Luís Valle gaña o III Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

DesdeLuís Valle o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na tarde do xoves 26 de febreiro, na Sala A de traballo da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, Carmen Carreiro, Luís Cochón, Mercedes Queixas e servidor xuntamos para decidir cal había ser o poeta distinguido este ano co Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, certame mozo que, secasí, chega xa á súa terceira edición.
Carreiro é a alma deste premio, pois ela foi quen o ideou e quen o anima dende a presidencia da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe de Fornelos de Montes, terra do escritor, que tamén se comprometeu na organización dende o concello, pois é esta a entidade patrocinadora do mesmo coa axuda da Deputación Provincial e mais de Sotelo Blanco, selo que publica as obras gañadoras.
Xunto a ela, que actuou con voz e sen voto, Cochón, Queixas e eu deliberamos por espazo de dúas horas para ir peneirando entre os trinta e nove títulos que se presentaron nesta convocatoria, unha cifra que confirma a boa saúde do certame, no que se contou con poemarios de estimable altura.
Logo das correspondentes cribas, rematamos por escoller o orixinal presentado a concurso baixo o título As cicatrices do Sol e o pseudónimo Dylan Dog, curiosa máscara (remite a un famoso cómic italiano de Tiziano Sclavi considerado de culto entre os amantes do Fumetto Nero) tras da que, aberta a plica, resultou agocharse Luís Valle, poeta lucense cunha traxectoria importante que o levou a obter no 2008 o Premio de Poesía Caixanova coa obra A caída e no 2010 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Fedor, aos que sumou ultimamente Caderno do mendigo, publicado por Barbantesa no 2012.
As cicatrices do Sol sorprendeunos pola forza simbólica dos seus textos. Hai nel un elaborado urdido no que van tecéndose fías dun a outro poema que remiten a conceptos clave que cómpre decodificar axeitadamente para a comprensión do conxunto: as raíces, os anxos, as espiñas, os cervos, os corvos e as pombas ou as babas e os caracois son algunhas presenzas que proporcionan a este territorio lírico unha consistencia significante alén do aparencial.
Gustou, tamén, a orixinalidade da imaxinería que sostén o poema, posuidor dunha singular dicción que moitas veces relanza os versos cara a unha entidade dialóxica intermedia á que a voz poética dirixe proclamas. Alentan as composicións nunha atmosfera oracular, mesmo por veces non dubidan en internarse nos eidos do profético, alzando a palabra para revelar verdades superiores que se enxergan ocultas e que desvelan a súa epifanía facendo que a plenitude solar disipe océanos de sombra. (…)”

Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Na tarde do xoves 6 de marzo tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.
Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.
Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.
Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.
Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos. (…)”

Na entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

Crónica-reportaxe de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Este sábado 13 de abril, Fornelos de Montes, como París na célebre novela póstuma de Hemingway, era unha festa. Unha festa da poesía, da palabra entre amig@s, do pracer da lectura e do recordo polos que foron bos e xenerosos e sempre connosco van.
E velaí como dende ben cediño a banda de gaitas do concello percorreu as rúas da vila amenizando a xornada con seus acordes, música para os versos que logo resoarían nas lastras e casas grandes na celebración da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, organizado polo cámara municipal co seu alcalde Emiliano Lage Rodríguez á fronte e mais a benemérita Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, coa súa presidenta, a ubicua Carmen Carreiro, axudando a coordinalo todo para que nada fallase en tan sinalado día.
As moitas xentes que participaron das actividades tiveron tamén a oportunidade de adquirir novas lecturas, pois a pontevedresa Librería Paz desprazou un posto ata a localidade no que se ofertaron, amais do libro gañador do certame —o poemario As uñas crecen de Silvia Penas— todas as obras do escritor de Fornelos e moitas outras novidades editoriais de noso.
Os actos propiamente ditos deron comezo ás doce do mediodía, cando, no multiusos da vila, o alcalde, acompañado de parte da corporación, deu oficialmente a benvida aos asistentes e congratulouse publicamente pola ledicia que supuña poder presidir o acto de entrega da primeira convocatoria dun premio que, dende o seu propio nome, nacía coa vocación de lembrar e homenaxear a quen foi un dos máis senlleiros fillos do concello, que tiña na sala unha nutrida representación dos seus descendentes, entre a que se contaban varios dos seus fillos e netos.
A seguir, e logo da pertinente lectura da acta do xurado, tomou a palabra o profesor e ensaísta Luís Cochón, quen, en calidade de presidente do xurado do premio (que se completou cos nomes da crítica e investigadora Mercedes Queixas Zas e mais quen isto escribe, tamén presentes), fixo un completo retrato da figura de Lueiro Rey no que non faltaron as palabras que ao autor dedicaron outros compañeiros da escrita como, poño por caso, Uxío Novoneyra, facendo especial fincapé no que este representou para a sociedade a literatura galegas do seu tempo, memoria que se perpetúa con este premio que tan alta participación alcanzou xa nesta convocatoria primeira.
Inmediatamente despois, Olegario Sotelo Blanco, como editor responsable do volume gañador, quixo significar o mérito que para el supuña que un concello como o de Fornelos de Montes, no actual contexto, tivese feito o esforzo de botar a andar unha iniciativa coma esta, na que se honra un fillo querido do concello e un brillante escritor galego, á vez que amosou o seu incondicional apoio ao premio ao que desexou longa vida.
Acabada esta intervención, procedeuse á entrega do galardón a Silvia Penas Estévez, quen, amais do premio en metálico, recibiu tamén un diploma acreditativo e mais o primeiro exemplar de As uñas crecen, poemario acabado de saír do prelo de Sotelo Blanco Edicións co que a escritora se fixo acredora do premio. A viguesa pronunciou unhas palabras de agradecemento, nas que non esqueceu nin as entidades convocantes nin o xurado, pero que remansaron sobre todo no recordo do Lueiro Rey, a quen a poeta dixo admirar ata o punto de querer xunguir o seu nome ao deste co concurso no premio.
Tras a entrega, deuse paso á proxección dun valioso vídeo realizado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez e coordinado polo profesorado deste centro, con Óscar Martínez Iglesias á cabeza. Nel, os escolares da zona recitaron versos da obra de Lueiro Rey, confirmando coas súas voces noviñas que a escrita do seu paisano segue viva entre as novas xeracións daquel lugar.
Logo desta proxección, que gañou o aplauso acendido do numeroso público e familiares concorrentes, a gañadora deleitou á concorrencia co recitado, de cor, de dous longos poemas do seu libro, que tamén mereceron a admirativa resposta dos alí presentes.
Finalizadas as alocucións, e tras asistir á interpretación do himno galego por parte da banda de gaitas do concello, o alcalde despediu o acto animando a todos a apoiar coa súa asistencia vindeiras convocatorias do premio e convidou á veciñanza a un pequeno refectorio no que se serviu un viño galego e a os presentes tiveron tempo para falar de literatura en particular e de cultura en xeral na lembranza de Manuel Lueiro Rey, ilustre paisano que o pasado día 9 de abril estivo de aniversario natalicio.
Vaian os meus parabéns tanto para Silvia Penas, flamante gañadora do premio co excelente As uñas crecen que ben pronto estará en todas as librerías do país, coma tamén ao Concello de Fornelos de Montes e Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe quen, xunto a Sotelo Blanco Edicións, fan posible este pequeno gran milagre de dar á luz belidos versos en tempos tan sombríos.”