. A entrevista pode verse aquí.”

Cabo de Cruz, Boiro: recital poético-musical Amor ao Mar, co Grupo Ouriol e presentación de Veredevere, de Guilherme e Bastardo

22607_1594160994204666_3318852781625243524_n11692800_688490287949091_9172361269415560452_n

Cuestionario Proust: Lucía Novas

DesdeLucía Novas o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lucía Novas:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A sensibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Honestidade.
4.– A súa principal eiva?
– Teño moi mal xenio cando me enfado.
5.– A súa ocupación favorita?
– Gozar da natureza.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter tempo libre para poder gozar de todo o que me gusta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder os meus seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que xa son: eu mesma.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, onde vivo.
10.– A súa cor favorita?
– O violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco.
13.– A súa devoción na prosa?
– Virginia Woolf.
14.– E na poesía?
Avilés de Taramancos.
15.– Un libro?
Un día da miña vida, de Bobby Sands.
16.– Un heroe de ficción?
– Gregorio Samsa.
17.– Unha heroína?
– Anna Karenina.
18.– A súa música favorita?
– Sonic Youth, por exemplo.
19.– Na pintura?
– Klimt.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Bobby Sands.
21.– O seu nome favorito?
– Einés.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Todos os hábitos relacionados coa maldade e os malos instintos.
23.– O que máis odia?
– A maldade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Isabel a Católica.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución Cubana.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A capacidade de crear música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mentres durmo, sen darme de conta e sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sentirme ben comigo mesma.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A preguiza.
30.– Un lema na súa vida?
– Como dixo unha vez un amigo: “O importante na vida é ser boa persoa e ser feliz”.”