Compostela: presentación de 13. Antoloxía da poesía galega próxima

O venres 21 de xullo, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), de Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía 13. Antoloxía da poesía galega próxima, publicado por Chan da Pólvora Editora. No acto participan o editor, Antón Lopo, a antóloga Chus Nogueira, o coordinador Anxo Quintela e as poetas Alicia Fernández, Berta Dávila, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil Xardón, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez e Antón Blanco.

Francisco X. Fernández Naval: “Houbo persoas que sandaron as súas feridas coa miña novela”

Desde Xerais:
“O Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista de Anxo Quintela con Francisco X. Fernández Naval sobre a súa nova novela, A noite branca, que conta a historia dos galegos que participan na Segunda Guerra Mundial a través da División Azul. Para Francisco Fernández Naval, o personaxe da María Luísa, que aparece na fotografía da portada, foi o que o impulsou a escribir esta obra, onde ficción e non ficción se dan a man para crear un tecido literario intenso e longo. Así mesmo, na entrevista, o autor confesa que houbo persoas que leron a novela e que, grazas a ela, lograron sandar feridas persoais que mantiñan aínda abertas. A entrevista pode escoitarse ou descargarse aquí en mp3.”

Gondomar: concerto de Xardín Desordenado, sobre textos poéticos de autores galegos

O venres 23 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, terá lugar o concerto de presentación do último disco de Xardín Desordenado, onde se recollen dezaseis poemas musicados con textos de Xosé María Álvarez Blázquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana, Eduardo Estévez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Serxio Iglesias, Manuel María, Kiko Neves, Uxío Novoneyra, Manuel Pereira Valcárcel, Anxo Quintela, Manuel Rivas, Daniel Salgado e Rafa Villar.

Xavier Queipo: “Extramunde é unha novela política”

“A novela Extramunde (…) é foco desta entrevista con Xavier Queipo que se pode consultar na web do Diario CulturalExtramunde é unha novela política, declarou Xavier Queipo na entrevista de Ana Romaní e Anxo Quintela. A entrevista pode escoitarse aquí.” Vía Xerais.

Santiago: Conexões IV. A literatura brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil

O evento Conexões IV:-A Literatura Brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, entre os días 17 e 19 de outubro de 2011 constitúe o primeiro encontro deste teor que se desenvolve na Europa. A orixe desta iniciativa está no proxecto Conexões-Mapeamento Internacional da Literatura Brasileira. Trátase dun programa da área de Literatura do Itaú Cultural que, desde 2008, constitúe un espazo de reflexión e debate e elabora unha base de dados sobre a difusión e a presenza da literatura e da cultura brasileiras no exterior. Esa cartografia permite planificar e desenvolver políticas concretas de apoio á difusión e coñecemento da literatura e da cultura brasileiras a nivel internacional. Trátase do cuarto encontro internacional do programa do Itaú Cultural e o segundo realizado fóra do País –o primeiro foi na Universidade de Wisconsin-Madison (EUA). No Brasil tiveron lugar os encontros de pesquisadores, tradutores e escritores brasileiros e estranxeiros en São Paulo (2008) e no Rio de Janeiro, en parcería coa Universidade Federal do Rio de Janeiro (2009). Alén diso, o Conexões Itaú Cultural xa presentou o seu mapeamento internacional da literatura brasileira na reunión da Associação Europeia de Pesquisadores em Brasil (Universidade de Salamanca, 2009), no 10º Congresso Internacional da Brasa (Brazilian Studies Association) (Brasília, 2010), alén de participacións no Fórum das Letras 2010 (Ouro Preto-Minas Gerais) ou das edicións  de 2010 e 2011 na Festa Literária Internacional (FLIP) de Paraty. Conexões IV será co-organizado polo Itaú Cultural e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Embaixada do
Brasil en Madrid e Fundación Cultural Hispano- Brasileña e da Universidade de Santiago de Compostela. Os responsables son Claudiney Ferreira (Itaú Cultural), Felipe Lindoso (consultor do Itaú Cultural) e Carmen Villarino Pardo (USC). Este Encontro pretende que escritores/as brasileiros/as (con traxectorias amplamente consolidadas e con obras traducidas en diversos países poidan discutir en mesas-redondas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e as dificultades para se inserir nos espazos da crítica e dos mercados internacionais e contrastar esa situación con escritores/as galegos/as homólogos e con críticos literarios, editores, pesquisadores, docentes e tradutores.

O programa, que pode ser descargado aquí: Conexões IV, está formado polas seguintes actividades:

Luns, segunda feira, 17 de outubro

17:00 h. Inauguración e presentación á prensa.
17:30 h. Conexões Itaú Cultural – A literatura brasileira hoje. Conexões dentro e fora do Brasil. Mesa 1. Con Carmen Villarino (moderadora), Claudiney Ferreira, Felipe Lindoso, Carlos Quiroga e Marco Luchessi.
19:30 h. Actuación de Quico Cadaval.

Martes, terza feira, 18 de outubro

09:30 h. Descubrindo o Brasil – As pesquisas sobre literatura brasileira e as súas ligazóns con outras disciplinas no ámbito do “Brasilianismo”. Mesa 2. Con Leonardo Tonus (moderador), Carlos Paulo Martínez Pereiro, Elena Losada, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
12:00 h. Diálogos de escritores 1. Con Felipe Lindoso (moderador), Marçal Aquino, Luiz Ruffato, Suso de Toro e Iolanda Zúñiga.
16:00 h. A mediación cultural como diálogo. Mesa 3. Márcio Souza (moderador), Marco Lucchesi, João Almino, Antonio Maura e Manuel Bragado.
18:15 h. Entrega da colección de libros de asunto galego-brasileiro do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela.
19:30 h. Presentación do libro O conto brasileiro contemporâneo, editado por Laiovento e organizado por Carmen Villarino Pardo e Luiz Ruffato (na Libraría Couceiro Praza Cervantes, 6, de Santiago de Compostela).

Mércores, cuarta feira, 19 de outubro

09:30 h. As vertentes do ensino de literatura brasileira. Mesa 4. Con Carlos Paulo Martínez Pereiro (moderador), Pedro Serra, Leonardo Tonus, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
12:00 h. Espazos para a literatura brasileira actual. Mesa 5. Con Luiz Ruffato (moderador), Marçal Aquino, Cíntia Moscovich, Anxo Quintela e Elias Torres.
16:00 h. Diálogos de Escritores 2. Con Claudiney Ferreira (moderadora), Márcio Souza, Cíntia Moscovich, Xavier Queipo e Víctor Fernández Freixanes.
18:00 h. Clausura.
20:00 h. Presentación do libro Extramunde, de Xavier Queipo, publicado en Xerais (no CGAC, Rúa de Ramón del Valle-Inclán. 15704 Santiago de Compostela). Despois representarase o espectáculo artístico O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Ríolagares (MisterChoco e o propio Xavier Queipo).

Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos

Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.