Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2017

A AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral levando a Lugo a súa Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», terá lugar o 27 de maio no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, na Avenida Alcalde Anxo López Pérez, 34 (como chegar). Esta actividade conta co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo

O obxectivo principal da Gala é a entrega dos V Premios Mestras e Mestres da Memoria, que se conceden a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.

Ademais das persoas homenaxeadas, intervirán:

A música corre a cargo de Branca Villares e Ricardo Marcos Casás Salgado.
Presentación: Antonio Reigosa.

Mestras da Memoria 2017: Pandereteiras Da Alén
Do lugar da Alén, Xirarga, Beariz, Ourense.
Orosia Gil Ramos (95 anos) Alsira Gil Ramos (90 anos) e Ólida Diz Ramos (96 anos).
“Presenza viva da poesía e música, tesouro en vida onde repousan xotas, muiñeiras, pasodobres, cantares de reis, aturuxos e a sabedoría e a sensibilidade popular feita poema musicado.” (Poldo Cañizo).

Mestre da Memoria 2017: Serafín Mourelle Bugallo
Mariñeiro e poeta. 84 anos. Nacido en Corme. Residente na cidade da Coruña.
“Aos catorce anos embarcou de axudante de cociña  e chegou a converterse nun famoso patrón do Gran Sol. Nos anos sesenta  foi un dos descubridores dos vizosos caladoiros de Porcupine, o volcán submarino situado ao oeste de Irlanda. Tamén é poeta ao xeito de Manuel Antonio; isto é, poesía do mar escrita pola propia xente do mar.“ (Xurxo Souto).

O principal valor dunha sociedade constitúeno as persoas, os tesouros humanos vivos, homes e mulleres que estiveron atentos para recibir dos seus predecesores a herdanza cultural, que logo reciclan e recrean, e que adaptan e actualizan con xenerosidade para, por fin, transmitir todos eses saberes herdados aos que veñen detrás.
Nesta cadea de comunicación a cultura popular mantense viva porque se actualiza sen renunciar ás esencias que a distinguen, que a fan ao tempo singular e universal.
Desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) queremos contribuír a manter sempre aberta esa canle de comunicación entre os que por idade e, como consecuencia, por acumulación de experiencias e saberes, gardan a memoria deses esencias da nosa cultura e os que, pola contra, andan aínda descubrindo o mundo que os rodea.

Pódese consultar aquí a listaxe de persoas que xa foron nomeadas Mestras-es da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral, á que o vindeiro sábado se engadiran as Pandeireteiras da Alén e Serafín Mourelle.

Hélia Correia: “Os galegos ollan para Portugal e os portugueses están a ollar para Europa”

Entrevista de R. Castro a Hélia Correia en Sermos Galiza (foto de C. Sánchez):
“(…) – Sermos Galiza (SG): E que lle pareceu que os escritores e escritoras galegas a recoñezan como Escritora Galega Universal?
– Hélia Correia (HC): Eu acepto premios de amigos e de pares, non acepto premios de empresas e así. Pero este da Galiza é diferente. Os outros son dados por amigos e este é dado por irmaos. Porque cos meus amigos galegos e coa cultura galega eu sinto unha afinidade moi moi especial, e hai realmente unha relación de irmandade. Somos fillos dos mesmos pais, da mesma lingua, da mesma cultura… Polo tanto é unha prenda moito máis íntima. Non podo ser moito máis afectuosa porque as outras persoas que me queren ofrecer eses outros premios son persoas ás que me liga moito afecto. Pero isto é case biolóxico, porque estamos na mesma familia. Para min é iso, meus irmaos que me chamaron aquí e me puxeron dentro desta festa.
– SG: Falabamos antes das dificultades de comunicación e de circulación de produtos culturais entre Galiza e Portugal. Que cre que se pode facer no ámbito das relacións entre as dúas culturas?
– HC: Non sei, eu sei que os meus amigos galegos, escritores e cantores, ollan moito para Portugal e fan o que poden para que haxa intercambio e proxectos comúns. Os portugueses non tanto, eu creo que neste momento da historia están a ollar en direccións diferentes. Os galegos ollan para Portugal e os portugueses están a ollar para Europa, para os países que lles dan subsidios, para os modelos culturais de Europa, queren imitar os países ricos, queren mostrar que están adaptados ás outras culturas e linguas europeas, sobre todo ao inglés.
– SG: Vostede ten escrito novelas, contos, poemas, traducións… pero a poesía invade todos os seus textos.
– HC: Si, eu escribo metricamente. A miña prosa é métrica, feita por unha colaxe de versos, porque é ditada por un verso, por un ritmo, por un número de sílabas de cada frase, por centros tónicos. Todo o que eu escribo ten forma poética, e tamén en certo modo, a inspiración -entre aspas- é poética, porque non escribo sobre o real con instrumentos fotográficos, eu escribo sobre o que está para alá do real. O poema informa a prosa.
– SG: Escribe as novelas frase a frase, sen estrutura, nin planea previamente a evolución dos personaxes.
– HC: Si, mais non é un don. Iso é unha característica dun temperamento moi preguizoso, que non foi habituado a traballar nin foi educado para o esforzo. Eu non fago planos con nada na vida, e acho que vai todo correr ben. O de deixarse ir é moito a miña actitude perante as cousas da miña vida. É moi pasiva, o deixar ir, o confiar nos bos ventos. E na escrita fago a mesma cousa. Déixome ir, e por iso me leva tanto tempo escribir unha novela, ás veces boto meses sen escribir unha frase, porque ela non aparece. E se non aparece, non a escribo, non podo ir buscala alá onde estea. E, por tanto, estou á espera da frase. Mentres, vou vivindo os meus imaxinarios. Tamén porque nunca aceptei unha limitación editorial, por exemplo, que me obrigase a escribir. E polo tanto era incapaz de ter unha precisión profesional, iso de ter que escribir e entregar o libro naquel prazo… no meu caso é o oposto a iso. (…)”

Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Francisco X. Fernández Naval, o 13 de maio

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 13 de maio, con Francisco X. Fernández Naval. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Obras gañadoras da II Gala do Libro Galego

Vén de rematar a II Gala do Libro Galego, que tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego 2017. Aquí pode verse o vídeo do acto.

A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:

Ensaio

Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María. De Mercedes QueixasEditorial Galaxia

O xurado estima que é unha obra moi pedagóxica, de fácil lectura e moi divulgativa, con funcionamento moi exitoso nas librarías.

Tradución

Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de BretañaAnónimo. Tradución: Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora

O xurado valora nesta tradución a dificultade técnica de imitar o estilo doutra época e valora positivamente a idoneidade e necesidade a escolla esta obra para a tradución ao galego

Proxecto literario na rede

A Sega. Plataforma de Crítica Literaria

Valórase a aúna esforzos de crítica literaria e divulgación. Capacidade de artellar a varias mulleres facendo crítica, resaltando a vertente feminista da plataforma.

Literatura infantil e xuvenil

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. De Ledicia CostasEdicións Xerais de Galicia

Estimouse o proceso de transformación moi imaxinativo empregando o recurso da muller planta, a partir do que se teceu unha historia moi imaxinativa e plástica, que permite unha lectura moi visual.

Iniciativa bibliográfica

Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas

O xurado valora a metodoloxía empregada e a introdución de linguaxe non verbal. Trátase dunha obra que pon en valor un xénero que non soe ser a primeira escolla polo que se inclina o lectorado. Trátase dos poucos traballos de didáctica probada en galego

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz)

Valórase que é unha iniciativa con moito esforzo e reducido orzamento. Aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría.

Libro ilustrado

Canta connosco. De Óscar VillánKalandraka Editora

Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador. A súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño.

Teatro

Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada. De Carlos LabrañaEditorial Galaxia

Sobrancéase o feito de ser capaces de introducir nunha obra unha cuestión de ctualidade. É un libro orientado a un público que non soe consumir este xénero, polo que se valora a necesidade de darlle valor ao teatro infantil. Destacan o labor do autor como escritor teatral.

Xornalismo Cultural

Zig-Zag

Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na necesidade de espazos culturais dentro da televisión pública. É un proxecto que valora a cultura e, concretamente, visibiliza o sector do libro.

Narrativa

Todo canto fomos. De Xosé MonteagudoEditorial Galaxia

Pola súa calidade, moi ambicioso que acada o seu obxectivo: reflectir a realidade dunha época. É unha grande novela con pouco recoñecemento.

 

Poesía

O cuarto das abellas. De Antía OteroEdicións Xerais de Galicia

Destácase a creación que crea un mundo propio a través de imaxes. Trátase dun diálogo coa literatura que conmove ao lectorado

 

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras premiou e recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón á Escritora Galega Universal á autora portuguesa Hélia Correia.

A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo De Vacas.

A Gala do Libro Galego 2017 foi apoiada polo Concello de Santiago, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, e pola Deputación da Coruña.

Compostela: II Gala do Libro Galego, o sábado 20 de maio

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia dan a coñecer as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017, un galardón co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo e daranse a coñecer o vindeiro 20 de maio na Gala do Libro Galego 2017, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, segundo o seguinte programa:

  • 18:30 Sesión fotográfica á entrada do teatro
  • 19:30 II Gala do Libro Galego 2017
  • 21:30 a 22:30 Sesión fotográfica coas persoas gañadoras

Iria Pinheiro será a mantedora da Gala, que contará coa actuación do grupo De VACAS.

O acto é de acceso libre até completar aforo.

As obras que resultaron finalistas son:

Ensaio

Narrativa

Literatura Infantil e Xuvenil

Libro ilustrado

Iniciativa bibliográfica

Tradución

Poesía

Teatro

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

Proxecto literario na rede

Xornalismo Cultural

A Gala do Libro Galego 2017 conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.

Escritora Galega Universal 2017: Hélia Correia

Con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato e Pere Gimferrer, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Hélia Correia, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético.
Con motivo da súa estadía en Galicia, Hélia Correia desenvolverá a seguinte axenda de actos:
Venres 19 de maio, ás 12:00, no Hotel Virxe da Cerca (Rúa Virxe da Cerca, 27 – Santiago de Compostela), encontro cos medios de comunicación.
Venres 19, ás 18:30, na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, s/n. – Santiago), onde ofrecerá unha conferencia-coloquio, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Carlos Quiroga, vogal de Lusofonía da AELG.
– Finalmente, Hélia Correia recollerá o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, o sábado 20 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Organizan: AELG, Asociación Galega de Editoras e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, e a colaboración da Fundación Eugenio Granell.

Hélia Correia naceu en Lisboa en 1949. Licenciada en Filoloxía Románica na Faculdade de Letras de Lisboa, foi profesora de lingua portuguesa no ensino secundario.
En 1981 estreouse na poesía con O Separar das Águas; en 1982, foi a vez d’O Número dos Vivos. A novela Montedermo, escenificada polo grupo O Bando, acabou por dar á autora un certo destaque. Este enfoque reflicte, desde moi cedo, o gusto da autora polo teatro e a Grecia Clásica. Destacan tamén, na súa produción literaria, as obras narrativas Casa Eterna e Soma. Xa en poesía, hai que salientar A Pequena Morte/Esse Eterno Conto. En 2010, Hélia Correia publicou a novela biográfica Adoecer, en que aborda a historia de amor entre Elisabeth Siddal e o poeta e pintor pre-rafaelita Dante Gabriel Rossetti. En 2012 publica a obra A Terceira Miséria, que foi dobremente premiada na modalidade poesía.
Ten recibido os premios Máxima de Literatura (1991, 2006), D. Dinis (2001), P.E.N. Clube Português de Novelística (2002) e Poesía (2013), Vergílio Ferreira (2013) e, en 2015, o Prémio Camões.

Paseo pola Coruña Literaria con Francisco X. Fernández Naval, o sábado 13 de maio

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Francisco X. Fernández Naval.
A Coruña: feminina e plural. Dous serán os fíos condutores: a particularidade de ser A Coruña unha cidade que deu, ou na que viviron, mulleres transcendentes no seu pensamento e nos seus feitos e, tamén, o de ser de sempre cidade liberal. Pasaremos por lugares vinculados a María Casares, María Miramontes, María Pita, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Herrera Garrido, Luísa Villalta. Falaremos do mito do nome da cidade, da razón da rúa das Damas, e invocaremos a Juana de Vega, Concepción Arenal, Isabel Zendal ou Eugenia Osterberger, sen deixar de atender ás referencias liberais que atoparemos camiño.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir das seguintes datas:

Para este Paseo con Nacho Taibo a inscrición está aberta desde o martes 2 de maio. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Xosé Vázquez Pintor, o 29 de abril

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 29 de abril, con Xosé Vázquez Pintor. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Nacho Taibo, o 6 de maio

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 6 de maio, con Nacho Taibo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseo pola Coruña Literaria con Nacho Taibo, o sábado 6 de maio

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
O paseo percorrerá algunhas recordacións do autor sobre o centro da Coruña, fundamentalmente en relación cos escenarios da novela Os tres de nunca.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir das seguintes datas:

Para este Paseo con Nacho Taibo a inscrición está aberta desde o luns 24 de abril. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

O seguinte paseo será:
– Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.