Entrevista a Antonio García Teijeiro, premio Nacional de literatura Infantil

Entrevista a Antonio García Teijeiro en Chamando á terra:
“Falamos co novo premio Nacional de literatura Infantil, Antonio García Teijeiro. Durante a conversa interveñen tamén Montse Pena Presas; o editor de Xerais, Manuel Bragado; o ilustrador Xan López Dominguez e a membro do xurado Fina Casalderrey. Pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Antonio García Teijeiro sobre Poemar o mar

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Aos nenos si que lles gusta a poesía e son precisamente os adultos os que lle poñen fronteiras”. Antonio García Teijeiro gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Poemar o mar. Pode accederse aquí.”

Antonio García Teijeiro: “Mírannos con moito respecto cando viaxamos por aí”

Entrevista de María Obelleiro a Antonio García Teijeiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que supón para ti este novo recoñecemento?
– Antonio García Teijeiro (AGT): Após ter un premio europeo, que aquí non se valorou moito pero que é importante [o Pier Paolo Vergerio], que no Estado gañes o Premio Nacional cun libro de poesía en galego para min é a máis grande satisfacción, porque hai tempo que deixei a narrativa a un lado por escribir poesía. Sigo crendo que ese xénero esquecido é necesario, pero a xente tenlle moito medo.
– SG: E a que se debe ese medo?
– AGT: Débese a que a xente non foi educada na sensibilidade poética, porque a poesía sempre foi recitar como papagaios e poemas pouco axeitados cando se estudaba. Eu lembro, cando estudaba, que non había un poema que pagase a pena e a poesía case non existía máis alá do libro de texto, e algunha cousa só, para despois facer un comentario. Eu creo na poesía como medio de transformación da persoa, como medio de emoción, de cultivar as emocións e a sensibilidade. Igual que coa música. Son as miñas dúas grandes paixóns, a poesía e a música, e considero que a poesía ten que estar presente desde as primeiras idades para as nenas e os nenos. Loxicamente, desde hai moitísimo tempo, tratei de levar iso adiante. Como docente, as miñas clases empezaban sempre cun poema; nos últimos catro anos estiven dando obradoiros a rapaces de Secundaria e era unha pasada como eles se emocionaban a través da poesía… para min iso é fundamental. Eu manteño que os adultos, polo que che dicía, viven de costas á poesía, pero aos rapaces encántalles e iso é o que sempre me animou. Este premio reforza e dá azos para continuar por unha liña pola que creo que hai que seguir. Agora que estou xubilado, hai xente que está facendo cousas por min, cousas que eu facía, e iso éncheme de satisfacción.
– SG: Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas e agora Antonio García Teixeiro. Que riqueza de literatura infantil e xuvenil! Temos algo que envexarlle a outras LIX doutros sistemas?
– AGT: Temos unha literatura galega dun altísimo nivel. Eu leo moitísima literatura infantil e xuvenil, en castelán, catalán e en galego, e traducións do vasco, e podo dicirche que a nosa literatura está á altura de calquera. É unha auténtica referencia en literatura infantil e xuvenil a todos os niveis. Por iso eu estou moi satisfeito, porque se está a valorar moitísimo a nosa literatura e porque seis Premios Nacionais dunha lingua como a nosa é algo moi complicado. Isto débese a que hai moitísima calidade dentro. Ademais, son libros completamente diferentes os seis, non teñen nada a ver. É estupendo que haxa variedade e calidade. Mírannos con moito respecto cando viaxamos por aí. (…)”

Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil con Poemar o mar

Desde Xerais:
“O escritor Antonio García Teijeiro foi galardoado onte co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 polo seu libro Poemar o mar, publicado por Xerais. O xurado resaltou que o libro está «cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o grande protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxestivas composicións poéticas»
Poemar o mar é un libro de poemas que forma parte da triloxía que se completa con En la cuna del mar e Palabras do mar. Nestas tres obras o mar é o gran protagonista, un mar que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra. Mares con ondas amarelas, con illas coma estrelas, mares de plumas que son de auga e mel, mares de tinta verde con barquiños de papel. En palabras de Rocío García Pedreira, «toda a obra poética de Teijeiro busca iniciar ao lectorado máis novo nos recursos formais básicos a través de temas que fomentan a reflexión crítica. Entre os seus versos recóllense homenaxes a outros poetas das tradicións literarias española e galega». (…)”

A lista de Honra do IBBY incluirá a obra Lendo lendas digo versos

Desde Cultura Galega:
“A selección de libros infantís e xuvenís máis prestixiosa do mundo, elaborada pola organización IBBY, recollerá na súa edición bianual do ano que ven o libro en galego Lendo lendas, digo versos, obra de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, editado por Edicións Xerais e con Ilustracións de Xosé Cobas. A rama española desta organización, a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) ven de presentar a lista de libros editados no territorio nacional que engrosará a selección de obras internacionais. Catro obras na modalidade de Escritores/as, catro na de Tradutores/as e unha na de Ilustradores/as irán desde España a esa selección. Será a única obra en galego e de creación enteiramente galega do catálogo. (…)”