Vigo: mesa redonda sobre Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas

O sábado 8 de xuño, ás 12:00 horas na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa), de Vigo, terá un novo acto da xeira de Sábados Culturais organizados pola Fundación Premios da Crítica Galicia. O acto consistirá nunha mesa redonda co título Galicia: 35 anos de transformacións nas artes plásticas, na que participarán Xosé Carlos L. Bernárdez e Antón Castro, profesores e críticos de arte, e Antón Pulido, pintor e vicepresidente da Fundación Premios da Crítica Galicia. Os tres ponentes debaterán sobre cuestións como: O novo artista; a evolución do mercado da arte; o papel da crítica de arte; o coleccionista e o coleccionismo; os museos e as institucións; as exposicións; e o novo espectador. Ao remate do acto, servirase na Cafetaría Cosmos (Praza da Princesa) un viño galego.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: homenaxe a Felipe Criado, o venres 3 de maio

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lugo: comeza o Ano Ben-Cho-Shey

«Nun acto convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o xoves 28 de xuño, inaugurouse o Ano Ben Cho-Shey, dedicado a este insigne galeguista, coa primeira das actividades que incluíu, ademais da intervención do delegado de Cultura da Deputación, a intervención de Xoán Ramiro Cuba, coordinador do Ano Ben Cho-Shey, así como unha proxección de fotografías: Lugo na cámara de Ben-Cho-Shey (importantes documentos fotográficos que son testemuñas históricas dunha época) que foi comentando e analizando o propio Xoán Ramiro Cuba, xunto á intervención musical a cargo de Antón Castro e unha lectura dramatizada de textos inéditos do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, a cargo de Tereixa Campo e Paloma Lugilde. (…)
Xoán Ramiro Cuba, pola súa banda, destacou que “máis que homenaxealo postmortem o que pretende a Área de Cutura coa organización deste ano é dar a coñecer a todo os galegos e galegas a vida e a obra de Ben-Cho-Shey, queremos que Galiza coñeza esta figura tan inxustamente esquecida e arrecantada e recoñeza a verdadeira dimensión deste intelectual que traballou sempre por amor a Galiza cun compromiso esforzado e inquebrantable. Dese compromiso e dos seus froitos dános unha idea moi clara Xosé María Álvarez Blázquez cando di: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño coñecido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun P. Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado».» Vía Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Coruña: actos do mércores 20 de marzo en CoruñaMayúscula

O mércores 21 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
- 11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Antía Otero, Gracia Iglesias e Antón Castro.
- 19:30 h. Na Aula 9, mesa redonda co título Poesía, futuro, coa presenza de José María Paz Gago, Yolanda Castaño e Guillermina Royo-Villanova.
- 20:30 h. Na mesma Aula 9, combate verbal entre Manuel Vilas e Camilo Franco.
- 22:00 h. Recital 11×6. Participan Sofía Castañón, Antón Castro, Estevo Creus, Gonzalo Escarpa, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Gracia Iglesias, Elena Medel, Antía Otero, Ángel Petisme e Estelle Talavera Baudet, presentados por Pedro Ramos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Coñécense os gañadores dos Premios da Crítica Galicia 2011

No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no serán do sábado 22 de outubro o ditame da trixésimo cuarta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais. Baixo o lema Eis o canto eterno dunha terra, recollido dun verso de Lois Pereiro, xuntáronse catrocentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas; Lucía Molares, delegada da Xunta en Vigo; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE; Carmela Silva, concelleira de Urbanismo do concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, voceiro do BNG no concello de Vigo; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Comba Campoy, saudando aos asistentes e lembrando que ao longo de máis de tres décadas os Premios da Crítica Galicia baseáronse no galeguismo integrador, «que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como FORTITER IN RE SUABITER IN MODO, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa  man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre».

Estremas, de Ana Romaní, Premio de Creación Literaria. O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou outorgar o premio a Estremas, o poemario de Ana Romaní, publicado pola editorial Galaxia. Así mesmo, fai constar unha mención como finalistas a O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro e Periferia de Iolanda Zúñiga.

Jorge Mira, Premio de Investigación. O xurado da modalidade de Investigación, formado por María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig Rechou, que actuou como secretaria, acordou outorgar por maioría a Jorge Mira por liderar un traballo titulado A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, realizado cos seus colegas Luís Seoane e Juan Nieto, publicado en inglés nunha das revistas máis prestixiosas, e seleccionado polo ArXiv Physics Blog que acolle diariamente a mellor idea de entre todos os traballos publicados no Physics Arxiv un dos principais colectores de artigos científicos do mundo.

Son de Seu, Premio de Música. O xurado da modalidade de Música, formado por Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido, que actuou como secretario, acordou por unanimidade outorgar o premio á orquestra folk Son de Seu, como un proxecto pioneiro e singular que a partir da música tradicional e popular galega creou un novo modelo de interpretación en formato orquestral que xa se converteu nun referente inspirador noutros países europeos.

Proxecto Terra, Premio de Iniciativas Culturais. O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, outorgar o premio ao Proxecto Terra iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, apoiada pola Xunta de Galicia, polo seu labor exemplar na formación das xeracións máis novas de galegos e galegas en aspectos tan sensibles para o noso país como a cultura territorial, urbanística e arquitectónica, e polo impulso dunha reflexión crítica sobre o estado dos nosos recursos patrimoniais e paisaxísticos.

Ángela de la Cruz, Premio de Artes Plásticas e Visuais. O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral, que actuou como secretario, acordou outorgar o premio a Ángela de la Cruz pola súa actitude renovadora e de risco na súa linguaxe deconstrutiva coa que rompe os límites, tal como puxo de manifesto cos seus traballos e propostas de 2010.

Citizen, de Chévere, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais. O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García, que actuou como secretaria, outorgar o premio por maioría outorgar o premio ao espectáculo Citizen da compañía de Teatro Chévere pola orixinalidade da súa linguaxe dramatúrxica e da posta en escena, xurdidas dun proceso creativo pouco convencional que emprega como materia prima a historia de Galicia das útimas décadas. O resultado é un espectáculo potente que acada unha forte conexión co público ratificada ao longo das súas numerosas representacións na recentemente desaparecida Sala Nasa. O xurado quere tamén chamar a atencíón sobre a dificutade de escoller entre obras de dúas linguaxes moi distintas como son a escénica e a audiovisual que teñen ademais mecanismos de produción, creación e distribución completamente diferentes. Esta dificultade foi aínda maior nun ano especialmente vizoso no número e calidade de producións.

Vigo, 22 de outubro de 2011

Reseñado nos seguintes medios: Cultura Galega, AGE, Fervenzas Literarias, La Voz de Galicia, La Opinión, Atlántico Diario, Galicia Hoxe, El Correo Gallego, El País, ABC, Certo, Galicia Confidencial e Que pasa na Costa, Galaxia, Baía Edicións, e nos blogs Brétemas (Manuel Bragado) e Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xurados da 34 edición dos Premios da Crítica Galicia

«A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia 2011 acordou na súa reunión do 14 de setembro nomear os xurados que ditaminarán cada unha das modalidades:
- Creación Literaria:  Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández.
- Investigación: María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo, Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño González e Blanca-Ana Roig Rechou.
- Música: Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido.
- Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo.
- Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral.
- Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García.
Os ditames de cada un dos xurados daranse a coñecer o sábado 22 de outubro no decurso dunha cea que comezará ás 20:30 horas.»

Chuzame! A Facebook A Twitter