A cultura galega conflúe por cuarto ano consecutivo no Convivio en Outeiro de Rei

Desde Sermos Galiza:
““Recuperar o sentido comunitaria das antigas romarías, neste caso da romaxe de Santa Isabel, onde centos de persoas celebraban en torno á carballeira, un día de compartir, de partillar ilusións, un espazo de encontro para a cultura galega”, salientan desde a organización da IV edición do evento que conmemora a figura de Manuel María.
O tecido cultural e asociativo galego confluíu este sábado na Carballeira de Santa Isabel e na Casa das Hortas, sede da Fundación Manuel María, por cuarto ano consecutivo para celebrar o Convivio da Cultura Galega. Unha xornada festiva que busca emular o espírito popular das romarías, coa música como fío condutor, e que ten Outeiro de Rei, vila natal do escritor, como espazo de encontro para creadores e creadoras e para todo o asociacionismo cultural de base que se estende polo país.
Un milleiro de persoas, segundo informa a organización, encheron un ano máis a Carballeira de Santa Isabel, unha paraxe natural “onde as augas do Río Ladra encóntranse coas do Miño” e que conformou un dos espazos físicos e mentais predilectos da vida e obra do artista galego.
“Un día de festa por volta de Manuel María que, para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, gastou, literalmente, ‘o seu corpo nos camiños’ como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo”, salientan os organizadores do Convivio, impulsado desde a Casa-Museo Manuel María xunto á federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela.
“Para nosa sorpresa, despois de que o ano pasado supuxera un salto importante, tamén por ser o ano de Manuel María, o lóxico este ano é que baixara un pouco. Pero non foi así, nótase que o Convivio se consolida. Para nós iso é o máis importante. Incrementouse a participación, tanto en número de grupos que quixeron subir o escenario como da xente que participa no xantar, na festa e nas visitas á Casa-Museo, que non pararon durante toda a tarde”, di Alberte Ansede, representante da Fundación Manuel María.
“É unha mostra de que nos podemos divertir perfectamente coas nosas creacións artísticas, coas nosas creacións musicais, e que non hai que renunciar a unha tradición que é milenaria, que debería ser a protagonista nas nosas celebracións festivas”, reivindica Ansede. “Recuperar o sentido comunitaria das antigas romarías, neste caso da romaxe de Santa Isabel, onde centos de persoas celebraban en torno á carballeira, un día de compartir, de partillar ilusións, un espazo de encontro para a cultura galega, acompañado todo pola música. Manuel María sempre tentou recuperar ese espírito que, pouco a pouco, foi indo a menos e que hoxe queremos reivindicar”, sinala pola súa banda o guía da Casa-Museo, Antón Laxe.
A xornada comezou na Casa das Hortas co acto de acollida a cargo de Pilar García Negro e Alberte Ansede. A pé, saíron camiño a Carballeira de Santa Isabel, con parada no cemiterio onde están os restos do escritor para a habitual ofrenda foral. Actuacións musicais, entre outros da banda de música de Begonte-Rábade-Outeiro e da banda de música de Solfa, e un xantar comunitario amenizaron esta cita da cultura galega, que rematou con xogos populares e unha foliada aberta con actuacións de numerosos grupos musicais.”

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres (II)

O acto central do Día de Rosalía 2017, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO, tivo lugar o domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra.

Lectura de poemas rosalianos, con Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG) e Mercedes Queixas.

Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar.

Ofrenda floral e interpretación do himno.

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres (I)

O acto central do Día de Rosalía 2017, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO, tivo lugar o domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

– Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía.

– Saúda da Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Lectura do Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, por Ledicia Costas.

Lectura de poemas rosalianos, Henrique Alvarellos (Asoc. Galega de Editoras); Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino (A. C. e Musical Solfa) e Ramiro Torres.

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2017, no Panteón de Galegos Ilustres, o domingo 19 ás 12 h.

PROGRAMA

  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía (Letra: M. Curros Enríquez; música: J. Alfredo Oliveira)
  • Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
  • Lectura do Manifesto da AELG. Ledicia Costas.
  • Lectura de poemas rosalianos: Henrique Alvarellos (Asociación Galega de Editoras), Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino (A. C. e Musical Solfa), Ramiro Torres (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra (Letra:  Rosalía de Castro; música : J. M. Capón)
  • Lectura de poemas rosalianos: Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG), Mercedes Queixas (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar (Letra: Rosalía de Castro; música: Antonio B. Celada)
  • Ofrenda floral
  • Interpretación do himno 

Compostela: actos de apoio á ILP Castelao

cartaz_ilp“A Agrupación Cultural O Galo, como parte integrante da Federación Galiza Cultura, colabora na organización dunha serie de actos de apoio á ILP Castelao que esta entidade promove xunto con outras organizacións sociais, como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística ou a CIG-Ensino.
Podedes descargar aquí o texto completo desta Iniciativa Lexislativa Popular que pretende impulsar ás institución públicas a reunir e facer accesíbel a variada obra de Castelao.
O sábado 21 de febreiro ás 12:00 horas no Centro Socio-Cultural de Conxo, inauguramos a exposición das Estampas da Guerra de Castelao, que se poderá visitar ata o sábado seguinte.
O mércores 25 de febreiro ás 19:30 horas no Museo do Pobo Galego terá lugar un acto para presentar á cidadanía compostelá esta iniciativa lexislativa popular. O acto consistirá en:
– Mesa redonda Achegamento á figura de Afonso R. Castelao, onde se analizarán distintos aspectos da obra de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, como a faceta política, da man de Xoán Carlos Garrido, a literaria, con Xosé Manuel Rei, e a artística, con Paulo Porta.
– Actuación da Coral a A. C. M. Solfa, tamén colaboradora da ILP Castelao (…)
En todos os actos programados recolleremos sinaturas para apoiar a ILP Castelao, proceso para o que solicitamos a vosa colaboración.”

#EuSonRosalía fai sentir en Bonaval as moitas razóns para sermos “rosalías”

ArtigoEuSonRosalia___(1) de Carme Vidal en Sermos Galiza:
““Coma todos os anos reivindicamos que este lugar sexa laico e de uso público, con accesibilidade para que os nosos e as nosas escolares poidan vir a lle traer flores”, comezou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na apertura dun acto no que reivindicou o dereito do alumnado de todo o pais a visitar este lugar que é símbolo onde mora quen, transgresora, soubo derrotar a desesperanza quen, en palabras de Curros, leva a estrela na fronte, a quen é guía aínda hoxe para o noso devir”, dixo o presidente da AELG.
“Debemos deixar que Rosalía fale por voz de cada unha de nós”, dixo Rosalía Fernández Rial no manifesto da homenaxe central que a AELG lle rendeu, un ano máis, en San Domingos de Bonaval. A outra Rosalía, a de Carballo, recoñeceu a pertenza a unha mesma comunidade poética e manifestouse Rosalía, a outra, por “compartir a identidade”, nesa vontade na que se recoñecía a filosofía da iniciativa que neste ano promoveu a AELG e que levou á rede moreas de razóns para sermos Rosalías.
“A súa obra transcende o seu tempo e dálle voz a aquilo que nos define aos galegos coma construtores dunha cultura nun idioma”, dixo Cesáreo e, desa condición, inundouse o acto de Bonaval, de expoñer ás condicións rosaliáns das persoas que desexan, en especial desde a literatura, un mundo de igualdade e xustiza.
Moitas Rosalías rularon pola rede nestes días e unhas cantas colleron o micro en Bonaval para faceren escoitar os seus versos, coas reivindicacións de hoxe, pola nosa lingua, contra a emigración, coas persoas desafiuzadas e as obrigadas a emigrar, as que manteñen o “atrevemento” de continuar a escribiren en galego. A voz de Rosalía sentiuse así próxima, coa actualidade dos temas dos que ela falou e que continúan a estaren infelizmente presentes.
Mercedes Queixas, Isabel Kerdudo, Viki Rivadulla, Paula Carballeira, Mónica Caamaño, Ledicia Costas ou Xurxo Souto -que impresionou cantando a capela un dos seus poemas- foron algunhas das voces que trouxeron á beira do Panteón de Galegos Ilustres os versos de Rosalía na homenaxe central da AELG polo seu aniversario que se fai o vindeiro 24 de febreiro. E os poemas de Rosalía cadraban con cada unha das reivindicacións, desta maneira, Isabel Kerdudo lembrou ás persoas desafiuzadas e obrigadas a emigrar, Ledicia Costas recoñeceuse Rosalía no feminismo e no orgullo da lingua ou Mercedes Queixas no atrevemento de escribir en galego, entre outras razóns para reclamar que continuamos herdando da poeta.
A coral Solfa e Uxía puxeron música ao acto. “Unha Rosalía rebelde, revuldeira, telúrica, comprometida coa súa terra, a Rosalía vixente que hoxe nos trae aquí”, foi a que reclamou Uxía na intervención musical na que estreou unha nova canción que interpretou coa arpa de Clara Pino.
“Coñecer a Rosalía é coñecer a historia do propio país. Recatala da manipulación, do ocultamento, que sexa coñecida e valorada significará que é un pobo que se coñece a si mesmo, que sabe cales son as causas que non lle permiten vivir do propio traballo na propia Terra que este pobo humanizou para poder recibir dela os propios alimentos unha terra abenzoada pola fertilidade, un mar de fartura do que vén o pan que de xeito rebordantemente humano ela cantou”, reivindicou Cesáreo Sánchez, á fronte dunha AELG que ten na data de nacemento de Rosalía unha das principais conmemoracións do ano e defende que sexa convertido na grande celebración literaria tanto no ámbito escolar como no social e institucional. O acto rematou cunha ofrenda floral e a interpretación conxunta do himno galego.”