Ponferrada: “Simposio do Bicentenario de Antonio Fernández Morales”, do 15 ao 17 de setembro

Antonio Fernández Morales, escritor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017)

O sábado 17 de xuño, en Cacabelos, terá lugar un acto en homenaxe o autor berciano Antonio Fernández Morales, organizado polo Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo, coa colaboración da Xunta de Galicia, Concello de Cacabelos, Consello Comarcal do Bierzo, Instituto de Estudios Bercianos e La Moncloa.

– PRESENTACIÓN E LECTURAS NA RÚA SANTA MARÍA, A CARÓN DA CASA DO ESCRITOR. Ás 11:30 horas, na rúa Santa María, 16.
– Presentación a cargo de Manuel González Prieto, membro do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo.
Participarán no acto Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Luis Alberto Arias e Gerardo Álvarez, en representación do Consello Comarcal do Bierzo, e representantes do Concello de Cacabelos.
Lectura de poemas a cargo de Eduardo Campelo Nieto, estudante de primaria en Vilafranca do Bierzo, estudantes de bacharelato do IES Bérgidum Flávium, Cacabelos, Ana Carballo, vicepresidenta do Instituto de Estudios Bercianos e Felipe Lubián, académico correspondente da Real Academia Galega polas Portelas.
Discurso a cargo do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín.
Musicando os poemas do escritor berciano o grupo 2naFronteira.

– INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “FERNÁNDEZ MORALES HOXE: CREACIÓNS E RECREACIÓNS” E PRESENTACIÓN DA OBRA ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, AUTOR BERCIANO. BICENTENARIO DO SEU NACEMENTO (1817-2017). Ás 12.30 horas, en La Moncloa
Presentación do libro e exposición.
Coa presenza de:
Héctor Silveiro, académico correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo.
Xosé Henrique Costas, académico correspondente da Real Academia Galega.
Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro.

– EXPOSICIÓN “FERNÁNDEZ MORALES HOXE: CREACIÓNS E RECREACIÓNS”
A través da creación libre e co obxectivo de divulgar a obra literaria do escritor SirAntonio Fernández Morales, no bicentenario do seu nacemento (1817-2017), o Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo convidou a crear unha caricatura, haiku, poema, fotografía, deseño gráfico, canción,.. a partir dun verso, dous versos, máximo unha, dunha serie de poemas do autor e recollidos na obra Ensaios poéticos en dialecto berciano, 1861. Os poemas seleccionados foron os seguintes: O fiandón da aldea, A Ponferrada, Villafranca i a vendima, Os magostos, O Entroido e Na volta da sega e As rogativas a San Crispín.
A exposición recolle un total de 16 traballos:
Caricatura de Siro López.
Fotografías de Xurxo Lobato e Víctor Miguel Villar López.
Debuxo de Carlos López.
Acuarela de Jose Luis Almajano Esteras.
Alalá cantado por Carmen Penim, grupo 2naFronteira.
Deseño gráfico de Diego Jiménez Merayo.
Haiku de Mercedes Queixas Zas.
Poemas de Noelia Estévez Rionegro, Marco Paone, Rosa Enríquez, Raúl Gómez Pato, Suso Díaz, Romina Bal, Igor Lugris e Manuel González Prieto.

– PRESENTACIÓN DA OBRA ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, AUTOR BERCIANO. BICENTENARIO DO SEU NACEMENTO (1817-2017)
Publica Edicións Fervenza, maio de 2017. Coordinada polo Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas do Bierzo, e ao coidado de Manuel González Prieto, membro do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo. Colabora a Xunta de Galicia.
A obra Antonio Fernández Morales, autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017) conta coas seguintes achegas:
“Un xardín que chaman Bierzo”, limiar de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
“Antonio Fernández Morales, autor berciano”. Unha serie de apuntes sobre a vida de Antonio Fernández Morales.
“Selección de poemas”. Unha selección de poemas do autor, debidamente revisados: O fiandón da aldea, A Ponferrada, Villafranca y a vendima, Os magostos, O San Roque en Paradela, O Entroido, Na volta da sega e As rogativas a San Crispín.
“Fernández Morales hoxe: creacións e recreacións”. Traballos de Siro López, Xurxo Lobato e Victor Miguel Villar López, Carlos López, Jose Luis Almajano Esteras, Carmen Penim, Diego Jiménez Merayo, Mercedes Queixas Zas, Noelia Estévez Rionegro, Marco Paone, Rosa Enríquez, Raúl Gómez Pato, Suso Díaz, Romina Bal, Igor Lugris e Manuel González Prieto.

Xela Arias e Luísa Villalta poderían ser candidatas ao Día das Letras Galegas

Desde Sermos Galiza:
“A Academia decide o día 21 a quen lle dedicará o Día das Letras Galegas. Tres membros do plenario terán que presentar cada unha das propostas que logo se debaterán no plenario. Durante estas xornadas previas, os nomes amoréanse entre as posíbeis candidaturas e, canda os que cada ano recuncan nestas datas, súmanse outros que por vez primeira nesta edición cumpren as condicións requeridas pola Academia.
Á listaxe incorpóranse os nomes de dúas escritoras, mortas a idade temperá que revalidarían o entusiasmo que se viviu no ano de Lois Pereiro. A escritora Luísa Villalta e a poeta e tradutora Xela Arias poderían xa ser as protagonistas dun novo Día das Letras que contarían co respaldo do seu entorno literario e da súa obra contemporánea. Xela Arias morreu en 2003 e Luísa Villalta o 6 de marzo do 2004, é dicir, en calquera dos casos o 17 de maio tería feito dez anos do seu pasamento. Tanto unha como outra están aínda na memoria persoal dos seus contemporáneos, homes e mulleres, en especial poetas, que compartiron con elas iniciativas e proxectos e formaron parte do panorama cultural desde os anos oitenta.
Canda elas, o nome de Ricardo Carvalho Calero volve de novo ao escenario, mais, coa condición que desta volta fai máis explícita a Academia de que sexan os propios numerarios os que acheguen o nome ao plenario, faise máis difícil aínda mesmo a presentación da súa candidatura. Desde fóra de Tabernas, a de Carvalho Calero é unha das demandas que máis vontades congrega por unha parte da intelectualidade que entende xa como inxustiza que non se recoñeza unha figura que contribuíu como poucas á historia da lingua e a literatura e cunha sólida obra literaria.
Máis forza cobra este ano a figura de Díaz Castro, eterno candidato ao que o centenario o próximo 2014 dálle aínda máis forza, avaliada pola campaña que se está a desenvolver desde Guitiriz e a iniciativa promovida polo propio alumnado do centro de ensino Poeta Díaz Castro que presentou un audiovisual dedicado ao autor de Nimbos.
Candidato asegurado para o Día das Letras Galegas é Carlos Casares, que por segunda vez podería optar á homenaxe aínda que parte do seu entorno prefería por distintas razóns, cando menos na anterior edición, agardar algo máis a que se conmemorase a súa figura cun Día das Letras Galegas.
Do exilio e a resistencia antifranquista, dous nomes de dous narradores entran nunha posíbel listaxe para o 17 de maio. O escritor Ramón de Valenzuela, autor de Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar, entre outras e o xornalista e narrador Manuel Lueiro Rey poderían ser protagonistas da homenaxe da Academia. Os dous mantiñan relación persoal e política co presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.
A proposta do poeta berciano Antonio Fernández Morales, candidato apoiado pola Asociación Xarmenta e tamén unha firme aposta do anterior presidente Xosé Luís Méndez Ferrín é outro dos nomes que soan en cada edición. Desta volta, o nome do autor de Paradela, Manuel Rodríguez López chega á sede de Tabernas proposto por GaliciaDixital.”

Xarmenta volve propor o berciano Antonio Fernández Morales para as Letras 2013

“A Asociación Berciana da Lingua Xarmenta sempre reivindicou, nos diferentes actos que leva realizados no Bierzo desde 2005 xunto con outras institucións bercianas, que Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817-Cacabelos, 1896) merece un recoñecemento especial dedicándolle un Día das Letras Galegas. Neste 2012, un ano máis, Xarmenta solicítalle á Real Academia Galega que o poeta Antonio Fernández Morales sexa o persoeiro escollido para a celebración do Día das Letras Galegas de 2013 fundamentándose en que: “Antonio Fernández Morales publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua”. Ademais, Xarmenta salienta que “Morales escribiu en lingua galega na comarca do Bierzo, fóra da Galicia administrativa, nunha época difícil para as nosas letras”. (…)” Desde Praza.