Lugo: presentación da Escola de Narración Oral da AELG

O luns 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Praza de Ánxel Fernández López (detrás da Casa do Concello de Lugo), preséntase a Escola de Narración Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que botará a andar coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da lingua do Concello de Lugo. Contará coa presenza de Antón Bao, concelleiro, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Antonio Reigosa, vogal e coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Ao remate do acto, o Grupo Palimoco Teatro representará un fragmento de Queres que cho conte?, proxecto de dramatización do conto popular tradicional.
O primeiro dos obradoiros de narración oral terá lugar na cidade de Lugo, no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra, entre setembro e decembro deste ano, impartido por Antonio Reigosa e Isidro Novo. O prazo de inscrición ábrese o mércores 27 de xuño e a solicitude realizarase no Edificio Administrativo do Concello de Lugo (Ronda da Muralla, s/n). Pode descargar aquí o modelo de solicitude. O obradoiro, gratuíto, está dirixido a persoas de máis de 15 anos.

Deixamos aquí este vídeo co acto da presentación:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lugo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros) de Lugo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, acompañando ao autor, Antón Bao e Carlos Vello.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lugo: Encontro Escritor@s polo territorio

O sábado 11 de xuño, no Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, terá lugar o Encontro Escritor@s polo Territorio, convocado por ADEGA, no que os escritores convidan a toda a cidadanía interesada a participar neste encontro, enriquecendo deste xeito o debate, e achegando novas visións dos temas tratados, ofrecendo un lugar de participación para todas aquelas persoas con inquedanzas sobre o territorio que habitan. O programa é o seguinte:

- 09:30 h. Inauguración da xornada, por Virxinia Rodríguez, presidenta de ADEGA e Antón Bao, Vicepresidente 1º da Deputación de Lugo.
- 10:00 h. Mesa de debate: A literatura oral do territorio. Nesta mesa analizarase a literatura e tradición oral, a importancia da súa conservación, a súa defensa e o seu vencellamento ao territorio. Con Ana Carreira e Xoán Ramiro Cuba. Modera: Antonio Reigosa.
- 11:00 h. Coloquio – Debate.
- 11:30 h. Actuación do coro LUGH dirixido por Fernando García Jácome.
- 12:30 h. Mesa de debate: Os nomes do territorio. A Toponimia. Aquí abordarase o tema dos cambios producidos na Toponímia galega; cidades, pobos, parroquias….a súa deturpación e a desfeita cultural que isto supón, desde o punto de vista da Tradición Oral, a Arqueoloxía ou a Historia. Con Xulia Marqués e Gonzalo Navaza. Modera: Xosé Miranda.
- 13:30 h. Coloquio – Debate.
- 16:00 h. Mesa de debate: Cambios no uso da Cidade. Por medio da narración das experiencias vitais de tres escritores pertencentes a diferentes xeracións (1940, 1951, 1975), dos seus recordos do uso da cidade para o xogo o traballo, a vida cotiá, obteremos unha visión do cambio producido no territorio urbano nos últimos 75 anos. Con Paco Martín e María Reimóndez. Modera: Isidro Novo.
- 17:00 h. Coloquio – Debate.
- 17:30 h. Actuación de música galega.
- 18:00 h. Mesa de debate: O meu territorio na miña literatura. A través de diversos autores, faremos un percorrido polas diferentes percepcións que teñen e tiveron das cidades onde se sitúa a súa obra literaria tendo deste xeito unha visión de como se manifestan os cambios das cidades na literatura. Con Pilar García Negro e Adela Figueroa Panisse. Modera: Xurxo Souto.
- 19:00 h. Coloquio – Debate.
- 19:30 h. Conclusións e Clausura do Encontro. Os moderadores; exporán as conclusións de cada unha das mesas de debate. Posteriormente procederase á clausura do Encontro.

Reseña posterior en Galicia Hoxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A AELG avaliou coa Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo a actividade conxunta

O encontro entre Antón Bao, Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Cultura, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, acompañado do vogal da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, Antonio Reigosa, e do vogal por Lugo desta Asociación, Isidro Novo, tivo lugar o xoves 3 de marzo ás 18:30 h., co obxectivo de analizar a colaboración entre ambas entidades desde 2007 e avaliar o programa de actividades previstas para 2011, ano en que, malia a forte redución orzamentaria, mantén o seu apoio ao sistema literario en 2011 tamén a través da AELG.
A Asociación de Escritores entende que a decisión da Vicepresidencia de consolidar a colaboración na provincia de Lugo referenda a calidade das propostas e demostra a sensibilidade da institución na defensa, promoción e posta en valor do noso patrimonio de literatura oral e tamén lingüístico. Sempre desde un enfoque de cultura viva e participativa, ambas entidades colaboran na organización das Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que este ano acadará a súa cuarta edición en outono baixo o lema Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos. Estes encontros teñen levado a Lugo especialistas de varios países, pero non se descoidou a transmisión dos contidos aos máis novos, para o que puntualmente se envían as actas, acompañadas dun DVD que permite a aproximación didáctica aos temas propostos, a todos os centros de ensino e bibliotecas da provincia.
Tamén coa premisa de convidar a sociedade a participar e gozar do seu patrimonio literario oral, continúase coa organización das Polafías, encontros nos que o elemento fundamental e imprescindíbel está constituído polos homes e mulleres, narradores, cantadores e romanceadores, da veciñanza onde teñen lugar. Sempre co obxectivo de recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas) aos tempos actuais, na que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estábel axudándose das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio a través da web da AELG.
Aprovéitase tamén esta plataforma, na súa sección Palabras con memoria, para recompilar e devolver ao sistema literario vocábulos que están na memoria dos nosos maiores e aínda non foron recollidas nos dicionarios. Esta iniciativa conxunta permitiu até o momento salvar do esquecemento máis de mil palabras ou expresións do noso patrimonio máis simbólico, o lingüístico.
Finalmente, acordouse colaborar tamén na homenaxe O Escritor na súa Terra, que en xuño recibirá o autor lugués Paco Martín, quen pasará así a ser socio de honra da Asociación de Escritores. O ente provincial participará así do sentido da homenaxe, que é facer que o escritor se sinta arroupado pola súa terra natal e as súas institucións.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lugo: III Xornadas de Literatura de Tradición Oral

As III Xornadas de Literatura de Tradición Oral, organizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Deputación de Lugo. Vicepresidencia Primeira, reunirán na cidade de Lugo (no Salón de Actos da Deputación de Lugo, rúa San Marcos, nº 8) entre o venres 5 e o sábado 6 de novembro, a unha serie de expertos ao redor do tema Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e fantasmas, baixo a coordinación xeral de Antonio Reigosa e Isidro Novo. O programa é o seguinte:

Venres 5 de novembro.
17:00 h. Inauguración, coa presenza de Antón Bao, Vicepresidente da Deputación de Lugo e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG.
17:10 h. Conferencia As narrativas sobre a morte na cultura tradicional galega: estratexias de posta en valor, por Marcial Gondar Portasany.
18:10 h. Conferencia Da morte á Morte na cultura popular catalá, por Joan Soler.
De 19:10 a 20:00 h. Mesa redonda sobre A morte pre-vista. Participan: Marcial Gondar Portasany e Joan Soler i Amigó. Modera: Antonio Reigosa.

Sábado 6 de novembro
10:30 h. Conferencia Representación da morte na narrativa oral, por Camiño Noia.
11:30 h. Conferencia Ánimas, aparecidos e mortos en compaña na tradición galega, por Xoán Ramiro Cuba.
De 12:30 a 13:30 h. Mesa redonda sobre Mortos de ida e volta. Participan: Camiño Noia e Xoán Ramiro Cuba. Modera: Isidro Novo.

Chuzame! A Facebook A Twitter